martes, 16 de decembro de 2025

Sherlock Holmes e a muller araña

Seguimos avanzando pola saga de películas que fixo a Universal nos anos 40 sobre o personaxe de Sherlock Holmes. Foron un total de 14 e penso que xa me quedan moi poucas por ver. E de feito, as últimas estanme parecendo moi interesantes e orixinais. Acabo de ler que esta concretamente está baseada na novela "O signo dos catro" e en catro contos máis.

"Sherlock Holmes e a muller araña" foi dirixida (coma case sempre) por Roy William Neill en 1943. Os papeis principais foron (tamén coma sempre) para Basil Rathbone e Nigel Bruce, a mala da película foi Gale Sondegaard e aparecen secundarios como Dennis Hoey (Lestrad) e Mary Gordon (a señora Hudson). 
Esta trama tamén é complexa e, de novo, Holmes enfróntase a unha muller ben espelida e malosa.

Comezan a producirse en Londres unha serie de estraños suicidios, entre xente que, aparentemente, non tiña maiores problemas na vida. Disto entéranse Holmes e Watson en Escocia, onde están descansando xa que Holmes non se atopa demasiado ben. Un día dálle un mareo xunto a un río e desaparece nas augas. Watson dá por suposta a súa morte e volve a Londres, onde recibe as condolencias de toda a sociedade.

Pero realmente Holmes finxiu a súa morte para poder volver a Londres e investigar o caso con máis liberdade, porque algo lle resulta moi estraño. Cando se pon a investigar, descubre que todas as mortes se produciron cunha póliza de seguro polo medio e en moi estrañas circunstancias.

Entón finxe ser nunha populosa festa un ricachón hindú, para que a banda de delincuentes se fixe nel, e despois revélalles que en realidade ten moitas débedas e non sabe como saír adiante. Teoricamente, iso convértelle nunha vítima perfecta da banda. Pero a súa xefa é moi lista e entérase de que realmente non é un tipo hindú senón que é Sherlock Holmes. E intenta matalo do mesmo xeito que aos demais.

E aquí é onde se revela o método, que era bastante retorcido. Despois de asinar esa póliza de seguro, un dos integrantes da banda achégase á casa da vítima. Leva con el unha maleta grande que ten uns respiradeiros de ventilación. Cando intentan matalo, fano cunha araña africana moi salvaxe, cun veleno que produce unhas dores tan atroces que a xente prefire morrer (iso explica os estraños suicidios). 

O que recoñezo que non me quedou moi claro (esta vez non quedei durmido en ningún momento, tranquilos), é quen ía dentro da maleta (houbo varias versións ao longo da película) e, sobre todo, que función cumpría. Inicialmente crían que era un neno que se metía polos condutos de ventilación do edificio da vítima e levaba a araña velenosa ata o punto máis cercano da vivenda, para que ela rematara o traballo. Nunha escena cerca do final, na que Holmes e Watson están a piques de morrer asfixiados na súa propia casa por un incendio provocado pola banda, aparece un neno bastante repelente que tiña moitos boletos para ser o da maleta. Pero non, nunha das últimas escenas din que finalmente era un pigmeo, ao que apresan. Non teño moi claro que cambie moito a cousa, pero....

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Naves misteriosas

Levaba anos intentando ver esta película. Deberon botala na televisión nos 80, e chamáronme a atención as imaxes, os invernadoiros semiesfér...