martes, 4 de xaneiro de 2022

Spiderman 2: Lonxe de casa

Está claro que me estou volvendo un experto no mundo de Spiderman, polo menos se miramos o número de películas que vin ultimamente sobre este superheroe. Pero penso que me vou baixar, porque parece que se lles está indo a pinza aos de Marvel ultimamente. Ata agora veía películas de superheroes, uns de DC e ultimamente case todas de Marvel, nas que un deles, máis ou menos coñecido, se enfrontaba a uns malosos que aparecían por alí, e punto. Pero agora esta xente xa está metendo a moitos superheroes na mesma película, enfrontándose a alieníxenas, uns que parecían bos, despois son malos ou regulares, nada é o que parece, é todo un lío. Esta xa me pareceu que ía bastante nesta liña, e por outra banda, a historia que andaba ao redor da loita dos superheroes pareceume bastante estúpida, cun grupiño de alumnos estadounidenses e un par de profesores, todos bastante gilipollas, que xa non sosteñen nin un bo guión.

Esta xa é a terceira saga nas películas de Spiderman. A primeira foi protagonizada por Toby Maguire. A segunda por Andrew Garfield. Pasables, aínda que ían desinflándose. E a terceira está protagonizada por Tom Holland, e polo que parece, xa está totalmente intrincado co multiverso de Marvel, os Vengadores, e todas estas caralladas que se están inventando nos últimos anos, que se están forrando, pero que a min non me chaman nadiña a atención. Foi dirixida en 2019 por un tal Jon Watts, é a segunda desa liña, e está saíndo a terceira, que parece que xa é un despiporre, porque aparecen os tres protagonistas en universos paralelos, ou algo así. Eu xa paso desta movida. Aquí os papeis principais son para Tom Holland, Zendaya, Samuel L. Jackson, Marisa Tomei, Jon Favreau e Jake Gillenhaal.

Despois das leches que se meteron os Vengadores con non sei quen, e que morrera Tony Stark, Spiderman quere descansar un pouco. E decide irse cos seus compañeiros de instituto (entre os cales está a rapaza que máis lle gusta, outra MJ pero que non é a da segunda saga, eu non entendo nada) de viaxe a Europa, acompañados por dous profesores. Acaban visitando Venecia, Praga, Berlín e Londres, e non van a París, aínda que estaba previsto inicialmente.

Pois nada, xa en Venecia, esta queda destrozada porque cando están paseando polos canais, aparece algo con forma dun xigante de auga, ou algo así, que quere destruílo todo. Pero é vencido un pouquiño (pero pouco) por Spiderman e un moito por un novo superheroe chamado Mysterio ao que ninguén coñecía, pero que semella bastante poderoso.

Acaban reuníndose Mysterio e Spiderman e falan da situación, e parece que o que venceron en Venecia é o penúltimo dos Elementais, catro terribles monstruos formados polos catro elementos. O único que queda é o do Lume, e parece que está en Praga. A excursión escolar ía ir a París, pero por un casual, cambian de plan, e lévanos a Praga, que é unha cidade moi bonita para ser destruída nunha carallada destas. Por certo, quen os levou para alí é un tal Nick Fury que, polo visto, ten poder para ir levando superheroes dun sitio para outro.

Efectivamente, chegan alí e hai a batalla de rigor, na que Spiderman xa se implica un pouco máis, pero de novo a victoria débese sobre todo aos méritos de Mysterio. Pero despois diso, Spiderman recoñece que el non ten demasiado poder nin xerarquía entre os superheroes, e dálle a Mysterio as super-gafas de Ironman que Nick Fury lle entregara a el, porque pensa con sensatez que ese novo superheroe ten moitos máis méritos para sacarlle partido a esa importante arma.

Ata aquí todo ben. Pero xusto a continuación, descúbrese que Mysterio non era tan bo como parecía. Resulta que os dous Elementais que derrotaran nos últimos días foron creados por Mysterio e o seu equipo, e que realmente non existían. E todo fora unha farsa para conseguir que Spiderman lle cedera a Mysterio por iniciativa propia as super-gafas de Ironman. Agora o seu obxectivo é tamén destruír a Spiderman.

Ese ataque final ten lugar en Londres, intentando aproveitarse dos compañeiros de clase de Peter Parker. Concretamente, vai ter lugar no Tower Bridge, onde sucede a batalla final. Como era previsible, acaba gañando o bo, e a súa compañeira de clase revélalle que está namorada del. Que tenro todo!!!

Saúdos.



Cadea perpetua

Lembraba que vira esta película hai moito tempo e que me causara moi boa impresión. Lembraba que o máis destacado era o personaxe principal, protagonizado por Tim Robbins, pero non lembraba exactamente por que. Así que non desperdiciei a oportunidade cando a botaron de novo na televisión convencional.

Foi dirixida por Frank Darabont en 1994. O papel principal é para Tim Robbins, como xa dixen, seguido a pouca distancia por Morgan Freeman. Despois hai unha extensa nómina de secundarios onde se atopan, por exemplo, Bob Gunton e Clancy Brown (o Kurgan dos "Inmortais", vaia, non o recoñecera).

De novo, curioso o que sucede co título. Todo sucede na prisión de Shawshank. A novela orixinal de Stephen King titulábase "Rita Hayworth e a redención de Shawshank". Na película quedouse nada máis en "A redención de Shawshank". Pero xa vedes como a traduciron en España. Pero en Hispanoamérica recreáronse con títulos como "Soños de liberdade", "Escape á liberdade" e "Soños de fuga". Delirante. Aínda que hai que recoñecer que ten un argumento que se sae do convencional para ser unha película carcelaria.

Todo xira en torno á historia de Andy Dufresne. Era un reputado banqueiro no estado de Maine, que descubre que a súa muller se está deitando cun xogador de golf. Comeza a vixialos coa intención de matalos, pero emborráchase na noite na que o ía facer, e aínda que todas as probas apuntan a que foi el quen os matou, el di que non o lembra e cre que finalmente non o fixo. Pero o caso é que lle poñen dúas cadeas perpetuas e vai á prisión de Shawshank, nese mesmo estado.

Chega alí, e a súa apariencia de persoa instruída e non ruda fai pensar que lle será moi penosa a súa estancia. E en parte é certo, porque un grupo de brutáns que pretenden sodomizalo danlle malleiras con certa frecuencia, pero que non conseguen chegar máis alá diso, aínda que lles gustaría.

Aos poucos, comeza a caer ben e facer amizades, e lévase moi ben con Red, un recluso negro que é o xefe do contrabando dentro da prisión. El pode conseguir case calquera cousa. E o primeiro que lle pide é bastante inusual, tanto que ten que explicarlle o que é. É un martelo de xemas, un pequeno marteliño do tamaño dunha man, que serve para tallar pezas e pedras, que é unha das paixóns de Andy, que ve que no patio da prisión hai pedras de moi diferentes minerais. Ah, e pouco despois pídelle un cartel grande Rita Hayworth.

Vaise facendo un sitio na prisión, e un día, cando está facendo un traballo un tanto especial cos seus colegas, escoita como o xefe dos guardias da prisión, que é un auténtico animal, está pensando en renunciar á herdanza dun familiar, porque lle tocou moi pouco e porque cos impostos aínda lle ía quedar menos. Botándolle moito peito, Andy achégase a el, e con grande perigo físico pola súa parte, explícalle que el coñece ben os mecanismos fiscais do estado, e que estará encantado de xestionarlle o cobro desa herdanza para que poida disfrutar de todos os cartos. E parece que o consegue.

A noticia debe chegar a ouvidos do alcaide da prisión, outro mal bicho que quere facerse rico por calquera medio, e entón Andy comeza a ascender e a xestionar contas turbias nas que se van depositando os cartos, de forma que, se alguén os pilla, ninguén poida ser acusado, porque están a nome dunha persoa ficticia inventanda por el mesmo.

Vai pasando o tempo, e cando xa case leva 20 anos preso, chega á prisión un rapaz novo, carne de cañón, que estivo case toda a súa vida na cadea. Andy incluso ensínalle a ler. Casualmente, un día este rapaz escoita a razón pola cal Andy está preso, e el di que nunha cárcere anterior coincidiu na celda cun tipo que dixo que matara a unha parella de amantes como os da historia de Andy. Este ilusiónase de novo con que se reabra o caso. Pídelle ao alcaide que lle axude a facelo, e este négase en redondo, mandando a Andy a unha celda escura e solitaria durante un mes, e matando ao rapaz que acababa de chegar ao cárcere. Está claro que ao alcaide lle ían moi ben as cousas como para deixar marchar a Andy.

Cando Andy sae do illamento, todos o ven moi decaído, e pensan no peor, que se cadra pode incluso suicidarse na súa celda. Pero sucede todo o contrario. Co martelo de xemas, tapado polos carteis que ía poñendo, fixo un túnel que lle permitiu fuxir pola noite. Tamén aproveitou para enviar cartas e documentos que permitiron apresar ao alcaide e ao xefe dos guardias da prisión. E foise a vivir a un pobo da costa mexicana do Pacífico, onde se xuntaría tempo despois con Red, cando este tamén saíu do cárcere, pero por medios legais.

Si, unha película carcelaria estadounidense, na que pasan moitas das cousas típicas deste tipo de situacións, pero xa digo, o personaxe de Andy Dufresne é tan fóra do convencional, que lle dá un tono totalmente diferente á película. Quen sabe, se cadra xa puido fuxir antes, pero non quixo, por algunha razón...

Saúdos.





luns, 3 de xaneiro de 2022

Piratas do Caribe: en mareas misteriosas

E o que dicíamos. Nuns 370 días conseguín ver as cinco partes da saga de Piratas do Caribe. A última que vin foi a cuarta da saga, da que vou falar agora. Como conclusión, diría que xa me está resultando algo ou bastante cansina, e que as escenas circenses e moi simpáticas que me chamaron a atención das dúas primeiras películas xa case desapareceron por completo. Así que, saga rematada, e deixala ir.

Hai que recoñecer que nesta cuarta é na que están presentes menos estrelas do elenco: só quedan Johnny Depp e Geoffrey Rush. Foi dirixida en 2011 por Rob Marshall. As principais novidades foron Penélope Cruz e Ian McShane.

Xa no final da terceira se anunciaba de que ía tratar esta cuarta. Moita xente quería chegar á Fonte da Eterna Xuventude. E Jack Sparrow tiña o mapa para chegar alí. Pero para conseguir facelo, non lle queda máis remedio que aliarse con Angélica Teach, e co seu pai, o temible pirata Barbanegra.

Para chegar alí, teñen que pasar por un lugar onde están as temibles sereas (casualmente, lanzan coas mans redes como fai Spiderman coas teas de araña). Pero hai unha delas que é boa e namora dun xoven misioneiro que vai no barco. Para poder facer uso da famosa fonte, deben conseguir unha bágoa de serea, e teñen que botar a auga da fonte e a bágoa en dous cálices que están nun antigo galeón español que quedou alí varado hai varios séculos.

Por suposto, conseguen todo iso, pero chegan ao mesmo tempo que Barbossa, e tamén que un pequeno continxente de españois, que destrúen a Fonte (ou iso cren) porque non respecta a súa relixión. Toda esta historia teoricamente era para que Barbanegra puidera recuperar parte da súa vida, porque xa vai algo vello, pero ao final as cousas non lle saen tan ben.

O que dicíamos, as historias cada vez máis embrolladas e retorcidas. Están estirando o chicle máis de recomendable. Estas películas son moi caras pero parece que tamén garantizan moita taquilla.

Saúdos.



Piratas do Caribe: na fin do mundo

É curioso. Hai pouco máis dun ano dicía aquí que tiña interese por ver algunha das películas desta saga, que son cinco, e nese prazo conseguín velas todas. Deben programalas bastante na televisión. Esta da que vou falar agora é a terceira da saga, pero a cuarta que eu vin.

Foi dirixida en 2007 por Gore Verbinski (a última que el fixo) e no elenco estaban os clásicos Johnny Depp, Orlando Bloom, Keira Knightley e Geoffrey Rush, ademais dunha extensa nómina de secundarios. Os engadidos máis exóticos poden ser Chow Yun-Fat e Keith Richards, o guitarrista dos Rolling Stones, que nun brevísimo papel fai de pai de Jack Sparrow (nunha das seguintes películas da saga Paul McCartney fai do seu tío).

A historia xa comeza a converterse nun lío incomprensible. Están os ingleses, como sempre, que perden ao final aínda que semella que van ganar. Está o barco pantasma de Davy Jones, onde está, por exemplo, o pai de Will Turner. Ao final desta película matan a Will Turner e ocupa o lugar de Davy Jones. O máis exótico é que ao principio se enfrontan a un pirata oriental, Sao Feng, que despois pasa a ser o seu aliado.

Teñen que xuntar á Irmandade dos Piratas, e xuntarse alí os nove xefes, para decidir o que van facer. E deciden liberar a Calipso (que era Tía Dalma) da súa forma humana, pero iso a converte nun ser xigante e finalmente nunha treboada e nun maelstrom. En definitiva, un terrible embrollo de historia que xa resulta algo difícil de entender a estas alturas.

Saúdos.



domingo, 2 de xaneiro de 2022

Barry Lyndon

No ano 2021 que acaba de rematar, como coido que xa dixen anteriormente, merquei un paquete que trae sete películas do gran director Stanley Kubrick, o que a min máis me gusta, aínda que non todas as súas películas me convencen. Unha das razóns principais para facer esa compra era que se cumprían os 50 anos de "A laranxa mecánica", precisamente a película que máis me gusta (deste director e da historia do cine en xeral). Pero outra que me gusta moito e que había moito tempo que non veía era "Barry Lyndon", así que a puxen unha destas noites despois de cear, porque dura nada menos que tres horas.

Foi dirixida en 1975 por Stanley Kubrick, e os papeis principais foron para Ryan O'Neal, Patrick Magee e Marisa Berenson. O de Ryan O'Neal está moi claro, porque aparece a todas horas, e a película trata da vida do seu personaxe. Patrick Magee (que xa tivera un papel importante en "A laranxa mecánica", a anterior película deste director) é dos personaxes máis importantes da primeira parte da película. Marisa Berenson é a máis importante da segunda parte. Como sempre, están acompañados por un feixe de magníficos actores e actrices secundarios, en moitos casos do teatro británico, como Hardy Kruger, Gay Hamilton, Godfrey Quigley, Marie Kean, Murray Melvin, Leon Vitali, Philip Stone ou Leonard Rossiter.

A primeira parte da película trata sobre as primeiras décadas de vida do irlandés Redmond Barry, que nace a mediados do século XVIII. Trala morte do pai nun duelo, a nai vólcase na crianza do seu único fillo. Redmond namora da súa curmá Nora. Pero Nora decide casarse cun capitán do exército británico, que traerá moita riqueza á familia. Redmond reta a duelo ao capitán, pero el non sabe que o duelo está amañado, para que pense que matou ao capitán e que debe fuxir da policía. De todo isto el entérase máis tarde.

Algún tempo máis tarde, sen ter onde caerse morto, únese ao exército británico, pero sen moito afán, e acaba desertando, aínda que é descuberto polos prusianos, que son os seus aliados na Guerra dos Sete Anos, que estaba tendo lugar. Salva a vida dun dos capitáns prusianos e pensan nel como espía dun xogador francés que está de xira por Prusia, do que sospeitan que tamén é espía para o seu país, contricante nesa guerra. Pero tampouco é capaz de soportar a presión, e confésalle ao xogador (que realmente é irlandés, coma el) que ten que finxir que lle espía. 

Conseguen fuxir do país e seguen de xira ludópata por Europa, facendo grande fortuna. Volven ás Illas Británicas, e nunha das súas partidas, coñecen a Lord Lyndon e Lady Lyndon, nobres que teñen grande fortuna. Lord Lyndon vai maior, espérase que non tarde moito en morrer, e Lady Lyndon gústalle moito, así que fai plans para casar coa señora en canto morra o señor, aínda que todo o mundo o ve claramente, e o propio Lord Lyndon bótallo en cara en público. Pero o señor morre axiña, e Redmond casa con Lady Lyndon, pasando a chamarse Barry Lyndon.

Dese xeito comeza a segunda parte da película. Lady Lyndon xa tiña un fillo, que ten uns 7-8 anos no momento do novo casamento, que recibe o nome de Lord Bullingdon. Este fillo, a pesar da súa curta idade, ten claro que os propósitos de Barry non son nada nobres, e as súas relacións son nefastas dende o primeiro día. E razón non lle falta, porque a pesar da beleza de Lady Lyndon, Barry pasa bastante dela e vai a burdeles para estar con outras mulleres. A pesar diso, teñen un fillo propio, chamado Bryan Patrick.

Barry decátase de que precisa conseguir un título nobiliario propio, porque todo o que ten realmente é da súa muller. Así que comeza a invertir grandes cantidades de diñeiro (da súa muller) en ter amizades, festas e propiedades para que o rei lle conceda un título propio que lle permita vivir despois. Pero non o consegue. Lord Bullingdon marcha da casa cando ten unha certa idade, para non soportalo máis. E Bryan morre ao caer dun cabalo que lle ían regalar no seu aniversario. Barry cae nun pesar terrible, e Lord Bullingdon volve para retalo a duelo. O duelo ten lugar nunhas condicións moi estrañas, e Barry ten todo ao seu favor para matar a Bullingdon, pero decide non facelo, e recibe un disparo na perna esquerda, que despois teñen que amputarlle pola ferida. A película remata con Barry marchando coa súa nai para Irlanda de novo, cando xa é algo maior.

Fantástica película, con moitas das características habituais do cine de Kubrick. Ritmo lento, diálogos curiosos e ás veces intrascendentes, moitas escenas sen diálogos pero con olladas que transmiten moito. Música clásica fantástica e tradicional irlandesa tocadas polos Chieftains. Polo visto, unha ambientación do século XVIII que aínda non foi igualada. 

Saúdos.



venres, 31 de decembro de 2021

España, unha historia única

Como xa dixen hai algún tempo, actualmente entran poucos libros en castelán na miña casa. Non é que sexa algo que me preocupe demasiado, pero é un dato obxectivo. A causa principal foi o peche de Círculo de Lectores, que xa sucedeu hai 2-3 anos, por estas datas, se non me engano.

Nestes últimos anos basicamente entrou un libro de Concepción Arenal, parte da obra de Ramón María del Valle-Inclán, e unha colección de libros de historia, todos eles publicados pola Voz de Galicia nunha das súas múltiples promocións.

Decidín comezar pola colección de libros de historia, composta por oito volumes. Deses oito, tres son sobre a historia de Galicia. Como xa lin sobre ese tema hai pouco, decidín deixalos para despois (ademais, están en galego, claro). Hai dous da colección sobre a historia de Europa, que me interesa bastante, pero son as dúas partes do mesmo libro, e preferín deixalos para despois por esa razón. E dos tres que hai sobre España, unha obra ocupa dous volumes, e queda só outro volume sobre ese tema, así que lle tocou o sorteo. O premiado coa miña lectura foi "España, una historia única" de Stanley G. Payne.

Pois iso, o tema dá para moito. Non é un libro de historia lineal e secuencial. Vai mencionando e analizando as diferentes épocas, dende os visigodos e monarquía "asturiana" e Al-Ándalus. Fala da relación de España con Europa e con Portugal.

A primeira parte do libro explica por que razón el acabou sendo "hispanista", cando inicialmente non tiña en absoluto esa intención. A segunda parte trata dende os visigodos ata o final do século XIX. E a terceira e última parte trata do tramo que máis lle gusta e lle interesa a el, o século XX.

Lendo o libro, como supoño que sucederá con moitos dos libros escritos por historiadores, semella ser ecuánime, parece que consultou todo tipo de fontes e que, unha vez feito iso, intentou opinar con obxectividade. Todos fixeron cousas boas ou malas, ninguén é perfecto, e todo está suxeito a perspectivas e interpretacións diferentes. Ata aí supoño que non hai nada que dicir. Pero como os historiadores poden consultar documentos que os demais non veremos nunca, se cadra teñen máis base para dicir unha cousa ou a contraria. Pero poden facelo todos os historiadores, así que a ideoloxía e as tendencias de cada un deben ter un peso determinante para decantar a balanza dun lado ou doutro, e na Historia debe suceder algo parecido.

En España, país bastante polarizado ideoloxicamente, a confrontación entre historiadores de esquerda e de dereita é moi acentuada. Polo que acabo de ler na Wikipedia, este autor comezou a publicar obras sobre a historia española no ano 1965. E durante varias décadas, tivo bastante prestixio entre os historiadores de esquerda, que parece que o colocaban como "moderado", no centro-esquerda. Pero semella que en torno ao ano 2000 comezou a unirse a historiadores revisionistas de dereita como Pío Moa, que opinan que o franquismo foi o artífice de que España se puxera á altura de Europa a finais do século XX (e que non foi a Transición), e que están totalmente (ou case) en contra da "memoria histórica" española, que consideran un intento de venganza da esquerda nas últimas décadas. Precisamente o principal impulso a ese tema comezouno Zapatero na súa primeira lexislatura, e se cadra foi daquela cando este señor se pasou a ese "bando".

A verdade é que a min o debate supérame. A miña ideoloxía é de esquerda e estou disposto a aceptar que non todos os de esquerda son nin foron santos, pero resúltame moi difícil calibrar cando alguén se pasa para o outro lado. 

Eu supoño que un historiador ou intelectual calquera acaba sendo un experto en todos ou a maioría dos temas sobre os que publica libros. Stanley G. Payne publicou libros sobre Falanxe, militarismo español, catolicismo, fascismo, Franco, carlismo, José Antonio Primo de Rivera, nacionalismo vasco, guerra civil, república, Franco e Hitler, Unión Soviética, Alcalá-Zamora. Segura que busca a obxectividade, como todo o mundo, e máis dedicándose á súa profesión, pero non teño claro se, cando investiga sobre un tema que ten un grande sesgo ideolóxico, ten tendencia a adoptar os seus postulados, os contrarios, on consegue o equilibrio perfecto. Pero está claro que unha boa parte dos seus temas de investigación son os máis seguidos e añorados pola dereita e ultradereita española. E no libro que eu lin xa deixa claro que o comunismo non é do seu agrado. Non o deixa moi claro, pero dá a entender que ten máis tendencias políticas conservadoras que progresistas.

Saúdos.



Doutor Zhivago

Penso que nunca a vira completa (dura algo máis de 3 horas), aínda que algunhas escenas si que me soaban. Botárona un día destes no espazo de cine clásico da 2, e non a deixei escapar. Pero dase a casualidade de que tamén a teño nunha colección de cine clásico, e cada película vén nun caderno que trae un bo feixe de información sobre ela.

Foi dirixida en 1965 por David Lean. Tres horas dan para moito, pero os principais papeis foron representados por Omar Sharif, Julie Christie, Geraldine Chaplin, Tom Cournenay, Alec Guinness e Rod Steiger. Despois falarei sobre a elección dalgúns destes actores e actrices, que foi problemática, e sobre os lugares da rodaxe, que tamén dá para moito ese tema.

Basicamente conta a vida de Yuri Zhivago, médico e idealista poeta, durante a primeira parte do século XX na convulsa Rusia. Perde de pequeno aos seus pais e vaise a vivir cuns amigos da súa nai. Moi axiña namora da súa filla Tonya, coa que casará pouco despois.

En paralelo con iso, Lara Antípova é unha rapaza que vive coa súa nai, que se dedica ao mundo textil. Ten un mozo ou marido, Pavel Antipov, que pertence á revolución que está tendo lugar no país. Tamén é un home idealista. Pero a nai de Lara ten unha estraña relación con Victor Komarovsky, un avogado corrupto que tivo algo de relación co pai de Yuri. Unha noite, Komarovsky viola a Lara. Nunha festa posterior, Lara dispáralle a Komarovsky, aínda que non o mata. Pavel saca a Lara da festa, sen ser detida, por petición do propio Komarovsky.

Chega a I Guerra Mundial, e Yuri e Lara van de voluntarios á fronte. Coinciden nun pequeno hospital de campaña, coñécense, e xa se nota que aí comeza a pasar algo entre eles.

Cando volven á casa, a tremenda mansión onde vivía Yuri pasou a ser colectivizada, e viven alí non sei cantas familias, aínda que eles seguen reservándose as mellores habitacións, aínda que iso desatará moitas tensións co resto da xente. Yuri, que non é demasiado comunista que se diga, non está moi a gusto con esta situación. Ademais, os libros de poemas que publica delátano como un poeta máis intimista e romántico, e non social, que é o que gustaba na Rusia daquel tempo (aos revolucionarios, que está comezando a gañar).

Como a situación está moi fea en Moscú, a familia decide ir en tren para Varýkino, cerca dos Urales, onde a familia de Tonya ten unha casa. O tren vai hacinado, con miles de persoas na mesma situación. Nunha estraña parada do tren, Yuri coñece, sen desexalo, a Strelnikov, un líder da revolución que é case mitificado. Pero resulta ser Pavel, o marido de Lara. A Pavel-Strelnikov, non lle gusta nada a poesía de Yuri, e xa só por iso o considera un traidor, pero déixao marchar.

Chegan a Varýkino, pero a casa que era súa foi "embargada" pola revolución, aínda que alí non vive ninguén. Póñense a vivir na pequena casa que está a só uns metros de distancia. Casualmente na cidade máis cercana vive Lara, segundo lle dixera Strelnikov a Yuri. Vai ata alí, atópaa e lévao á súa casa, onde tamén vive a filla que tivo Lara con Pavel. E alí comeza a súa grande historia de amor.

Simultáneamente, Tonya queda embarazada do seu segundo fillo con Yuri. Pero el xa non sabe que facer. Ten dúas mulleres marabillosas ao seu alcance, viven a poucos kilómetros de distancia entre si, Tonya non sabe nada ou case nada de Lara.

Para rematar, na zona aparece de novo Komarovsky, que se ofrece a levar a Lara e a Yuri a Vladivostok, despois de dicirlles que morreu o marido de Lara. Finalmente leva só a Lara, porque Yuri négase a ir alá. Pouco despois, en Moscú, xa maior e algo enfermo, Yuri segue de médico. Un día, dende o tranvía, cre ver na rúa a unha muller moi parecida a Lara, e cando intenta alcanzala, morre dun infarto en plena rúa.

E todo este historión vai aderezado cunha especie de flash-forward, ao comezo e ao final da película, na que Yevgraf Zhivago, oficial da KGB, medio irmán de Yuri, está intentando localizar á filla que supostamente tivo Yuri con Lara nalgún momento, e que perdeu aos pais hai moito tempo. Nunha grande presa soviética traballa unha rapaza que podería selo, pero ela apenas os lembra. O único resquicio que lle queda é que ela é unha grande tocadora de balalaika, igual que o fora a nai de Yuri.

Ou sexa, unha historia super-romántica que cruza unha época e lugar de historia onde estaban pasando cousas moi gordas. A novela orixinal foi de Boris Pasternak, un poeta ruso que gustaba moito na época, pero esta novela non lla deixaron publicar en Rusia, porque dicían que era anti-soviética. Conseguiu facer chegar unha tradución a Italia, e dende aí publicouse en todo o planeta, con moito éxito. Pouco tempo despois déronlle a Pasternak o Premio Nobel de Literatura. Dicían que era pola súa obra poética, pero non o creu ninguén, todo o mundo tiña claro que esta novela gustara moito, e que era un golpe moral forte contra o réxime soviético. Pasternak non foi recoller o premio, basicamente porque non lle deixaron, ou porque tiña claro que o ía pasar moi mal cando volvera. Morreu poucos anos despois.

O casting para os papeis principais tamén foi potente. Case para cada papel dos principais tanteouse a moita xente. O produtor quería poñer a Sofía Loren, a súa esposa, no papel de Lara, pero parece que non resultaba nada convincente como "virxe" na primeira parte da película. David Lean, que triunfara poucos anos antes coa superprodución "Lawrence de Arabia", quería de novo a Peter O'Toole como Yuri Zhivago, pero estaba ocupado. E un actor que fora secundario naquela película, Omar Sharif, estaba entusiasmado coa novela, pero quería o papel de Strelnikov, non soñaba con que lle deran o papel principal. Nalgún sitio lin que as "evidentes limitacións como actor" de Omar Sharif, fixeron que a estrela da película fora Julie Christie cos seus marabillosos ollos azuis, papel para o que obviamente non era a primeira nin a segunda candidata, senón que sorprendeu a moita xente.

Rematamos coa rodaxe. David Lean quería rodar en Rusia, loxicamente. Pero o réxime soviético dixo que baixo ningún concepto. A novela estaba prohibida en Rusia, así que non se podía rodar alí. Rodaran tamén "Lawrence de Arabia" en España, e como o centro da península era bastante fresco no inverno, lean dixo que probaran a simular Rusia en Castela. Pero coincidiu o inverno máis benigno en décadas, así que houbo que crear neve artificial e usar outros sucedáneos. Basicamente se rodou nas provincias de Madrid e Soria. Moscú estaba en Canillas, Madrid. Pero aí tamén houbo problemas. Porque as escenas nas que os extras cantaban a Internacional tamén causaron moito revuelo en España, e a policía estaba moi mosca porque sabía que entre os extras había moitos opositores ao réxime de Franco. As primeiras e últimas escenas da película, rodadas nun grande encoro, realmente son no de Aldeadávila, Salamanca.

Saúdos.



Sendeirismo en Babia e Luna

Hai uns días Viaxes O Lóstregho estivo no noroeste da provincia de León facendo sendeirismo nas fermosísimas comarcas de Babia e Luna. Certo...