sábado, 27 de xaneiro de 2024

Robin dos bosques

Esta mítica película coñecida como "Robin dos bosques" en España, tiña o título orixinal de "As aventuras de Robin Hood", que foi traducido con total fidelidade en Hispanoamérica. É unha das últimas que me quedaba por ver da colección Cine de Ouro que me "regalaron" hai uns anos, cos seus interesantes caderniños que explican algúns pormenores da produción. Cine clásico de aventuras sen grandes pretensións e baseado en personaxes máis ou menos históricos ou lendarios. Non hai fallo.

Foi dirixida en 1938 inicialmente por un tal William Keighley, pero non debía estar gustando e finalmente rematouna Michael Curtiz, un artesán moi solvente de orixe húngara que tiña unha eficiencia no seu traballo moi elevada. Os papeis principais son para Errol Flynn, Olivia de Havilland, Claude Rains e Basil Rathbone (vaia alineación).

A historia é ben coñecida. Ricardo Corazón de León, que non debía ter moito que facer, marcha para as Cruzadas, e cando volve, é apresado por un rei rival de Europa. O seu irmán, coñecido popularmente como Xoán Sen Terra, semella preocuparse e estar recadando cartos para pagar o seu rescate, pero realmente non ten a máis mínima intención de facelo e quere usurpar o poder, cando non o quere ninguén, agás o seu círculo máis cercano a adulador.

Entón Robin de Locksley, un noble saxón, encabeza a rebelión contra Xoán e os seus seguidores. Inicialmente Lady Marian, que forma parte dese círculo, tamén esté en contra del, pero vai coñecendo a Robin en diferentes situacións, e acaba encariñándose con el. Vanlle poñendo trampas para intentar apresalo, e incluso chegan a conseguilo, pero os seguidores de Robin conseguen liberalo, no último momento tamén axudados por Ricardo Corazón de León, que conseguiu fuxir tamén dos seus captores.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...