Hai unhas semanas, extrañamente, botaban no espazo de cine clásico da 2 unha película que non vira nunca e que tampouco botaron alí nos últimos tempos. Foi a famosa "Casino". Tiña certo interese en vela, pero vaia, sen pasarse tampouco, porque xa sospeitaba máis ou menos de que podía tratar. O que me chamou a atención é que está baseada en personaxes reais. O guión e unha novela que fala da mesma historia naceron case ao mesmo tempo, ou incluso pode que a novela fora posterior. O seu autor foi Nicolas Pileggi, que xa traballou co director en varias ocasións máis.
"Casino" foi dirixida en 1995 por Martin Scorsese. Os principais papeis do elenco foron para Robert De Niro, Joe Pesci e Sharon Stone. Estiveron secundados por outros actores secundarios como James Woods, Frank Vincent ou Don Rickles. Está claro que estando Scorsese, De Niro e Pesci a cousa trataba da mafia italoestadounidense.
Sam "Ace" Rothstein é un magnífico apostador de orixe xudea que traballa para a mafia italiana de Chicago. Está tan ben considerado que o mandan a dirixir un casino de Las Vegas que conseguiron mercar. Como era previsible, mellora moito as ganancias e gana aínda máis prestixio na organización.
Debido a iso, mándanlle a Nicky Santoro, un antigo colega de Ace en Chicago, para que o protexa a el e á inversión. Pero resulta que este Nicky é bastante conflitivo e salvaxe, e ademais decide montar unha banda de atracadores cos seus colegas, para aproveitar o tempo de estancia nun lugar onde corre tanto diñeiro.
Por se non chegara con iso, Sam namora dunha estafadora profesional e moi atractiva (e tamén algo prostituta) chamada Ginger McKenna. Aínda que ao principio non estaba moi claro, acaban casando e tendo unha nena, pero tamén é certo que ningún dos dous lle presta demasiada atención. Non é só iso, senón que ela aínda segue bastante unida a Lester Diamond, o seu antigo proxeneta, co que aínda queda de cando en vez para pasarlle cartos ou facer outras cousas, Obviamente, isto non agrada demasiado a Sam, que transixe pero cóstalle bastante.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario