luns, 20 de maio de 2024

O corazón portugués

O volume número 104 da colección Biblioteca Galega que a Voz de Galicia editou no ano 2002 é a novela "O corazón portugués", escrita polo xornalista de Fene Ramón Loureiro. Como aquel ano se cumprían 120 ano da existencia dese xornal, a colección completa ten 120 volumes. E como os estou lendo por orde de numeración, xa estamos cerca de rematar. Se todo vai ben, esta mesma semana caerán os dous seguintes.

Recoñezo que non conseguín contactar coa novela. Tiña boas trazas pero non conseguín mergullarme na súa historia. A forma de escribir do autor, do que non lera nada antes, por momentos lembra a Álvaro Cunqueiro, que non é ningunha broma. Pero só é por momentos, e nos outros momentos, os personaxes que propón non acabaron de engancharme.

Está ambientada na Terra de Escandoi, que semella algún lugar entre Ferrol, Pontedeume e Mondoñedo, porque diferentes escenas teñen lugar nesas zonas. Os personaxes son actuais (algún deles ata sae a correr, vicio moi actual), e algún ten leves referencias ao pasado. Varios morreron de morte tráxica e inesperada e parece que non teñen moi claro se xa están noutro mundo ou aínda neste. Outro dos personaxes principais perdeu á súa amada e tampouco sabe que facer da súa vida. Ou sexa, que a historia tiña bos vimbios, pero non conseguín pillarlle o punto.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...