Si que teño cousas que contar sobre esta película. Para comezar, é a primeira que vin en Netflix (seguro que ningún de vós comezaría cunha como esta). Segundo, poño entre parénteses o ano porque se fixeron dúas versións baseadas na mesma obra de teatro, pero a máis famosa e valorada é a outra, do director danés Carl Theodor Dreyer. Estiven lendo varios artigos e moita xente di que a outra é moito mellor, pero a min esta xa me pareceu bastante interesante. Terceiro, resulta que esta película está en Youtube, pero non o sabía.
"Ordet" foi dirixida polo sueco Gustaf Molander en 1943, baseada nunha obra de teatro de Kaj Munk. Non son eu moi seguidor do cine sueco, pero semella que algúns destes actores saían con frecuencia en películas de Ingmar Bergman. Os papeis máis destacados foron para Victor Sjöström, Holger Lowenadler, Rume Lindström (que tamén foi o guionista), Stig Olin, Wanda Rothgardt, Gunn Wallgren e Ludde Gentzel.
O fondo da trama son as diferenzas relixiosas nunha comunidade rural sueca pero o foco céntrase na vida dunha familia. O patriarca Knut Borg é viúvo, unha institución da comunidade local e un tipo con moito caracter e conviccións moi fortes, tamén relixiosas.
O seu fillo maior tamén se chama Knut, pero está xa canso do fanatismo relixioso do seu pai, e nalgún momento ameaza con marcharse a traballar a unha fábrica na cidade. Está casado con Inger, un amor de muller que parece ser quen saca a casa adiante, xa teñen dous fillos e axiña chegará o terceiro. O fillo mediano do patriarca, Johaness, vai estudar para pastor da súa igrexa, pero ten moitas dúbidas coa súa vocación. E o fillo pequeno, Anders, é moito máis mundano, e simplemente está namorado da filla do xastre, que é doutra relixión (aí vén o conflito relixioso).
O caso é que Johaness dá o seu primeiro sermón de domingo na igrexa local, para gran orgullo do seu pai, pero fuxe correndo ao rematar, porque ve algo que lle fai dubidar da súa fe. Marcha á cidade e a súa moza o segue ata alí para intentar facelo volver á vida real, pero el non lle fai caso, e pouco despois, morre atropelada por un coche, e como non podía ser doutro xeito, el cúlpase por esa morte. Volve a casa pero sempre ten unha mirada alucinada e cre ser Xesucristo, así que ninguén lle fai demasiado caso.
Anders e a súa moza intentan comprometerse en matrimonio, pero os seus pais opóñense totalmente por ser familias de diferente relixión. Por outra banda, Inger vai ter o seu terceiro fillo, pero cae na casa, e témese pola súa vida. O neno morre pero a ela conseguen salvarlle a vida no último momento. Cando todo semella estar ben, morre na cama no último momento. Nese momento, o seu cuñado Johaness sae da súa habitación, e dirixindo o rezo colectivo dos veciños, faina resucitar.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario