domingo, 16 de marzo de 2025

Un inimigo do pobo

Xa deixei caer por aquí que o catálogo de Netflix non parece ningunha marabilla. A segunda película que vin alí nin sequera aparece en Youtube, e iso xa debe ser indicio de algo. A película tampouco parece estar moi ben valorada en páxinas como Filmaffinity ou Sensacine. E a verdade é que en Netflix tiven que vela en noruego con subtítulos en castelán. Pode que vos esteades preguntando por que razón escollín esta película concretamente.

En Netflix, mirando polo seu caótico catálogo, atopei unha categoría curiosa, titulada "Películas europeas baseadas en obras de teatro". E alí estaba esta película, cuxo título xa me lembrou automaticamente a unha famosa obra de teatro do noruego Henrik Ibsen, que hai pouco versionou a compañía galega de teatro Talía, aínda que neste caso convertían á protagonista principal en muller.

"Un inimigo do pobo" é unha película noruega dirixida en 2005 por Erik Skjoldbjaerg. No elenco destacan Jorgen Langhelle, Trine Wiggen, Pia Tjelta e Sven Nordin. A min non me soa ningún destes nomes, supoño que serán estrelas do audiovisual noruego. Obviamente, a historia é unha pequena adaptación do orixinal de Ibsen, pero a idea básica segue sendo a mesma. 

Neste caso, Thomas Stockmann é unha estrela da televisión noruega que se erixe en defensor dos consumidores. Nun determinado momento, decide montar unha empresa embotelladora de auga na vila da que é orixinario, aproveitando os magníficos mananciais de auga pura que teñen alí nos fiordos. El será a principal imaxe da marca, e o seu irmán, con quen se leva regular, será o xerente da empresa.

A cousa vai moi ben e é moi importante para a economía da vila, que estaba algo deprimida ata que chegou esta empresa. Pero unhas análises dun laboratorio, feitos por rutina, confirman que as augas non son tan puras e limpas como parecían, senón tóxicas.

Dende ese momento, Thomas intenta facer pública esa noticia, pero na vila xa non queren que iso suceda, porque lles vai demasiado ben agora, e intentan ocultalo. Intenta pasarlle a noticia a xornalistas supostamente independentes, pero ao final non eran tan independentes como dicían.

Recomendación: a película non é mala, déixase ver, pero tamén é certo que hai outras películas mellor feitas e obras de teatro (algunha visible en RTVE Play, por exemplo) que teñen máis calidade.

Saúdos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...