mércores, 24 de decembro de 2025

Escrito baixo o sol

O outro día botaban no espazo de cine clásico da 2 unha película que non coñecía, así que lle dei unha oportunidade, aínda que a información previa que tiña non agoiraba nada bo. Tristemente confirmouse que era unha boa boñiga, son cousas que pasan co cine estadounidense (porque tamén hai cine clásico doutros sitios, non si?). Foi unha máis das películas que fixo John Ford con John Wayne, pero neste caso das menos coñecidas, e polo visto era un homenaxe a un personaxe real, Frank "Spig" Wead, que era amigo do director. Por certo, o título orixinal era "As ás das aguias" (bastante fiel á temática, que trataba sobre aviación), en Arxentina a titularon case igual pero en España decidiron innovar, pero esta vez estiveron pouco afortunados. Certo é que este tipo dedicou parte da súa vida a ser escritor de guións de cine, pero o do sol é unha licenza poética bastante mediocre.

"Escrito baixo o sol" foi dirixida por John Ford en 1957, 10 anos despois da morte de Frank Wead. Os papeis principais foron para John Wayne, Maureen O'Hara (que facía unha vez máis da súa esposa), Dan Dailey (que debía ser un cómico famoso na época, e ten un peso seguramente incomprensible na historia), Ward Bond (outro clásico das películas deste director), Ken Curtis e Kenneth Tobey.

Como dicíamos, basicamente conta a vida nos anos máis interesantes e produtivos (se é que os houbo) de Frank Wead. A que se dedicaba este tipo? Pois era un tolo da aviación, que intentou desenvolver a creación de portaavións (pareceume entender que el viviu na época na que se fabricaron os primeiros), entre as dúas Guerras Mundiais pero cando xa estaba a piques de comezar a Segunda. Para iso, retaba a carreiras aéreas a Herbert Hazard, que polo visto era o xefe da forza aérea, pero semella que o que pretendía era utilizar avións e hidroavións xunto con portaavións da Mariña. Nesta fase amósanse varias pelexas multitudinarias entre integrantes das dúas forzas, que lle dán un tono moi distendido á película.

Por outra parte, a vida familiar do tipo era un desastre. Mórrelles dunhas febres o seu primeiro fillo, ao que apenas lle dedican un par de escenas, e non queda claro se iso ten algunha relevancia na súa vida, porque pouco despois teñen dúas fillas case seguidas, pero non sabemos nada delas ata que teñen 5-6 anos. Pero el está enfrascado na súa vida militar e apenas pasa por casa, a súa muller leva unha vida bastante disipada, e case son as nenas pequenas as que levan a casa, que está moi desordeada. Un día volve á casa sorprendendo a todos, incluídas as súas fillas, que aínda non o coñecían en persoa, só o viran en fotos. De noite, escoita chorar a unha das fillas na cama (seguro que pasou máis veces, pero el non o sabía), érguese rápido para atendelas e cae polas escaleiras. Como resultado desa caída, rompe a espalda e queda minusválido, así que a súa vida cambia por completo.

A recuperación tarda meses, aínda que mellora máis do que preveían os médicos, pero obrígalle a cambiar de actividade, e ponse a escribir, que parece que sempre lle gustou bastante. Escribe unhas cantas novelas que son rexeitadas por todas as editoriais. Pero un día recibe a visita dun dos seus mandos, que lle di que hai un produtor de Hollywood interesado en rodar algunha historia escrita por el, que "trate sobre portaavións" (que temática máis estraña!!). Polo que vexo en Internet, entre 1929 e 1947 escribiu o guión dunhas 30 películas, moitas delas con directores prestixiosos como Ford, Capra, Curtiz ou Hawks.

A familia estaba xa totalmente separada, el nunha punta do país, a muller na contraria e as fillas estudando na universidade, e intentou que se reuniran todos, e tiña boa pinta o plan, pero xusto nese momento sucedeu a catástrofe de Pearl Harbour, e chamárono a filas para ser supervisor das operacións dos portaavións no Pacífico. Estivo alí algún tempo pero un ataque ao corazón fixo que volvera antes de tempo.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Naves misteriosas

Levaba anos intentando ver esta película. Deberon botala na televisión nos 80, e chamáronme a atención as imaxes, os invernadoiros semiesfér...