domingo, 28 de xaneiro de 2024

Grupo abeliano

Hai unhas semanas cheguei xa ao volume número 103 da colección Biblioteca Galega 120, que a Voz de Galicia publicou no ano 2002, co gallo do seu 120 aniversario, e dirixida por Tucho Calvo. Xa vos falei aquí moitas veces deste tema, e vedes que xa vou avanzando cara ao punto final. Quedan só 17 para rematar e espero conseguilo entre 2024 e 2025.

Nesta ocasión era a quenda da novela "Grupo abeliano" de Xosé Cid Cabido. Soábame vagamente o título da novela e o nome do autor, deberon ter certa fama no seu día, pero non sabía nada máis, cousa que non me desagrada, pode ser boa cousa comezar a lectura dunha novela sen ter ningunha expectativa en mente. E a verdade é que o pasei bastante ben, porque é unha obra moi pouco convencional, e sorprendeume. Pero iso vaime dificultar á hora de explicarvos de que vai. 

Un grupo de seis ou sete persoas, todos homes, dos que nunca chegamos a saber os seus nomes, idades nin nada parecido, só algúns feitos ou anécdotas da súa vida, vagan dun sitio a outro da súa cidade sen ningún plan establecido. Teñen uns poucos cartos, pero non demasiados, saben que non queren traballar, queren folgar, néganse a pagar polas cousas ou servicios dos que se aproveitan, aínda que ás veces si xuntan algúns cartos e pagan por algo, pero menos do que deberían, co conseguinte cabreo dos demais, obviamente.

Para que vos fagades unha idea, a novela comeza moi forte, porque van ao despacho do gobernador da cidade, e césano do seu cargo. E el vaise sen dicir nada. Polo que parece, unhas cantas familias ocupan o edificio para quedar a vivir alí. E iso conségueno porque algún deles ten unha grande capacidade de persuasión oratoria (ese é o tipo de cousas que imos sabendo deles, como mencionei antes). Van pasando cousas, cada vez máis disparatadas, provocadas por este grupo "informal", como por exemplo a voladura dunha comisaria de policía. 

Estou mirando a definición do grupo abeliano en Matemáticas e fai referencia á conmutatividade dos seus argumentos, ou sexa, que podes facer unha operación cambiando os elementos de posición e o resultado é o mesmo. Non sei, se cadra, aquí fai referencia a que calquera dos membros deste grupo podería facer calquera das cousas que facían os outros, pero tampouco me pega moito. Un era máis persuasivo, outro tiña unha familia con posibles, outros tiñan outras circunstancias, non todos valían para todo. Os únicos nomes que aparecen son os dalgúns personaxes secundarios que se van cruzando con eles, e que teñen certa relevancia na trama, pero nin sequera durante toda a obra, senón só nalgunhas partes.

Xa rematamos. Podedes pensar que esta trama semella bastante insulsa, pois non o creades. Van pasando cousas tan sorprendentes e absurdas, que nunca sabes o que che espera na seguinte páxina. E o final é totalmente aberto, aínda que non me soa que tivera continuación, aínda que pode ser que a merecera.

Saúdos.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...