Sigo pagando as miñas débedas cinematográficas dos moitos anos nos que pasei bastante do cine e non vin as películas máis célebres da época. Así que ata onte non puiden ver completa esta película. Pareceume bastante previsible e algo ñoña, pero ás veces os éxitos teñen algo diso.
"Karate Kid" foi dirixida por John Avildsen en 1984 (o seu outro éxito foi "Rocky", así que parece que lle gusta "repartir"). No elenco destacan Ralph Macchio, Noriyuki "Pat" Morita, Elisabeth Shue e William Zabka. Que eu saiba, Elisabeth Shue é a única que fixo algo de carreira exitosa, e tampouco demasiado, creo.
A historia é ben simple. Un adolescente de Nova Jersey múdase a California coa súa nai, por cambio de traballo. A nai está moi emocionada polo cambio, pero a el xa se lle ve que non lle ilusiona o máis mínimo. Nada máis chegar ao seu novo fogar, fai uns colegas, e na primeira noite na praia, xusto antes de comezar a escola, fíxase nunha rapaza que lle gusta moito, e parece que a ela non lle desagrada. O malo é que ela era xusto a ex-moza dun dos malotes do instituto. E aí xa ten o primeiro choque con el.
Cando chegan ao instituto, reprodúcese a mesma situación. A rapaza déixase querer e quere integralo, pero os malotes danlle malleiras unha e outra vez. De casualidade, descubre que o encargado do mantemento do edificio no que vive sabe karate e pode ensinarlle a defenderse das malleiras.
A cousa evoluciona regular e acaba desembocando en que van enfrontarse nun torneo de karate da zona para ver quen é máis forte. Ten dous meses para prepararse, e o seu mestre lévao á súa casa e mándalle facer labores moi cansinas e aparentemente pouco relacionadas co karate, como pintar o valado, encerar o piso, e cousas similares. Máis tarde descubre que estaba practicando para o combate final, no que, obviamente, gana.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario