martes, 7 de xaneiro de 2025

Toni Erdmann

Decidín inaugurar o ano natural no CGAI, xa que seguramente non poderei pasarme en moito tempo. Comezaban con esta película, da que oíra falar algo hai uns anos, porque a historia é bastante curiosa. Dende logo, é orixinal, non se pode negar, pero pareceume algo pretenciosa por momentos, e creo que se lles fixo algo longa.

"Toni Erdmann" foi dirixida por Maren Ade no ano 2016. É unha produción xermano-austríaca, así que non me soaba nin o máis mínimo ningún dos actores, aínda que a actriz principal debe estar facéndose algo famosa, porque lle dedicaron un ciclo no CGAI, por exemplo por "Anatomía dunha caída"). Os dous actores principais son Sandra Hüller e Peter Simonischek. O resto de secundarios están moi ben pero seguramente non transcenderán.

Ines é unha executiva alemá que está traballando nas oficinas dunha potente empresa alemá en Bucarest. Iso parece indicar que todo lle vai moi ben. De feito, a súa familia pouco sabe da súa vida, e o único que saben é que vén moi pouco de visita, e cando vén, está case sempre ao teléfono.

Por esa razón, o seu pai, que é un tipo moi bromista, e aparentemente moi desocupado, vai de visita a Bucarest, aparentemente sen avisar. Vai ser unha fin de semana, e mal que ben, a filla vai sorteando a situación, xa que xustamente neses días ten unha presentación moi importante para o seu desenrolo profesional, e ademais ten que facer vida social nas altas esferas para ir gañándose a confianza dos seus xefes.

A crise pasa, aparentemente, cando o pai se despide para volver á casa. Pero para a sorpresa da filla, o pai disfrázase e invéntase un personaxe chamado Toni Erdmann, que ten estraños contactos, é moi excéntrico, do que se ri todo o mundo, pero que tamén ten moita capacidade para socializar.

E como a película é razonablemente reciente e merece un visionado, non vou contar nada máis. Diremos que é algo ou bastante disparatada, e que pasan unhas cantas cousas bastante singulares. Pero xa digo, se cadra se lles foi algo de lonxitude.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Érase unha vez en América

Hai unhas semanas botaban esta película no espazo de cine clásico da 2, no seu horario habitual dos luns pola noite. Pero estaba eu bastante...