luns, 4 de xullo de 2022

Unha confesión

Nunca pensei eu que chegaría a crear unha sección sobre "Series" neste blog, porque é un formato audiovisual que non me atrae case nada. Dende hai uns anos que apareceron as plataformas de streaming como Netflix, que ofrecen moitos contidos pero sobre todo series (polo que parece), converteuse no formato preferido de case todo o mundo, e moitos din que estamos pasando pola "idade de ouro da televisión". Aínda así, eu non teño a máis mínima intención de darme de alta en ningunha desas plataformas. Pero a miña nova Smart TV ten acceso a varias plataformas como Rakuten, RTVE Play ou EITB que poñen contidos deste tipo ao meu alcance, e vexo algunha cousiña se me chama moito a atención ou resulta asequible.

Esta serie atopeina na plataforma da EITB, que ten contidos en castelán e en eusquera. Eran só 6 capítulos de 45 minutos, así que en poucas horas podía dar conta de toda a historia. Só nese caso ou se os capítulos son máis ou menos autoconclusivos lle darei unha oportunidade. Por exemplo, teño case vista por completo a serie "Sherlock" (só me faltan dous capítulos neste momento, e eran un total de trece), e estou comezando a ver "O ministerio do tempo", pero sen presa, porque cada capítulo conta unha historia diferente. Unha das cousas que me atraeu desta serie é o careto de Martin Freeman, actor principal da miniserie, e que me resulta simpático despois de velo en varias series e películas que me agradan.

Esta serie está baseada no caso real dun asasino en serie que foi apresado pouco despois de cometer o seu último asasinato, aínda que na serie non queda demasiado claro cantas mulleres matou. Está claro que foron dúas, pero os indicios apuntan a que foron moitas máis, pero non se sabe a cantidade exacta.

O dilema moral consiste en que o detective que dirixe as investigacións comete un erro de procedemento que provoca o descubrimento dunha muller que levaba anos morta e desaparecida, pero que a forma de facelo fai que non se poida utilizar como proba nun xuízo. Polo tanto, o asasino cumpre condena de 25 anos polo último asasinato, pero ata varios anos máis tarde, cando un xuíz diferente cre que o erro non foi tan grave, non se lle imputa o segundo delito, que provoca a cadea perpetua. Ou sexa, de novo o debate se a policía pode facer o que quere para obter máis probas ou se hai que conseguilas de forma garantista.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...