martes, 23 de febreiro de 2021

Dende Rusia con amor

Como dixen hai pouco, no espazo de cine clásico da 2 dos luns pola noite, comezaron hai pouco a botar as primeiras películas de James Bond, protagonizadas por Sean Connery. Agora que avanza o ciclo, seguen botando películas con Sean Connery, pero xa non son das primeiras, deduzo entón que debe ser unha homenaxe ao actor recentemente falecido.

"Dende Rusia con amor" é a segunda da saga, despois do grandísimo éxito da primeira (aínda que a min a primeira pareceume un pouco frouxa). Aquí xa se comezan a ver algúns elementos comúns da saga, que na primeira non se veían. Por exemplo, hai unha escena de acción intensa xa incluso antes dos títulos de crédito iniciais. Bond comeza a viaxar algo máis polo planeta, nesta xa anda por Estambul, Venecia, e no Orient Express pasa por lugares como Zagreb. Non é ningunha marabilla, pero algo é.

Foi dirixida no ano 1963 por Terence Young. A estrela total, obviamente, é Sean Connery, pero tamén ten bastante protagonismo Robert Shaw, un actor que tivo algúns papeis relevantes en películas famosas como "O golpe" ou "Tabeirón", pero sempre en roles secundarios. Con respecto ao título, a versión española e a que se viu en case toda Hispanoamérica é totalmente fiel ao orixinal, que tampouco era ningunha marabilla. A película tiña algo que ver con Rusia, pero non demasiado, nin alí transcorría ningunha escena, que eu recorde. O delirio xa veu de varios países hispanoamericanos que decidiron traducir o título como "Regreso do axente 007".

A trama? Pois xira en torno ao intento de roubo dunha máquina para cifrar mensaxes chamada Lektor. Supostamente unha desertora rusa quere ofrecerlla ao servizo secreto inglés, pero realmente é a organización SPECTRA quen se atopa detrás dese interese. Participan espías rusas que non saben que outras ex-compañeiras xa desertaron e agora pertencen a esa organización. Pero vaia, en xeral, como en todas as películas de espías, a trama é moi retorcida, e en ningún momento podes fiarte de ningún personaxe, porque todos poden enganar aos demais nalgún intre.

Unha das cousas curiosas da película é o papel de Robert Shaw, que fai dun asasino letal e case invencible de Spectre, que pasa boa parte da película seguindo a Bond, para acabar finalmente atacándoo no Orient Express, pero antes diso incluso trabaron certa amizade porque se fixo pasar por outro axente secreto, que teoricamente ía axudalos. Pero o listísimo Bond se decata de todo, loitaron, estivo a punto de perder.... pero Bond sempre gana, obviamente.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...