luns, 4 de xullo de 2022

Sherlock Holmes: Xogo de sombras

Quen lea este blog verá que aparece con certa frecuencia o personaxe de Sherlock Holmes (e máis que aparecerá), que me parece un dos máis fascinantes da literatura universal. Hai algo máis dunha década, alguén probou a facer novas películas sobre este personaxe, obviamente moi diferentes das clásicas, e semella que tivo bastante éxito. O ano pasado vin a primeira desta nova saga e agora tocaba ver a segunda.

Esta segunda da saga foi dirixida en 2011 tamén por Guy Ritchie, así que segue sendo moi visible a súa man, cos cambios de ritmo na proxeción de imaxes, e todos os personaxes repartindo sen compasión. O elenco é máis ou menos o habitual, con Robert Downey Jr, Jude Law e Rachel MacAdams (aínda que o seu personaxe, Irene Adler, aparece só brevemente ao principio, morre axiña, aparentemente). Nesta ocasión aparecen outros secundarios como Jared Harris, Stephen Fry ou Noomi Rapace.

Como pasa sempre coas historias de Sherlock Holmes, e xa non digamos coas versións modernas, nas que retorcen as tramas orixinais ata o infinito, a historia é moi enrevesada. O fondo parece ir de que o profesor Moriarty, o grande inimigo de Holmes, está facéndose aos poucos coa propiedade das maiores empresas de armas, e está organizando atentados orquestrados de xeito que provoquen unha guerra mundial entre as principais potencias europeas, e así saír beneficiado da contenda. Aparecen xitanos que teñen que ver cunha das tramas, persoas que sufriron operacións de cirurxía estética que os converten en practicamente irrecoñecibles, e moitas outras cousas. Ou sexa, unha película trepidante que non aburre nin un segundo.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...