martes, 4 de xaneiro de 2022

Cadea perpetua

Lembraba que vira esta película hai moito tempo e que me causara moi boa impresión. Lembraba que o máis destacado era o personaxe principal, protagonizado por Tim Robbins, pero non lembraba exactamente por que. Así que non desperdiciei a oportunidade cando a botaron de novo na televisión convencional.

Foi dirixida por Frank Darabont en 1994. O papel principal é para Tim Robbins, como xa dixen, seguido a pouca distancia por Morgan Freeman. Despois hai unha extensa nómina de secundarios onde se atopan, por exemplo, Bob Gunton e Clancy Brown (o Kurgan dos "Inmortais", vaia, non o recoñecera).

De novo, curioso o que sucede co título. Todo sucede na prisión de Shawshank. A novela orixinal de Stephen King titulábase "Rita Hayworth e a redención de Shawshank". Na película quedouse nada máis en "A redención de Shawshank". Pero xa vedes como a traduciron en España. Pero en Hispanoamérica recreáronse con títulos como "Soños de liberdade", "Escape á liberdade" e "Soños de fuga". Delirante. Aínda que hai que recoñecer que ten un argumento que se sae do convencional para ser unha película carcelaria.

Todo xira en torno á historia de Andy Dufresne. Era un reputado banqueiro no estado de Maine, que descubre que a súa muller se está deitando cun xogador de golf. Comeza a vixialos coa intención de matalos, pero emborráchase na noite na que o ía facer, e aínda que todas as probas apuntan a que foi el quen os matou, el di que non o lembra e cre que finalmente non o fixo. Pero o caso é que lle poñen dúas cadeas perpetuas e vai á prisión de Shawshank, nese mesmo estado.

Chega alí, e a súa apariencia de persoa instruída e non ruda fai pensar que lle será moi penosa a súa estancia. E en parte é certo, porque un grupo de brutáns que pretenden sodomizalo danlle malleiras con certa frecuencia, pero que non conseguen chegar máis alá diso, aínda que lles gustaría.

Aos poucos, comeza a caer ben e facer amizades, e lévase moi ben con Red, un recluso negro que é o xefe do contrabando dentro da prisión. El pode conseguir case calquera cousa. E o primeiro que lle pide é bastante inusual, tanto que ten que explicarlle o que é. É un martelo de xemas, un pequeno marteliño do tamaño dunha man, que serve para tallar pezas e pedras, que é unha das paixóns de Andy, que ve que no patio da prisión hai pedras de moi diferentes minerais. Ah, e pouco despois pídelle un cartel grande Rita Hayworth.

Vaise facendo un sitio na prisión, e un día, cando está facendo un traballo un tanto especial cos seus colegas, escoita como o xefe dos guardias da prisión, que é un auténtico animal, está pensando en renunciar á herdanza dun familiar, porque lle tocou moi pouco e porque cos impostos aínda lle ía quedar menos. Botándolle moito peito, Andy achégase a el, e con grande perigo físico pola súa parte, explícalle que el coñece ben os mecanismos fiscais do estado, e que estará encantado de xestionarlle o cobro desa herdanza para que poida disfrutar de todos os cartos. E parece que o consegue.

A noticia debe chegar a ouvidos do alcaide da prisión, outro mal bicho que quere facerse rico por calquera medio, e entón Andy comeza a ascender e a xestionar contas turbias nas que se van depositando os cartos, de forma que, se alguén os pilla, ninguén poida ser acusado, porque están a nome dunha persoa ficticia inventanda por el mesmo.

Vai pasando o tempo, e cando xa case leva 20 anos preso, chega á prisión un rapaz novo, carne de cañón, que estivo case toda a súa vida na cadea. Andy incluso ensínalle a ler. Casualmente, un día este rapaz escoita a razón pola cal Andy está preso, e el di que nunha cárcere anterior coincidiu na celda cun tipo que dixo que matara a unha parella de amantes como os da historia de Andy. Este ilusiónase de novo con que se reabra o caso. Pídelle ao alcaide que lle axude a facelo, e este négase en redondo, mandando a Andy a unha celda escura e solitaria durante un mes, e matando ao rapaz que acababa de chegar ao cárcere. Está claro que ao alcaide lle ían moi ben as cousas como para deixar marchar a Andy.

Cando Andy sae do illamento, todos o ven moi decaído, e pensan no peor, que se cadra pode incluso suicidarse na súa celda. Pero sucede todo o contrario. Co martelo de xemas, tapado polos carteis que ía poñendo, fixo un túnel que lle permitiu fuxir pola noite. Tamén aproveitou para enviar cartas e documentos que permitiron apresar ao alcaide e ao xefe dos guardias da prisión. E foise a vivir a un pobo da costa mexicana do Pacífico, onde se xuntaría tempo despois con Red, cando este tamén saíu do cárcere, pero por medios legais.

Si, unha película carcelaria estadounidense, na que pasan moitas das cousas típicas deste tipo de situacións, pero xa digo, o personaxe de Andy Dufresne é tan fóra do convencional, que lle dá un tono totalmente diferente á película. Quen sabe, se cadra xa puido fuxir antes, pero non quixo, por algunha razón...

Saúdos.





Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...