luns, 4 de xullo de 2022

Xullo Pop

Nos últimos días celebrouse no Teatro Colón da Coruña o ciclo de concertos Xullo Pop, unha atinada proposta da Área de Cultura da Deputación para darlle visibilidade a grupos galegos dese estilo, aínda que algúns deles non encaixaban demasiado nesa etiqueta. Asistín aos tres concertos con interese, aínda que algún dos grupos xa o coñecía (e non me convenceran demasiado no pasado) e outros os descoñecía, aínda que oíra falar deles.

O primeiro grupo que actuou foi o de Anxo Araújo. Ten unha formación máis ou menos típica con batería, baixo, guitarra, guitarra acústica e voz, e o máis rechamante é o quinto compoñente toca algo parecido a un teclado e a trompeta. Soa bastante a pop, pero tampouco me chamou demasiado a atención.

O segundo "grupo" foi Garza. Realmente non é un grupo, senón a proposta musical de Adrián Charlín, que foi batería en grupos de rock galegos. Case toda a música a produce electronicamente con ordenadores e só está acompañado por unha batería, que toca el mesmo cando deixa ás maquinas producindo son. Acompañouse nunha única peza por un violonchelista. Non me pareceu nada atractiva a súa proposta, pero é que iso me pasa con toda a música electrónica. Serei xa moi maior, pero gústame ver persoas manipulando instrumentos e interpretando a música no momento, os sons pregravados non me gustan demasiado, e cando case todo o que ofreces é iso, obviamente non me gusta.

O terceiro e último grupo foi Grampoder, ao que xa vin actuar hai 6 ou 7 anos na Mardi Gras. Que mágoa de grupo!! Está formado só por dúas persoas, Martín, que canta e toca a guitarra, e Roi, que agora toca só a batería (hai anos tamén tocaba o baixo de cando en vez). Digo o de "mágoa" porque son os dous compoñentes que quedan dos tres que formaban inicialmente The Homens, un magnífico grupo de pop en galego que se disolveu hai uns 10 anos, cando Xocas, o batería, tivo que marchar a traballar (creo que a Portugal). Pois non sei que pasou, pero todo aquel caudal de talento que tiñan cando estaban todos xuntos parece que xa se esgotou, porque as súas cancións actuais non me transmiten case nada.

Saúdos.









Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...