venres, 7 de marzo de 2025

O secreto dos seus ollos

Hai algún tempo recomendáronme vivamente esta película. Preguntei onde podía vela e dixéronme que en varias plataformas de streaming de pago, dos cales eu non teño ningunha. Mellor dito, non tiña ninguha, ata a semana pasada, en que a empresa que me provee de conexión a Internet actualizou a miña tarifa e me meteu gratis polo mesmo prezo Netflix e Amazon Prime. Só entrei unha vez, de momento, para ver que podía haber, e vin que en Netflix estaba esta, e animeime a vela, a ver se era tan boa como me dixeran. Pero maior foi aínda a miña sorpresa cando fixen unha comprobación rutinaria e descubrín que estaba tamén en RTVE Play (polo menos, neste momento), así que a vin aí, sen anuncios.

"O secreto dos seus ollos" foi dirixida por Juan José Campanella en 2009, e ganou o Óscar a mellor película estranxeira (a segunda arxentina que o conseguía). O elenco é amplo e moi bo, e nel poderíamos destacar a Ricardo Darín, Soledad Villamil, Pablo Rago, Javier Godino, Mario Alarcón, Mariano Argento, Guillermo Francella e José Luis Gioia. Eu, que non son precisamente un experto en cine arxentino, só coñecía ao primeiro.

A trama é complexa. Un funcionario dun xulgado xubílase e o seu principal proxecto é escribir unha novela (nunca escribiu ningunha) sobre un caso que estiveron investigando hai 25 anos, e que lle obsesionou todo este tempo. En paralelo con iso, está a relación coa súa xefa, a secretaria do xulgado, da que claramente está namorado, e a rivalidade cun compañeiro co que se leva fatal, e que ten influencia nese caso de hai moitos anos. A actualidade transcorre no ano 1999.

O caso é que no ano 1974 asistiu ao levantamento do cadáver dunha fermosa rapaza, que foi salvaxemente violada na súa casa, un día calquera pola mañán. El foi o encargado de ir comunicarlle ao seu marido, que estaba traballando, o fatal suceso, e comprobar, como é lóxico, o tocado que quedaba. Poucas horas despois, o seu rival no xulgado, chegaba alí con grandes noticias, dicindo que xa apresaran aos culpables, que eran dous albaneis, un boliviano e outro arxentino. El vai á cadea a comprobar o feito, e ve que os torturaran, polo tanto, non tiña demasiados visos de realidade, e seguramente era unha manobra do seu rival para quedar ben diante do xuíz. Isto acaba nunha pelexa entre os dous no xulgado.

Un día está co marido da muller asasinada vendo unhas fotos familiares e fíxanse que en moitas fotos da súa vila (non eran orixinarios de Bos Aires) aparecía un tipo mirando sempre para a muller con miradas estrañas, pode que lascivas. Entéranse de que era un antigo noivo da muller, e sospeitan que pode ser o culpable da violación. Un día atópase co marido nunha estación de tren, quen lle confesa que vai todos os días ás diferentes estacións da cidade para ver se ve a ese tipo, para vingarse.

O funcionario e o seu mellor amigo e colega van ata a casa da nai dese sospeitoso, cólanse sen permiso, e rouban unhas cartas que lle escribía o seu fillo. E dese xeito descubren que é siareiro de Racing de Avellaneda, un dos clubs da cidade. Van a varios partidos e conseguen localizalo e detelo. Pero o interrogatorio que lle fan é ilegal, porque o caso estaba pechado, e aínda que o provocan e conseguen que case confese o feito, o rival do funcionario, para vingarse del, consegue liberalo. Así que, ao pouco tempo, está libre e incluso é contratado como gardaespaldas de persoeiros importantes, o que lle dá certa impunidade. Por este feito, están a piques de matalo (confundíronse de persoa) e ten que fuxir. 

Moitos anos despois, cando se xubila, volve localizar ao viuvo da muller, que vive nunha zona rural, e reflexiona con el como puido saír adiante todo ese tempo con esa dor. E pasan cousas que é mellor non desvelar, para que vexades a película, como fixen eu.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...