Nestes días de vacacións navideñas, deume un "arrebato" e decidín ver (porque dispoñía de algo de tempo) a serie "Os gozos e as sombras", que está dispoñible en RTVE Play e parece que tamén en Youtube. Tiña 13 capítulos (cifra moi habitual naqueles tempos, porque botando un cada semana enchían un trimestre) de aproximadamente 1 hora. Gustoume bastante, pero é que as poucas series que facía Televisión Española naqueles 80 estaban normalmente moi ben feitos, e o elenco e os medios técnicos eran considerables.
A serie é de comezos dos 80 (emitírona na primavera do 82) e foi dirixida por Rafael Moreno Alba, nome que non me soa de nada. O elenco foi fantástico. Nos papeis principais están: Eusebio Poncela (Carlos Deza), Amparo Rivelles (Doña Mariana Sarmiento), Charo López (Clara Aldán), Carlos Larrañaga (Cayetano Salgado), Rosalía Dans (Rosario "A Galana") e Santiago Ramos (Juan Aldán). Nos secundarios tamén destacan moitos, pero poderíamos salientar a Manuel Galiana, Rafael Alonso, José María Caffarel, Eduardo Fajardo, Isabel Mestres, Tito García, María Casal e Fernando Sánchez Polack.
A historia estaba ambientada nunha vila imaxinaria da costa de Pontevedra, chamada Pueblanueva do Conde, na parte final da II República. Abrangue un par de anos, cando Carlos Deza, un dos personaxes principais, volve á vila despois de 18 anos fóra, e trastorna a vida da provinciana vila. Tanto nas relacións de poder, que estaban xa xirando debido á inminente chegada da guerra civil, como nas pasionais, xa que establece varias relacións con mulleres que eran moi desexadas na vila, e iso tamén lle converte no principal rival do cacique emerxente do lugar. Por certo, nesta vila imaxinaria estaba case sempre chovendo, e a cachón.
Gustaríame definir con certo detalle os colectivos ou familias que forman parte deste embrollo:
- Os Churruchaos: parece que tradicionalmente foron os que mandaron no lugar, pero están vidos a menos, e desaparecendo. Só queda Doña Mariana, que está encantada da volta de Carlos Deza, de cuxo pai semella que estivo algo namorada, pero son tía e sobriño. Carlos Deza é psicólogo ou psiquiatra, estudou en Viena, e volve para a vila, pero nunca queda moi claro por que, porque continuamente está amagando con marchar, sobre todo despois da morte de Doña Mariana. Agora só teñen a propiedade dos barcos dos mariñeiros que viven na vila, danlles perdas, pero mantéñenos para facerlle fronte ao cacique emerxente. Na parte final da serie pásanlle a propiedade dos barcos aos propios mariñeiros, para que se administren eles mesmos, pero parece que a operación tampouco sae demasiado ben. Nos últimos capítulos aparece unha familiar chamada Germaine, que se criou en París, e que Doña Mariana pretendía que se casase con Carlos Deza para restaurar a estirpe. Pero ela quere ser cantante de ópera e non está disposta a quedar na vila, e ademais non se entende con Carlos.
- Os Salgado: ou máis ben Cayetano Salgado, o novo cacique. É o propietario dos asteleiros, está acabando co sector pesqueiro da vila, e a súa intención é pechalo para que todo o mundo na vila traballe para el. É un despota, mala xente, e practica o costume feudal do dereito de pernada, toda muller solteira ou casada da vila ten que pasar pola súa cama, se el o desexa. O seu pai (se é que está vivo, que nunca aparece na serie) non pinta nada, e a súa nai é unha beata que só aparece ao final para meter un pouco de presión relixiosa que enrarece aínda máis o ambiente na parte final da historia.
- Os Aldán: Juanito Aldán é o último vértice do tríángulo formado por el, Carlos e Cayetano, que eran amigos canda nenos. Pero agora é o líder da CNT, e o gran inimigo de Cayetano, que defende aos mariñeiros. Na súa casa vive a súa nai, totalmente alcoholizada, a súa irmá Inés, unha beata que acaba fuxindo da aldea detrás dun cura ao que idolatraba, e Clara, a que fai a maior parte das labores da casa, con moi mala reputación na aldea pero seguramente dos personaxes máis nobres que hai na historia.
- A familia da "Galana": Rosario "A Galana" era a querida de Cayetano cando comeza a historia, pero parece que tampouco lle era moi fiel. En canto aparece Carlos Deza, que lle gusta moito máis, comeza unha relación con el, ata que Cayetano se farta, e dálle unha paliza, presumindo incluso. Despois Rosario casa cun veciño. A nai de Rosario estalle moi agradecida a Cayetano por escoller á suá filla como novia, e ao pouco tempo, o pai e os irmáns de Rosario comezan a traballar no asteleiro. Cando Rosario casa, na mesma noite de vodas bótaos a todos da súa casa.
- O Casino: Patético lugar no que as "forzas vivas" da vila, como o mestre, o boticario, o xuíz e outros parásitos van xogar a partida e comentar a actualidade da vila, sempre baseada en rumores e mala fe. Case todas as escenas máis tensas suceden alí ou no seu entorno inmediato.
- Outros: está Paquito o reloxeiro, o tolo da vila, que vivía nun galpón que lle cedera Cayetano no asteleiro, pero que acaba indo ao pazo de Carlos. Está frai Eugenio, un cura con dotes artísticas e bastante sensato que ten moi boa relación cos Churruchaos. Ademais, semella moi liberal para o mosteiro no que vive. E a taberna onde se reúnen os mariñeiros, onde suceden tamén algunhas escenas bastante tensas.
En definitiva, que está moi ben. Como presaxio do tempo que se achegaba (no último capítulo teñen lugar as eleccións de febreiro do 36), a traca final é Cayetano agredindo ao deputado electo, a Carlos, a Juanito e a Clara, todo no Casino ou no seu entorno inmediato.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario