Estaba o outro día buscando algunha película non moi longa para ver de noite, e como sempre, unha das posibles temáticas preferidas é a ciencia-ficción. Cruceime con esta "Viaxe alucinante", cuxo título me soaba de algo, aínda que parece que tamén podía confundilo con "Viaxe alucinante ao fondo da mente", que trata dun tema totalmente diferente, a pesar da similitude no título. Por certo, o título orixinal era "Viaxe fantástico", así que aínda menos mal, non se pasearon moito. Hai varias películas que xogan coa idea de miniaturizar a seres humanos para metelos dentro doutro corpo humano (creo que "O chip prodixioso" debe ser a máis coñecida), pero non me soaba ter visto ningunha completa, cando a idea me parece moi interesante.
"Viaxe alucinante" foi dirixida por Richard Fleischer en 1966. Os papeis principais do elenco, bastante coral, foron interpretados por Stephen Boyd, Raquel Welch, Edmond O'Brien, Donald Pleasence, Arthur O'Connell, William Redfield e Arthur Kennedy. Como curiosidade, ese mesmo ano publicouse unha novela de Isaac Asimov do mesmo título, baseada no guión desta película.
Un laboratorio de investigación estadounidense descubriu como facer para miniaturizar a seres humanos e obxectos, pero só conseguiu que ese efecto dure 60 minutos. Pero precisamente un científico foi capaz de saber como aumentar ese tempo, pero sufriu un intento de atentado polo que está en coma, a causa dun hematoma cerebral. Así que van meter a un equipo de persoas nun submarino e van introducir esa nave no seu torrente sanguíneo para reparar o hematoma e salvar a vida dese importante científico.
Para comezar, non está totalmente claro que todas as persoas metidas nese submarino sexan igual de fiables, e sospéitase que algunha delas (pero non se sabe quen) poida intentar boicotear a operación, razón pola cal algún dos expedicionarios non é médico, senón experto en seguridade.
Parece que van co tempo algo xusto para facer a operación, pero ademais sufren algún contratempo, como que atravesan sen querer unha fisura nunha vea que os manda na dirección contraria. Pretendían ir en dirección ao cerebro e comezan a baixar ao corazón. Supoñen que a nave non poderá soportar a forza dos latidos, así que conseguen (o equipo de apoio que está no exterior, obviamente) parar o corazón durante un minuto nada máis, para poder atravesalo e que non morra o paciente.
Despois desa e algunha peripecia máis, chegan ao hematoma nos últimos minutos e conseguen reducilo cun laser que levaban (e que fora saboteado por alguén), e conseguen tamén saír do corpo do paciente nos últimos segundo a través do nervio óptivo e navegando nunha bágoa. Finalmente vese como volven ao seu tamaño normal no laboratorio, segundos despois de saír do corpo do señor.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario