luns, 20 de maio de 2024

Contos da lúa pálida

Estes días puiden descansar bastante (por fin) e puiden permitirme moitas cousas que normalmente non podo facer. Por exemplo, ir ao CGAI (creo que o seu nome oficial agora é o de Filmoteca de Galicia). A verdade é que ía co umbral de esixencia algo baixo e case calquera cousa me podía valer, pero o cine xaponés, aínda que me resulta algo alleo e estraño, normalmente depara sorpresas interesantes, sobre todo se é clásico e contrastado, como a película que fun ver eu.

"Contos da lúa pálida" foi dirixida en 1953 por Kenji Mizoguchi, un dos directores xaponeses máis prestixiosos (o seu nome sóame moito, pero non sei se vira antes algunha película súa, xuraría que non). Os principais papeis do elenco son para Masayuki Mori, Machiko Kyō, Kinuyo Tanaka, Eitarô Ozawa, Ikio Sawamura, Mitsuko Mito, Kikue Môri e Ryosuke Kagawa. Non coñezo a ningún deles, o único nome que me soa vagamente é o da actriz Kinuyo Tanaka, se cadra porque tamén foi directora. Como última curiosidade, direi que había dous títulos alternativos ao que puxen, engadíndolle "de agosto" ou "despois da chuvia". A verdade é que ningún deles nin o orixinal parecen dicir nada sobre a historia en si.

Genjuro e Tobei son dous irmáns que viven na montaña, na época feudal do século XVI, cando hai unha guerra civil. Genjuro é ceramista e ten muller e un fillo pequeno, está sempre obsesionado con ganar cartos vendendo as súas cerámicas na cidade. Tobei é campesiño, axuda ao seu irmán, está casado, pero a súa obsesión é moi diferente, quere ser un samurai de prestixio, cando aparentemente non reúne as cualidades necesarias para conseguilo.

Finalmente acaban chegando as tropas dun dos exércitos á súa aldea, saquéana para non variar, e polos pelos, os cinco conseguen fuxir nunha barca polo lago. Despois de atoparse cun barqueiro que foi atacada polos piratas, e que morre diante deles, deciden que discretamente a muller e o fillo de Genjuro volvan á aldea, para esperalos alí. Seguramente, agora que xa pasaron os soldados, volverá alí a tranquilidade. Genjuro, Tobei e a súa esposa seguen para a cidade, a ver se conseguen os seus diferentes obxectivos.

A súa sorte é moi dispar. A muller de Tobei ten que escapar, é violada por uns soldados e convértese en prostituta. Tobei ten unha tremenda sorte e convértese nun samurai moi prestixioso facendo unha trampa que ninguén pode descubrir. Nun dos seus paseos pola cidade atópase coa súa muller, e pensan na posibilidade de unirse de novo, pero na película esa historia xa non volve saír, para centrarse na sorte de Genjuro e a súa familia.

Genjuro gana moitos cartos, pero cae perdidamente namorado dunha estraña muller chamada Wakasa, á que acompaña á súa casa xa que lle mercaron bastante mercancía. Van á súa casa na montaña e ela proponlle que casen, el non lle di nada de que xa está casado e ten un fillo, porque non pode crer a tremenda sorte que lle sorrí nese momento. Pero, aos poucos, vaise decatando de que a casa e a familia son moi estrañas e xa non ten tantas ganas de quedarse. Un día, esperta e é atacado por uns soldados, e nese intre decátase de que a casa idílica na que pasara as últimas xornadas está totalmente destruída e en ruinas dende hai tempo. Volve sen nada para a súa casa, e cando chega, descubre que a súa muller foi asasinada por uns ladróns, e de que os veciños levan algún tempo coidando do seu fillo pequeno.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...