Esta foi a terceira película do ciclo de Marilyn Monroe co gallo do centenario do seu nacemento. Seguramente é o título máis famoso da súa filmografía. Pero a min foi das que menos me interesou. Estou agora revisando na Wikipedia o argumento, e sóame moi vagamente, así que xa a estaba esquecendo. Despois de vela, tiven a sensación (e na documentación tamén o insinúan) que tiña un papel (e un salario) máis destacado Jane Russell que Marilyn. Pero Jane Russell morreu de vella e non tivo o impacto na historia do cine que si tivo Marilyn.
"Os cabaleiros prefírenas loiras" foi dirixida por Howard Hawks en 1953. Parece que tiñan pensado contratar a Betty Grable, pero despois do éxito de "Niágara", pensaron que Marilyn Monroe era moito máis rendible en todos os aspectos. Os principais papeis do elenco foron para Jane Russell, Marilyn Monroe, Charles Coburn e Elliott Reid.
Pois nada, que dúas cantantes de Arkansas que se levan moi ben e que queren triunfar na música e na vida, son moi diferentes, pero seguen xuntas para conseguir os seus obxectivos. Por razóns que xa non lembro móntanse nun trasatlántico con destino a Francia, xunto ao equipo olímpico (irían a algúns Xogos Olímpicos, digo eu), algúns ricachóns e algún detective contratado polo mozo dunha delas para asegurarse que a picarona non facía ningunha falcatruada na viaxe.
O que pasa na viaxe é todo un enredo (que estou intentando esquecer por completo), xa que o detective que vixila a unha delas namora da outra, saca fotos que poden resultar comprometedoras, e fan cousas para intentar sacarlle esas fotos. Obviamente, despois de todos os líos, a cousa acaba ben con varias vodas.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario