domingo, 16 de marzo de 2025

Lembra

O outro día no espazo de cine clásico da 2 botaban "Lembra". Eu pensaba que xa a vira, pero se foi así, a verdade é que non me soa de nada o que vin. É de Hitchcock, polo tanto é moi interesante, como todas as súas, pero a verdade é que non me pareceu das mellores da súa produción. Seguro que todos os psicólogos, psiquiatras e psicoanalistas o pasaron en grande. Por certo, o título orixinal da película significaría "Enfeitizada", en España chamárona "Lembra" (palabra que se repite con frecuencia, xa que un dos protagonistas sufre amnesia) e en Arxentina a titularon "Cóntame a túa vida".

"Lembra" foi dirixida por Alfred Hitchcock en 1945. Os dous papeis principais foron para Ingrid Bergman e Gregory Peck. Nos secundarios destacan Michael Chekhov (sobriño do dramaturgo Anton Chekhov), Leo G. Carroll e Rhonda Fleming. Para unha das escenas máis míticas usáronse escenarios surrealistas deseñados por Salvador Dalí. Xuraría que lin nalgures que esa escea foi rodada por William Cameron Menzies, non por Hitchcock.

Constance Petersen é unha fría pero moi eficiente psicoanalista dun sanatorio de Vermont. Alí vai producirse o cambio de director despois de moitos anos. Vaise xubilar o doutor Murchison e vai vir o novo director, o doutor Edwardes, que ten bastante prestixio profesional. Cando chega o novo, chámalles a atención que é máis novo do que preveían, xa que ninguén o coñece en persoa. E xa dende os primeiros momentos, ten algúns comportamentos estraños, e a xente comeza a sospeitar algo raro. Pero tamén se nota que a doutora Petersen semella estar namorada e atraída por el, e parece mutuo.

Axiña se decata a doutora de que o tipo que apareceu non é doutor Edwardes, pero debeu ter algún tipo de relación con el, se cadra foi o seu paciente. Do verdadeiro doutor Edwardes non se sabe nada, parece estar desaparecido, e do que apareceu no sanatorio parece que ten amnesia. Fanlle incluso unha sesión de hipnose na que descubren algún trauma infantil, como que matou accidentalmente ao seu irmán cando eran pequenos.

Como sempre nas películas de Hitchcock, o final é vertixinoso, e aínda que a película xa ten 80 anos, non o vou desvelar, por se vos interesa vela de novo ou por primeira vez.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...