mércores, 30 de agosto de 2023

Freddie Mercury, último acto

Pois como dicía, ultimamente estame dando por ver documentais. E mira que non hai información, incluso películas (a última comentouse aquí hai un par de meses), sobre Queen e sobre todo de Freddie Mercury. Pois hai pouco tamén se fixo un documental sobre os últimos anos de vida de Freddie Mercury, afectado pola lacra do sida, que agora está algo controlada, pero que nos 80 e nos 90 segou moitas vidas e semellaba incontrolable.

Este foi dirixido por James Rogan en 2021. Tratando do que trata, está de máis dicir que Freddie Mercury é o personaxe que máis aparece. Brian May e Roger Taylor tamén aparecen bastante, pero John Deacon non. E tamén algúns amigos e médicos que traballaron na enfermidade.

A min colleume algo novo, pero parece que máis ou menos todo o mundo sabía que Freddie era homosexual, que non facía nada por ocultalo, e vendo como avanzaba a enfermidade, todos intuían que antes ou despois podía tocarlle a el, como así foi, así que van contando a súa evolución. No video que vos poño vese a degradación física que sufría nos últimos meses, e polo visto xa gravou ese último videoclip con moita dor. Curiosamente, dos 90 minutos da metraxe, a súa morte chega cando vai máis ou menos a metade.

A segunda parte do documental trata do esforzo que fixo o resto do grupo para organizar a homenaxe en Wembley uns meses máis tarde, que conseguiu xuntar a moitos dos mellores músicos de pop e rock da época. A mitificación de Axl Rose, que foi convidado a participar xunto ao seu grupo, pero que non participaba nos ensaios, e que ninguén tiña claro se finalmente ía actuar ou non, cando lle tocaba facer dueto con Elton John en "Bohemian Rhapsody", co que parece que non se levaba demasiado ben. Pero finalmente apareceu "por sorpresa" no escenario deslumbrando, e saudando con cariño a Elton John. E a odisea de George Michael, que interpretou moi ben "Somebody to love", que tamén era homosexual pero que tiña moitos problemas sentimentais porque parece que era un tipo ben complicado (morreu hai uns anos, pero non me soa que fora polo sida).

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...