O título orixinal desta bastante estúpida película foi algo así como "Fagamos o amor", en España chamouse como vedes no título desta publicación, e en Arxentina viñéronse arriba con "A adorable pecadora". Sen comentarios. Polo que parece, Henry Miller, que daquela estaba casado con Marilyn, reescribiu o guión varias veces, porque debía ser un "truño", para ver se convencían a algún actor famoso para interpretala. Ofrecéronllo a Gregory Peck, Cary Grant, Charlton Heston, Yul Brynner e Rock Hudson. Sen comentarios.
Esta película foi dirixida en 1960 por George Cukor. Os principais papeis do elenco foron para Marilyn Monroe, Yves Montand, Tony Randall, Frankie Vaughan, Wilfrid Hyde-White e David Burns. Parece que durante a rodaxe houbo unha moi pública e escandalosa relación entre Monroe e Montand, pero a señora xa estaba no declive da súa vida, que finou dous anos máis tarde, e xa case todo daba igual.
A historia é bastante tonta, a verdade. Nun musical bastante cutre teñen previsto criticar a algúns personaxes públicos, como o multimillonario que protagoniza a película. Debido ás súas redes de información, entérase de que vai suceder iso e decide investigar, a ver se é relevante ou se é mellor pasar do tema.
Xunto co seu responsable de "redes sociais" da época, vai ver de incógnito un ensaio do musical, e namora perdidamente da principal estrela do mesmo. Pero claro, todos os que o ven alí, cren que é un imitador do magnate, porque non poden crer que o propio magnate estea alí preocupándose por esa cutre montaxe.
Pretende recibir formación dos principais humoristas e estrelas da época (Bing Crosby e Gene Kelly fan cameos na película debido a iso), para ser contratado no musical e poder namorar á cantante. O certo é que xa nin sequera lembro como remata a película, e iso que non pasaron máis que varias semanas da proxección. Por algo será.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario