Como creo que xa sabedes, sigo con certa fidelidade o espazo de cine clásico da 2, que é os luns a última hora da noite. Hai uns meses proxectaron esta película, pero non me foi posible vela, e por algunha razón, despois tampouco a puxeron en RTVE Play (normalmente si o fan, durante máis ou menos tempo, pero si o fan). Pero como era unha película bastante antiga, busquei en Youtube, e atopeina completa e dobrada ao castelán, así que mireina alí un tempo despois. Debo recoñecer que inicialmente me producía certo recelo (sabendo algo da súa sinopse) pero finalmente resultou máis interesante do que pensaba.
"O albergue da sexta felicidade" (título moi pretencioso pero fiel ao orixinal e coherente coa película) foi dirixida por Mark Robson en 1958. O principal do elenco foi interpretado por Ingrid Bergman, Curd Jürgens e Robert Donat, o resto de papeis son moi secundarios. E obviamente está moi centrado no papel de Ingrid Bergman, xa que basicamente é un "biopic" do personaxe real Gladys Aylward, que amenazou con demandar á produtora porque dicía que o guión non contaba máis que mentiras, e especialmente indignada porque a actriz fora Ingrid Bergman, que abandonara ao seu marido e fillo para irse con outro home, e iso fora un escándalo do que ela nunca se arrepentiu. Pero finalmente Gladys non levou a cabo ningunha das ameazas.
A película fala dunha ama de chaves británica, sen traballo fixo e con certas dificultades para conseguilo, que está obsesionada con ir misioneira á China da década de 1930. Despois dalgúns intentos, consegue unha recomendación para ir a unha zona afastada e rural do norte de China, onde xa hai outra misioneira maior á que pode botarlle unha man. Chegar ata alí xa é unha odisea porque hai que ir no Transiberiano e nese intre hai guerra entre China e Rusia.
O caso é que consegue chegar e faise unha persoa moi querida e aprezada polo poboación. Uns manos máis tarde a China é invadida por Xapón, e cando chegan a aquelas montañas, deixan que ela leve aos rapaces a un lugar seguro para que non sufran o peor da guerra.
Como curiosidade, diremos que a maior parte da película foi rodada en Snowdon, no norte de Gales, usando á numerosa colonia chinesa de Liverpool como extras.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario