mércores, 7 de xaneiro de 2026

Contos de Terramar (Historias de Terramar V)

Rematamos aquí esta saga literaria de fantasía. Non é un xénero que me chamara moito a atención, pero decidín probar, e o resultado non está mal. Non quedei entusiasmado. Hai que ter en conta que este volume é o único da saga de seis que non forma parte da "secuencia" histórica de sucesos. Publicouse no ano 2001, antes da sexta e última parte (que xa comentei aquí hai uns días).

Contén cinco relatos e un ensaio. E ademais vai acompañado dun prólogo da propia autora que explica de que trata cada un deles:
- O buscador: ten lugar trescentos anos antes que o resto das novelas, e explica algunhas das cousas que suceden na sociedade de Terramar tempo despois.
- Rosaescura e Diamante: é unha pequena historia de amor entre dous personaxes peculiares.
- Os ósos da terra: explica un feito que se comenta nalgunha das novelas, sobre un dos feiticeiros que foi quen de parar un terremoto.
- Na braña alta: conta un suceso que lle pasou a Ged cando era arquimago.
- Libeliña: di a autora que é un especie de ponte entre a cuarta parte e a sexta, xa que explica a formación de Orm Irian na escola de Roke e a súa conversión en dragón.
- Unha descrición de Terramar: fala sobre os pobos, as linguas, a maxia e a historia de Terramar. Por certo, ao comezo de todos os volumes aparece un mapa das illas dese mundo chamado Terramar.

Saúdos.



O demo dixo non (O ceo pode agardar)

Agora que estou atopando máis películas do magnífico director Ernst Lubitsch en Youtube, estou disfrutando delas. Xuraría que desta oín falar, pero creo que non a vira. Non me gustou tanto como outras deste autor, pero sempre resultan simpáticas e os diálogos están moi pulidos. En canto ao título, en toda América (saxona e hispana) puxeron o de "O ceo pode esperar", pero en España quixeron innovar. Certo é que o "demo dixo non", pero iso non se sabe ata o final da película, así que desvelalo no título non semella unha táctica moi intelixente.

"O ceo pode agardar" foi dirixida en 1943 por Ernst Lubitsch, con guión de Samson Raphaelson. No elenco podemos destacar a Gene Tierney (que na época tiña fama de ser a muller máis fermosa da historia do cine), Don Ameche, Charles Coburn, Marjorie Main, Laird Cregar, Spring Byington, Allyn Joslyn, Eugene Pallette, Signe Hasso e Louis Calhern.

A película comeza co ancián Henry Van Cleve chegando ao Inferno, onde é recibido polo Demo. Henry está máis que convencido que fixo méritos máis que sobrados para estar alí, pero o Demo ten un estricto control de calidade, e non estaba moi enterado do seu caso (así que tan malo non debía ser), así que acepta ouvir a súa historia. E diso trata a película. Como os españois da época xa a cagaron traducindo o título, xa saberedes que finalmente o Demo lle propón que vaia ao Ceo, a ver se alí teñen sitio para el.

Parece que o tipo sempre foi un mal bicho dende pequeno, aínda que houbo momentos non que estivo a piques de deixar esa vida. Estaba sempre de xolda, flirteando con mulleres, sen nada serio, ata que un día, por casualidade, coñece a unha fermosísima muller chamada Martha, da que namora perdidamente, pero pérdelle a pista. Ata que unhas horas máis tarde descubre que vai casar co seu curmán Albert, un repipi avogado insoportable. Henry e Martha fuxen xuntos o día que ían anunciar o compromiso de Albert e Martha, e casan inmediatamente.

Durante uns anos son felices e teñen un fillo chamado Jackie, que semella seguir os pasos do pai, polo menos ás veces. Pero Henry volve ás andadas e segue flirteando. Martha ameaza con deixalo nun determinado momento e volver á casa familiar en Kansas, pero finalmente volve xunto a Henry, animada por Hugo, avó de Henry, que tamén era boa peza. Despois de moitas aventuras parecidas, Henry morre con 70 anos, e o resto xa o sabedes.

Saúdos.



A barraca

E con esta rematamos a maratón de ver series históricas de Televisión Española en RTVE Play. A min soábame algo o título, pero non debín vela, eu era bastante pequeno. Aínda que non o entendo, porque "Cañas e barro" aínda é anterior e si lembro algo, pero pode ser que a repetiran nos 80.

Sempre se dixo que xéneros literarios como a novela e o teatro relatan conflitos. Se non pasa nada, non hai demasiado que contar. Existe por exemplo o mito das obras de teatro de Anton Chejov, nas que supostamente non pasa nada, pero supoño que algo pasa, menos que nas outras, pero algo pasará, digo eu. Vin as representacións dalgunhas obras de Chejov, e efectivamente, moitas cousas non pasaban. Pois nesta historia de "A barraca" pasan cousas, e hai moito conflito, practicamente non hai outra cousa.

"A barraca" foi dirixida en 1979 por Leon Klimovsky. Os principais papeis do elenco foron para Álvaro de Luna, Marisa de Leza, Victoria Abril, Juan Carlos Naya, Lola Herrera, Luis Suárez, Eduardo Fajardo, Terele Pávez, Gabriel Llopart, Fernando Hilbeck, Adrián Ortega e Miguel Ayones. Constou de 9 capítulos que se rodaron na Horta valenciá, cerca da Albufera.

Na historia hai que diferenciar claramente dúas partes: o primeiro capítulo e todos os demais. Porque o primeiro explica boa parte do que pasa despois. No primeiro capítulo vese unha barraca na que vive o Tío Barret coa súa muller e as súas catro fillas. O propietario da barraca, un usureiro de Valencia, denuncia á xustiza ao Tío Barret porque leva tempo sen pagar a contribución e vanse acumulando os intereses. A débeda xa é imposible de pagar, e vén a xustiza a desafiuzalo da barraca. En venganza, o Tío Barret vai cun fouciño a buscar ao propietario, que sempre está vagando polas hortas, e rebánalle o pescozo. Que, non está mal para o primeiro capítulo? Pero o lío vén nos seguintes.

Porque no segundo capítulo aparecen en escena un carro e un cabalo que traen a unha familia formada por un matrimonio e os seus cinco fillos, que veñen a ocupar a barraca do Tío Barret. E iso é o que non pode ser, a Horta quería moito ao tío e ninguén volverá ocupar esa barraca, polo tanto fanlle o baleiro a esa nova familia (que non parecía saber moito ou nada sobre o sucedido anteriormente). Non lles saúdan, non lles prestan nada, non falan con eles nin responden cando lles falan, moi mal rollo.

A familia intenta integrarse pero o resto de veciños pasa deles. Pero resulta que son unha familia moi currante (sobre todo o pai) e adecentan a barraca en tempo record e poñen a producir as terras abandonadas tamén nun suspiro. Así que os novos veciños, ademáis de odiados e non benvidos, agora son envexados.

No capítulo IV agreden aos cinco fillos do matrimonio, en varias accións independentes. E por se non chegara con iso, o vello cabalo que os acompañaba reventa de cansancio ante o traballo. Tampouco está mal para un só capítulo.

Como resultas do anterior, o fillo máis pequeno, que tería 3-4 anos, morre despois duns días de agonía. E incriblemente toda a Horta esquece o anterior e vólcase coa familia no velatorio e enterro do meniño. E a partires de aí, durante un breve tempo, son benvidos, acollidos, préstanlles material co que non contaban.

Ata que Batiste, o pai, ten un día a mala idea de ir á taberna a divertirse, como fan todos. E alí está Pimentó, o seu veciño e líder da Horta, que se encara con el porque paga o aluguer da barraca, e por culpa del todos teñen que facelo agora, cando levaban anos escaqueándose coa escusa de que as terras eran pouco fértiles. Pelexan e Batiste case lle rompe a cabeza a Pimentó.

Debido a iso, volven á posición inicial, ou peor. Agora Pimentó ameaza con matalo en canto teña ocasión e todos os veciños danlle de novo as costas á familia. Atópanse (non por casualidade) no monte con escopetas de caza, e os dous saen feridos, pero Pimentó acaba morrendo. Esa mesma noite, alguén lle prende lume á barraca da familia, e teñen que marchar sen nada (spoiler).

Saúdos.



domingo, 4 de xaneiro de 2026

Reinventio

Onte fun ver o espectáculo "Reinventio". Acabo de enterarme que hai tres anos estivo de xira outro espectáculo parecido chamado "Inventio", así que este debe ser unha nova versión daquel, supoño (do outro non oíra falar, aparte de que o 2022 non era moi bo ano para facer espectáculos pola pandemia). É unha mestura de varias artes escénicas, cun moito de maxia, algo de circo acrobático e un pouco de danza contemporánea.

O importante, para min, é que é un espectáculo de orixe galega. Todos os rótulos como todo o que se di (gravado ou polo condutor-presentador) é en galego, e interactúan en galego co público, así que iso xa me parece un grande avance.

Os creadores da parte da maxia son os magos galegos Fani Triana e Martín Varela (este último é o presentador e condutor principal do evento), pero tamén actúan malabaristas variados, entre elas unha parella ucraniana que fan sobre todos números sobre bicicletas ou patíns. Tamén actúa un pequeno grupo de danza contemporánea no que, polo que parece, case todos son da Coruña.

Non está mal, ten un nivel interesante e vin trucos parecidos aos que vin unha semana antes no IX Galicia Magic Fest, así que penso que non desentona demasiado.

Saúdos.



venres, 2 de xaneiro de 2026

A Rexenta (serie)

Se non lembro mal, eu debín ver estar serie na televisión cando a botaron por primeira vez. Ademais diso, hai un ano, en xaneiro de 2025 veu á Coruña unha montaxe teatral con esta obra, así que tiña a historia máis ou menos fresca na miña cabeza. En calquera caso, a historia, baseada na novela de Leopoldo Alas "Clarín", parece reflexar a aburrida vida da conservadora sociedade dunha capitar provinciana (que todos identifican como Oviedo).

"A Rexenta" foi dirixida en 1995 por Fernando Méndez-Leite. O elenco estivo formado principalmente por Carmelo Gómez, Aitana Sánchez-Gijón, Juan Luis Galiardo, Amparo Rivelles, Héctor Alterio, Cristina Marcos, Fiorella Faltoyano, Miguel Rellán, María Luisa Ponte e Manuel Alexandre.

A historia xira en torno a Ana Ozores, fermosa muller coñecida como A Rexenta, porque o seu marido foi rexente (non sei de que). Ela é unha muller complicada, con estraños arrebatos relixiosos, e está rodeada de tres homes que non son menos complexos:
- Víctor Quintanar, o seu marido, moito maior que ela, un aburrido burgués que só se divirte co teatro a un pouco coa caza, xa que vai todos os días a cazar co seu amigo Tomás Crespo "Frígilis", que semella o personaxe máis sensato de todos, vai ao seu e case non interactúa coa sociedade, á que considera moi conservadora e atrasada
- Álvaro Mesía, gigoló local e líder do partido liberal que flirtea con todas as mulleres da contorna, e elas están encantadas de que o faga. El desexaría liarse con ela pero non sabe con claridade se ela o aceptaría, porque semella bastante beata, pero realmente ela tamén soña con el, e finalmente acaban xuntos, polo menos en parte.
- Fermín de Pas, o maxistral da Catedral, que xunto coa súa nai ten montado un tremendo negocio relixioso con respecto a todo tipo de material litúrxico que non está moi ben visto na cidade, entre outras cousas porque arruinou ao seu rival no sector Santos Barinaga, que era moi querido. Ademais, é alto e ben parecido, e parece que tamén lle gustaría liarse con Ana Ozores, porque iso de deitarse con mulleres non semella estar vetado para el.

O lío comeza cando un confesor da Catedral, pola razón que sexa, decide que é mellor que o maxistral da Catedral sexa o novo confesor de Ana Ozores, cousa que ela tamén desexaba. Con escusas variadas, a primeira confesión, que todos ven na Catedral, dura dúas horas e media, e xa saltan as alarmas. A nai do maxistral xa comeza a ver problemas e intúe que o seu prestixio social na cidade aínda vai baixar máis, e sospeita que o seu fillo está namorado da señora (e pode que algo diso haxa). E a conservador sociedade do lugar e época xa comeza a comentar a xogada.

De feito, algunha "amiga" de Ana tamén está maquinando para que Ana se líe con Álvaro. E por se non chegara con todo isto, Petra, a criada dos rexentes, tamén malmete e arma líos en todas direccións, ademais de insinuarse e deitarse cun cantos personaxes diferentes da historia. Nada, que se non lestes a novela ou vistes a serie, anímovos porque é unha historia pouco aburrida e que ten moitas aristas. Porque apenas comentei a loita política entre conservadores e liberais (máis anticlericais).

Saúdos.





O maiorazgo de Labraz

Estoulle dando moi forte este Nadal ás series que gravou RTVE sobre todo a comezos dos anos 80 baseadas en obras literarias ambientadas ou escritas no século XIX. Desta non oíra falar, e debe ser certo que en RTVE non lle deben ter moita consideración porque nin sequera puxeron ningún fragmento en Youtube, cousa que si fixeron co resto de series producidas por eles.

"O maiorazgo de Labraz" foi dirixida, guionizada e producida en 1983 por Pío Caro Baroja, sobriño de Pío Baroja, que escribira en 1903 a novela na que está baseada. Esa novela forma parte dunha das tetraloxías do escritor, chamada "A terra vasca". No seu elenco podemos destacar a Joaquín Hinojosa, Luis Suárez, Virginia Mataix, Kiti Mánver, Beatriz Elorrieta, Yolanda Farr, Mario Pardo, Alfredo Mayo, Jack Taylor e Francisco Algora. Non son actores nin actrices moi coñecidos (creo que nin antes nin agora), se cadra niso xa se nota que non foi unha superprodución como outras. Un dos máis importantes foi Luis Suárez, malogrado actor canario que xa vin tamén en "Cañas e barro", e que supoño que ía para estrela, pero morreu poucos anos máis tarde. Ao mellor é casualidade que nestas producións sempre facía de tipo bastante tunante.

A novela está ambientada na Álava rural no século XIX, coa conservadora sociedade española da época (daba igual que fora unha cidade ou unha aldea). Supostamente sucede na vila de Labraz (non sei se existe, pero non creo, as imaxes que eu vin xuraría que eran de Albarracín).

Unha noite chega á posada da vila unha parella a cabalo. Veñen moi cansos, pero a pesar do tempo que pasou, os máis vellos da posada recoñécenos. Son Don Ramiro e Cesárea, irmáns do maiorazgo de Labraz, Don Xoán. Tiveron que marchar hai anos do lugar polo escándalo que supuxera a súa voda. Cesárea si era irmá de Don Xoán e de Micaela, pero Don Ramiro era un neno de orixe xitana que apareceu abandonado nun bosque e que foi acollido pola familia. Anos despois casáronse e tiveron unha filla, Rosarito, que aínda vivía en Labraz, e que os seus pais deixaron alí cando marcharon da aldea, uns anos antes.

Polo tanto, a chegada deles dous de novo á aldea supón todo un acontecemento. Don Xoán, que é moi xente e é moi querido por todos, acólleos encantado, sobre todo a Cesárea, a Don Ramiro non tanto. E xa se ve por que, xa que comeza a flirtear con todas as mozas casadeiras do lugar en canto chega. Incluso coa súa irmá Micaela. Cesárea está moi delicada de saúde, e acaba morrendo, pero non queda moi claro se é unha morte inducida por Micaela e Ramiro, que se fugan inmediatamente despois de roubar unhas xoias que estaban nunha capela da familia, pero á que tiña acceso toda a aldea, que bota as xoias en falta inmediatamente.

As desgrazas non abandonan á familia porque xa só quedan Rosarito e o seu tío Xoán, que é invidente dende hai anos. As penurias económicas son moitas e vaise todo o servizo. Ademais, o cura e outros próceres da aldea esíxenlle a Xoán que pague os gastos das xoias roubadas, pero el non pode. Rosarito enferma e Marina, unha moza da posada, vaise a vivir con eles para coidala, pero na aldea todos rexouban dicindo que está amigada con Xoán. Finalmente Rosarito morre, Xoán préndelle lume ás súas propiedades e marcha da aldea a pedir polos camiños, pero algún tempo despois volve para buscar a Marina, que marcha con el. Como vedes, un dramón.

Saúdos.



O outro vento (Historias de Terramar VI)

Esta novela é o colofón final da saga de Terramar, escrita por Úrsula K. Le Guin. Se alguén seguiu a secuencia de artigos que publiquei neste blog nos últimos dous meses, se cadra se decataría de que dei un pequeno salto. O anterior artigo trataba sobre a parte IV da saga, e esta trata sobre a parte VI. Que sucedeu entón coa parte V? Dentro duns días aparecerá o meu comentario sobre esa parte V, pero decidín "saltala" agora porque é unha pequena digresión que ten unha serie de relatos inconexos ambientados no mundo de Terraman e incluso un ensaio que explica conceptos sobre o mesmo, pero non continúa a historia da saga, como si facía esta sexta parte. Hoxe mesmo poñereime con esa quinta parte. Esta sexta parte publicouse, ao igual que a quinta, no ano 2001, once anos despois da cuarta parte (que pensaban que ía ser a última). A autora morreu en 2018, así que non creo que a ninguén lle da por continuala.

Esta parte é diferente ás anteriores, algo máis movida, e a principal novidade é que non hai 2 ou 3 protagonistas principais que acaparan case todo o foco, senón que aquí está dividido en bastantes personaxes. E, de feito, Ged, que foi o eixo da maioría dos libros anteriores, aquí apenas aparece, só no primeiro dos cinco longos capítulos. Esa é outra diferenza, normalmente eran bastante capítulos de lonxitude media (entre 10 e 20 páxinas normalmente), e nesta parte son 5 capítulos entre 40 e 50 páxinas cada un deles.

Hai dous feitos principais que acontecen durante esta parte, aparentemente independentes ao comezo, pero ao final resultan estar conectados entre sí. Por unha banda, un feiticeiro menor dunha illa, chamado Amieiro, preséntase ante Ged porque está tendo un soño recurrente moi estraño e desconcertante que non lle deixa vivir. Esto non tería maior importancia se non fora porque todas as persoas que son consultadas sobre o soño recoñecen non ter nin idea da posible causa, dálles bastante medo e todos recomendan a Amieiro que vaia falar con sabios e magos máis poderosos, porque o soño "cheira" bastante mal. Por outra banda, nas illas occidentais máis cercanas á zona onde viven os dragóns, din que cada vez teñen máis ataques daqueles, que non matan a ninguén pero provocan incendios, e ninguén sabe por que sucede iso, se levaban moito tempo de paz.

No soño de Amieiro vese un muro de pedras e dun lado están os vivos e do outro están os mortos. A muller de Amieiro, chamada Lis, xa morreu, e a el parécelle que ela quen lle está chamando, e non lle disgustaría unirse a ela, pero as últimas veces que soñou iso, aparecen moitos máis mortos que non son a súa muller, e non lle tranquiliza nada a actitude que teñen, parece como se quixeran resucitar, ou como se non estiveran ben mortos. Todo o mundo que sabe algo e a quen lle conta isto, queda bastante preocupado.

Para resolver o problema dos dragóns, convocan a Orm Irian, a única muller que se formou na Escola de Magos de Roke, e que acabou converténdose en dragón. Resulta que Tehanu tamén é irmá dela e acabará converténdose en dragón e son fillas de Kalessin, o dragón máis antigo. Orm Irian non é dos dragóns que atacan, pero está máis ou menos informada das razóns dos seus ataques, e intenta botar unha man para amañar o problema (a razón real é un tema filosófico-relixioso que é moi complicado de explicar aquí, mellor que leades os libros).

Por se non chegara con todo isto, un novo rei que se autonomeou cunha guerra civil nas illas dos kargos (de onde é orixinaria Tenar), e que van un pouco ao seu aire, envía á súa filla como posible obsequio ao novo rei Lebannen, pero ninguén ten claro se é un regalo envenenado ou outra cousa. Lebannen trátaa ben e con respecto pero pasa bastante dela. Pero finalmente esa princesa vaise facendo moi amiga de Tenar (das poucas persoas que podía falarlle na lingua karga, xa que a princesa non coñece outra), e acaba tendo un papel relevante na negociación final. E ao final parece que ao rei xa lle vai entrando polo ollo.

Saúdos.



Espero chegar en breve

Aquí hai unhas cantas cousas que contar. Hai un par de anos foi a primeira edición do festival "Viñetas dende o Atlántico" que non...