luns, 20 de maio de 2024

Milladoiro: 45 anos

Onte había unha cita ineludible na Coruña. Cumpríanse 45 anos dende que Milladoiro fixera o seu primeiro concerto, no colexio dos Salesianos. A cousa parece que saíu ben, e case medio século despois, volveron para agradecer aquel impulso inicial. O concerto foi no Pazo da Ópera.

Coincidín con varios colegas, e algún deles non lembraba ter estado nunca nun concerto de Milladoiro. Saíu autenticamente marabillado, pero os que xa estivemos varias veces sabemos que é o seu nivel habitual. Por desgraza, xa non poden tocar algunhas das súas pezas, nas que destacaba a arpa, porque xa non hai ninguén no grupo que a toque. Eu considero que os seus 7-8 primeiros discos son autenticamente inigualables, e se só tocaran pezas deles, o concerto non perdería calidade, penso que máis ben a ganaría, pero vaia, tamén está moi ben así.

Dende hai máis de 10 anos teñen unha formación estable, despois dunha época con bastantes cambios. Seguen os tres fundadores que chegaron do grupo Faíscas do Xiabre, formado en Catoira a finais dos 70. Son Nando Casal, que toca gaita, clarinete e frautas, Xosé Ferreiros, que toca gaitas, frautas, algún instrumento de corda como mandolina ou bouzouki e tamén a pandeireta, e Moncho García, que toca só percusión. Harry C leva xa máis de 25 anos como violinista, e xa é o cuarto que ten o grupo, pero semella xa o máis estable. Manu Conde leva case 25 anos tocando a guitarra e o bouzouki. E o último en incorporarse foi Manuel Riveiro, que toca todo tipo de teclados, piano e acordeón.

A sorpresa para min foi que en parte do concerto estivo unha segunda violinista, que tamén cantou en varias cancións, e que se chama Ilduara. Polo visto, é Ilduara Vicente, e é a filla de Pepe Ferreirós. Non sei se vai ser unha nova incorporación do grupo ou só colaboradora puntual, tendo en conta que violinista xa teñen. En tres pezas tamén saíron o bailarín Xesús Quiroga e unha compañeira, para amenizar a escoita coa danza.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...