venres, 31 de decembro de 2021

España, unha historia única

Como xa dixen hai algún tempo, actualmente entran poucos libros en castelán na miña casa. Non é que sexa algo que me preocupe demasiado, pero é un dato obxectivo. A causa principal foi o peche de Círculo de Lectores, que xa sucedeu hai 2-3 anos, por estas datas, se non me engano.

Nestes últimos anos basicamente entrou un libro de Concepción Arenal, parte da obra de Ramón María del Valle-Inclán, e unha colección de libros de historia, todos eles publicados pola Voz de Galicia nunha das súas múltiples promocións.

Decidín comezar pola colección de libros de historia, composta por oito volumes. Deses oito, tres son sobre a historia de Galicia. Como xa lin sobre ese tema hai pouco, decidín deixalos para despois (ademais, están en galego, claro). Hai dous da colección sobre a historia de Europa, que me interesa bastante, pero son as dúas partes do mesmo libro, e preferín deixalos para despois por esa razón. E dos tres que hai sobre España, unha obra ocupa dous volumes, e queda só outro volume sobre ese tema, así que lle tocou o sorteo. O premiado coa miña lectura foi "España, una historia única" de Stanley G. Payne.

Pois iso, o tema dá para moito. Non é un libro de historia lineal e secuencial. Vai mencionando e analizando as diferentes épocas, dende os visigodos e monarquía "asturiana" e Al-Ándalus. Fala da relación de España con Europa e con Portugal.

A primeira parte do libro explica por que razón el acabou sendo "hispanista", cando inicialmente non tiña en absoluto esa intención. A segunda parte trata dende os visigodos ata o final do século XIX. E a terceira e última parte trata do tramo que máis lle gusta e lle interesa a el, o século XX.

Lendo o libro, como supoño que sucederá con moitos dos libros escritos por historiadores, semella ser ecuánime, parece que consultou todo tipo de fontes e que, unha vez feito iso, intentou opinar con obxectividade. Todos fixeron cousas boas ou malas, ninguén é perfecto, e todo está suxeito a perspectivas e interpretacións diferentes. Ata aí supoño que non hai nada que dicir. Pero como os historiadores poden consultar documentos que os demais non veremos nunca, se cadra teñen máis base para dicir unha cousa ou a contraria. Pero poden facelo todos os historiadores, así que a ideoloxía e as tendencias de cada un deben ter un peso determinante para decantar a balanza dun lado ou doutro, e na Historia debe suceder algo parecido.

En España, país bastante polarizado ideoloxicamente, a confrontación entre historiadores de esquerda e de dereita é moi acentuada. Polo que acabo de ler na Wikipedia, este autor comezou a publicar obras sobre a historia española no ano 1965. E durante varias décadas, tivo bastante prestixio entre os historiadores de esquerda, que parece que o colocaban como "moderado", no centro-esquerda. Pero semella que en torno ao ano 2000 comezou a unirse a historiadores revisionistas de dereita como Pío Moa, que opinan que o franquismo foi o artífice de que España se puxera á altura de Europa a finais do século XX (e que non foi a Transición), e que están totalmente (ou case) en contra da "memoria histórica" española, que consideran un intento de venganza da esquerda nas últimas décadas. Precisamente o principal impulso a ese tema comezouno Zapatero na súa primeira lexislatura, e se cadra foi daquela cando este señor se pasou a ese "bando".

A verdade é que a min o debate supérame. A miña ideoloxía é de esquerda e estou disposto a aceptar que non todos os de esquerda son nin foron santos, pero resúltame moi difícil calibrar cando alguén se pasa para o outro lado. 

Eu supoño que un historiador ou intelectual calquera acaba sendo un experto en todos ou a maioría dos temas sobre os que publica libros. Stanley G. Payne publicou libros sobre Falanxe, militarismo español, catolicismo, fascismo, Franco, carlismo, José Antonio Primo de Rivera, nacionalismo vasco, guerra civil, república, Franco e Hitler, Unión Soviética, Alcalá-Zamora. Segura que busca a obxectividade, como todo o mundo, e máis dedicándose á súa profesión, pero non teño claro se, cando investiga sobre un tema que ten un grande sesgo ideolóxico, ten tendencia a adoptar os seus postulados, os contrarios, on consegue o equilibrio perfecto. Pero está claro que unha boa parte dos seus temas de investigación son os máis seguidos e añorados pola dereita e ultradereita española. E no libro que eu lin xa deixa claro que o comunismo non é do seu agrado. Non o deixa moi claro, pero dá a entender que ten máis tendencias políticas conservadoras que progresistas.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...