martes, 23 de febreiro de 2021

Godzilla

Os poucos lectores que ten este blog seguramente alucinarán cando lean que vin unha das versións cinematográficas de "Godzilla". E seguramente non lles falte razón. Pero recoñezo que tiña certa curiosidade por saber de que vai a historia dese monstro orixinario da cultura xaponesa. Non houbo razón máis profunda que esa. Estivo ben, pasouse o rato, e a curiosidade xa está saciada.

Foi dirixida en 1998 por Roland Emmerich, que sempre está dispoñible para estas pirotecnias. Os actores máis recoñecibles, polo menos para min, son Matthew Broderick e Jean Reno, que tampouco son actores de moita calidade en xeral, así que xa se ve o que pode saír de aí.

A historia parece ir do seguinte: en décadas anteriores, os franceses estiveron facendo probas nucleares na Polinesia. Por avatares do destino, semella que esas radiacións afectaron a algún lagarto da zona, que cando creceu se converteu nun bo bigardo. A película comeza véndose como ese super-lagarto ataca un gran barco mercante xaponés nalgún lugar do Pacífico. Nese momento van buscar ao personaxe supostamente principal da película (quitando ao lagarto, claro), un científico especializado en radiación, que estaba traballando en Chernobyl. El non sabe que é o que ten que facer, pero pasan por Panamá, e detectar unhas pegadas dun tamaño xigantesco. O detalle de que sexa Panamá semella importante. O seguinte que vemos é a Godzilla atacando Nova Iork. Tendo en conta que NY está no Atlántico e o lagarto viña do Pacífico, debeu cruzar por Panamá, pero todo semella algo collido polos pelos. Coido que a idea forza da película era que o lagarto destruía Nova Iork, unha cidade que se presta moito a ser destruída no cine estadounidense.

E a historia non dá moito máis de si. Vai facendo destrozos por toda a cidade, para gozo do director, que todo o que sexa destrución e explosións, o pasa en grande. E o listísimo científico parindo teorías aparentemente absurdas, pero que semellan acabar sendo intelixentes, comparadas coas dos militares que lle rodean, que queren bombardear todo. Unha das ideas que el descubre (ninguén máis o fai, obviamente), é que o lagarto é hermafrodita, está embarazad@, e que seguramente estea buscando un sito para poñer ovos e perpetuarse. Efectivamente o fai, pon uns 200 ovos no Madison Square Garden. Por suposto, iso estaba pensado para unha das escenas máis destacadas da película, con mogollón de lagartiños que acaban de saír dos seus cascaróns, que ameazan con saír do edificio, ata que o destrúen con misiles.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...