domingo, 16 de marzo de 2025

A virxe roxa (2024)

Nos últimos anos xa é a terceira vez que toco este tema, pero é que me parece absolutamente fascinante. É a historia da ferrolá (de nacemento) Aurora Rodríguez Carballeira, que foi capaz de criar a dous nenos prodixio. O primeiro foi o pianista Pepito Arriola, o seu sobriño, ao que só coidou durante 2 ou 3 anos, antes de que a nai de Pepito o reclamara, e a partir de aí o declive. O segundo foi Hildegart, a propia filla de Aurora, á que educou para ser a muller perfecta do futuro, feminista e progresista, e auténtico prodixio intelectual. A cousa non ía nada mal, pero en canto viu que Hildegart se desviaba minimamente do proxecto concibido por ela, matouna.

Dicía antes que era a terceira vez que toco este tema nos últimos anos (e pódese ver a información sobre as ocasións anteriores neste mesmo blog). En 1977 Fernando Fernán Gómez dirixiu unha película titulada "A miña filla Hildegart". Hai poucos anos Marcos Nine fixo unha película documental sobre este tema tamén titulada "A virxe roxa" (pero esa si está en galego, non como esta). Por certo, esta película española do 2024 foi a primeira película que vin en Amazon Prime, que semella ter un bo catálogo audiovisual. Digo isto porque me pareceu percibir que o catálogo de Netflix é bastante máis mediocre.

"A virxe roxa" foi dirixida por Paula Ortiz en 2024. No elenco destacan Najwa Nimri e Alba Planas, que fan de Aurora e Hildegart, respectivamente. Entre os secundarios, destacan Aixa Villagrán, Patrick Criado e Pepe Viyuela.

Pois nada, repetiremos a historia, que ten unha potencia fenomenal. Despois de que Aurora, sendo moi xoven, criara durante varios anos ao seu sobriño Pepito Arriola, para convertelo no "Mozart español", a súa irmá Josefa, a nai de Pepito, vendo que podía ser unha "pita de ovos de ouro", reclamouno, cando antes pasara del.

Pero semella que a Aurora iso de criar nenos ou nenas prodixio lle chamaba moito, así que influída pola euxenesia, na que estaba moi versada, concibiu cun crego (que xa sabía que non ía reclamar nunca a súa paternidade) unha nena, á que educou cunha disciplina moi férrea dende pequena, converténdose nun prodixio en moitas áreas.

Aos 14 anos xa se matriculou en Dereito e aos 17 xa conseguiu publicar artigos e libros de temática feminista que eran moi seguidos e admirados, aínda que claro, unhas posturas tan avanzadas para unha sociedade como a da época, tamén facían que tivera detractores. Cando a nai detectou que a súa filla comezaba a ter ideas propias, preocupouse bastante. Nesta película insinúan que comezaba a haber unha certa relación sentimental cun compañeiro do PSOE. E ante iso, decidiu pegarlle catro tiros unha noite na súa casa. Polo que teño entendido, pegoulle tres tiros na cabeza e un no corazón, aínda que nesta película cambian o destino dalgún deses tiros, supoño que para facelo máis impactante.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...