martes, 4 de xaneiro de 2022

Spiderman 2: Lonxe de casa

Está claro que me estou volvendo un experto no mundo de Spiderman, polo menos se miramos o número de películas que vin ultimamente sobre este superheroe. Pero penso que me vou baixar, porque parece que se lles está indo a pinza aos de Marvel ultimamente. Ata agora veía películas de superheroes, uns de DC e ultimamente case todas de Marvel, nas que un deles, máis ou menos coñecido, se enfrontaba a uns malosos que aparecían por alí, e punto. Pero agora esta xente xa está metendo a moitos superheroes na mesma película, enfrontándose a alieníxenas, uns que parecían bos, despois son malos ou regulares, nada é o que parece, é todo un lío. Esta xa me pareceu que ía bastante nesta liña, e por outra banda, a historia que andaba ao redor da loita dos superheroes pareceume bastante estúpida, cun grupiño de alumnos estadounidenses e un par de profesores, todos bastante gilipollas, que xa non sosteñen nin un bo guión.

Esta xa é a terceira saga nas películas de Spiderman. A primeira foi protagonizada por Toby Maguire. A segunda por Andrew Garfield. Pasables, aínda que ían desinflándose. E a terceira está protagonizada por Tom Holland, e polo que parece, xa está totalmente intrincado co multiverso de Marvel, os Vengadores, e todas estas caralladas que se están inventando nos últimos anos, que se están forrando, pero que a min non me chaman nadiña a atención. Foi dirixida en 2019 por un tal Jon Watts, é a segunda desa liña, e está saíndo a terceira, que parece que xa é un despiporre, porque aparecen os tres protagonistas en universos paralelos, ou algo así. Eu xa paso desta movida. Aquí os papeis principais son para Tom Holland, Zendaya, Samuel L. Jackson, Marisa Tomei, Jon Favreau e Jake Gillenhaal.

Despois das leches que se meteron os Vengadores con non sei quen, e que morrera Tony Stark, Spiderman quere descansar un pouco. E decide irse cos seus compañeiros de instituto (entre os cales está a rapaza que máis lle gusta, outra MJ pero que non é a da segunda saga, eu non entendo nada) de viaxe a Europa, acompañados por dous profesores. Acaban visitando Venecia, Praga, Berlín e Londres, e non van a París, aínda que estaba previsto inicialmente.

Pois nada, xa en Venecia, esta queda destrozada porque cando están paseando polos canais, aparece algo con forma dun xigante de auga, ou algo así, que quere destruílo todo. Pero é vencido un pouquiño (pero pouco) por Spiderman e un moito por un novo superheroe chamado Mysterio ao que ninguén coñecía, pero que semella bastante poderoso.

Acaban reuníndose Mysterio e Spiderman e falan da situación, e parece que o que venceron en Venecia é o penúltimo dos Elementais, catro terribles monstruos formados polos catro elementos. O único que queda é o do Lume, e parece que está en Praga. A excursión escolar ía ir a París, pero por un casual, cambian de plan, e lévanos a Praga, que é unha cidade moi bonita para ser destruída nunha carallada destas. Por certo, quen os levou para alí é un tal Nick Fury que, polo visto, ten poder para ir levando superheroes dun sitio para outro.

Efectivamente, chegan alí e hai a batalla de rigor, na que Spiderman xa se implica un pouco máis, pero de novo a victoria débese sobre todo aos méritos de Mysterio. Pero despois diso, Spiderman recoñece que el non ten demasiado poder nin xerarquía entre os superheroes, e dálle a Mysterio as super-gafas de Ironman que Nick Fury lle entregara a el, porque pensa con sensatez que ese novo superheroe ten moitos máis méritos para sacarlle partido a esa importante arma.

Ata aquí todo ben. Pero xusto a continuación, descúbrese que Mysterio non era tan bo como parecía. Resulta que os dous Elementais que derrotaran nos últimos días foron creados por Mysterio e o seu equipo, e que realmente non existían. E todo fora unha farsa para conseguir que Spiderman lle cedera a Mysterio por iniciativa propia as super-gafas de Ironman. Agora o seu obxectivo é tamén destruír a Spiderman.

Ese ataque final ten lugar en Londres, intentando aproveitarse dos compañeiros de clase de Peter Parker. Concretamente, vai ter lugar no Tower Bridge, onde sucede a batalla final. Como era previsible, acaba gañando o bo, e a súa compañeira de clase revélalle que está namorada del. Que tenro todo!!!

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...