mércores, 30 de agosto de 2023

Searching for Sugarman

Aínda que non me desagradan en absoluto, e gústame moito a divulgación e o coñecemento en todas as súas modalidades, a verdade é que teño moi pouco hábito de ver documentais. E mira ti que non botan documentais na televisión, sobre todo en canais fantásticos como a 2. Pero hai unhas semanas, por algunha estraña razón, fun a unha das plataformas que recibo agora na miña nova smart-tv, e púxenme a buscar nos documentais, e non nas películas (se cadra ese día dispoñía de menos tempo e pensei que sería máis doado atopar pezas desa duración). E atopei esta xoia da que seguramente oístes falar nos últimos anos.

"Searching for Sugarman" foi dirixida polo director sueco Malik Bendjelloul (a súa única obra, tristemente suicidouse pouco despois) no ano 2012, e gañou o Óscar ao Mellor Documental no ano 2013. Non teño eu moi claro que o elenco sexa relevante neste tipo de pezas audiovisuais. Se cadra o máis importante neste caso é que aparece o propio protagonista da historia (ao comezo non parecía que sería así).

A historia é ben curiosa. Resulta que en Sudáfrica, por algunha estraña razón, triunfou nos anos 70 un cantautor estadounidense chamado Rodríguez, que só chegou a sacar un par de discos, pero décadas máis tarde seguía sendo alí un mito. Ninguén o sabe con certeza, pero suponse que na época de edición dos discos, algún turista estadounidense foi de vacacións a Sudáfrica, levou os vinilos, aos seus colegas que estaban alí gustáronlle moito, e a bola foi crecendo e crecendo. Pero a súa vida era un enigma e, dende logo, a pesar do seu gran éxito alí, nunca foi de xira por alí. De feito, existía a lenda de que non sacara máis discos porque se suicidara dando un concerto (dende logo, un final ben épico para un músico).

O caso é que un par de fans sudafricanos de Rodríguez, varias décadas máis tarde, puxéronse a investigar sobre a identidade do artista. Non tiñan moito de onde tirar, pero se cadra, investigando ás discográficas que sacaron os discos orixinais no seu momento podían conseguir algo. E así o fixeron. E cal foi a súa sorpresa cando descubriron que o mito do suicidio no escenario era falso. Que só sacou dous discos porque en Estados Unidos, aínda que prometía, o seu éxito foi nulo. E sobre todo, que seguía vivo e podían falar con el.

Resulta que o tipo chamábase Jesús Sixto Rodríguez, era estadounidense pero de orixe mexicana, vivía pola zona de Detroit, e dedicábase ás obras, era algo así como un albanel. O seu estilo era similar ao Bob Dylan da época (comparábano moito con el), e algúns dicían que era mellor ou que lles gustaba máis. Pero o caso é que Dylan triunfou e el foi totalmente esquecido. Cando deron con el os sudafricanos en Detroit, convencérono para que a finais dos 90 fixera unha xira por Sudáfrica, que foi un auténtico éxito.

Eu oín falar deste documental hai xa 3-4 anos facilmente, pero non o vin ata hai uns días. E mira ti que casualidade que Sixto Rodríguez morreu a comezos de agosto, xa con máis de 80 anos. No vídeo que vedes abaixo está o documental enteiro (podedes activar os subtítulos). Pero vaia, se conseguín velo eu, que non estou en ningunha das plataformas comerciais, moi difícil non debe ser.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...