sábado, 4 de xullo de 2026

Bus stop

Esta película foi a cuarta e penúltima do ciclo que lle dedicaron a Marilyn Monroe polo centenario do seu nacemento. A verdade é que non foi das peores, polo menos saíase do seu típico papel de buscadora de marido millonario. Pero moito máis non tiña. Por certo, en Hispanoamérica traduciron o título como "Nunca fun santa". Esta tradución non ten demasiado sentido, pero o título orixinal tampouco demasiado, a non ser que teñamos en conta que nunha parada de autobus pasan cousas relativamente relevantes nun par de ocasións na película.

"Bus stop" foi dirixida por Joshua Logan en 1956. Os principais papeis do elenco foron para Marilyn Monroe, Don Murray, Hope Lange, Betty Field, Arthur O'Connell e Eileen Heckart.

Conta a historia dalgo que sucede en moi poucos días, tres ou catro. Un rudo vaqueiro de Montana, moi xoven e inexperto, que case non saíu na súa vida do seu rancho, vai cun colega que case fai de pai ou titor a un rodeo en Arizona. O rapaz é moi bo nos rodeos e cruzan varios estados nun bus para chegar alí.

O titor, que se preocupa moito por el, na ida insinúalle que vaia pensando en coñecer a algunha muller, algo no que o xoven vaqueiro aínda non pensara. Pero polo novo e inexperto que é, non ten nin idea de cal é a súa muller ideal, e semella ter ideas peregrinas en torno ás mulleres, ás que pouco diferenza das vacas.

Chega a Phoenix, onde se van celebrar multitudinarias competicións de rodeos, e antes de participar no primeiro xa cae deslumbrado por unha mediocre cantante dun local (obviamente Marilyn), que non esperta o máis mínimo atractivo en ninguén, nin sexual nin como cantante. A el parécelle mal e decláralle inmediatamente o seu amor, e que casarán ao día seguinte, e ela intenta fuxir espantada, pero non o consegue.

E volven todos en bus para Montana, con ela intentando fuxir del. Diso entérase o condutor do autobus, que se ve obrigado a parar nunha famosa parada xa que hai unha gran nevada e a estrada está cortada. Cando sucede iso, dálle unha paliza ao vaqueiro, que o fai reflexionar. Ao erguerese a mañá seguinte para seguir camiño a Montana, o vaqueiro xa reflexionou e promete ser máis respectuoso, e a cantante, que nunca foi moi querida, queda namorada do vaqueiro. Ou sexa, unha soberana estupidez.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Begoña Caamaño, Día das Letras Galegas 2026

Como saberedes, o Día das Letras Galegas deste ano 2026 está dedicado a Begoña Caamaño, xornalista viguesa que nos últimos anos da súa curta...