sábado, 4 de xullo de 2026

Niágara

Esta foi a segunda película do ciclo que RTVE dedicou a Marilyn Monroe polo centenario do seu nacemento. Cando escribo este artigo xa o botaron completo, así que xa sei de sobra que foi a mellor película (ou a que a min máis me gustou e interesou) de todo o ciclo, así que vou recomendar o seu visionado, porque é cine negro con guión retorcido e imprevisible. Marilyn estaba máis ou menos no seu papel habitual, pero nesta historia as consecuencias son menos banais que nas outras películas.

"Niágara" foi dirixida en 1953 por Henry Hathaway. Os catro papeis máis interesantes foron para Marilyn Monroe, Joseph Cotten, Jean Peters e Max Showalter, que interpretan aos dous matrimonios que se coñecen estando de vacacións nese lugar.

George e Rose Loomis son un matrimonio moi inestable que están rematando a súa estancia nas cataratas do Niágara, cando chegan alí en "lúa de mel posposta" o matrimonio formado por Ray e Polly Cutler, este moi máis estable e convencional. Coñécense porque o segundo matrimonio ía ocupar unha cabana que usaran os primeiros, pero estes aínda non marcharon, porque o marido está supostamente enfermo.

Dende o principio xa se percibe que o matrimonio Loomis non está moi unido. Rose semella moi vivaracha e despreocupada, ademais de atractiva (seguro que xa estades intuíndo quen interpreta ese papel) e o seu marido parece moi ciumento e atormentado. Pola contra, o outro matrimonio vai ao seu e intenta non mesturarse demasiado cos outros dous.

Na primeira visita ás cataratas, Polly xa descubre accidentalmente que Rose ten un amante, así que a relación comeza a parecerlle rara. Pouco despois, na urbanización onde están as súas cabanas fan unha festa con música, Rose pon no xiradiscos unha canción que lle gusta moito, e George sae da cabana e rompe o disco diante de todos. Agora xa todos ven que algo non vai nada ben.

E a partir de aquí seguen pasando moitas cousas. Aínda que a película ten máis de 70 anos, a min sorprendeume bastante, así que non vou destripala moito máis, pero xa vedes que hai un incendio prendido: amante + marido ciumento. Recoméndase o seu visionado (será a única deste ciclo de Marilyn da que diga algo similar).

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Iribarne

Esta obra de teatro xa debía levar cerca de dous anos de xira, oíra falar moi ben dela e tiña ganas de vela, porque a primeira vez que veu á...