Esta novela é o colofón final da saga de Terramar, escrita por Úrsula K. Le Guin. Se alguén seguiu a secuencia de artigos que publiquei neste blog nos últimos dous meses, se cadra se decataría de que dei un pequeno salto. O anterior artigo trataba sobre a parte IV da saga, e esta trata sobre a parte VI. Que sucedeu entón coa parte V? Dentro duns días aparecerá o meu comentario sobre esa parte V, pero decidín "saltala" agora porque é unha pequena digresión que ten unha serie de relatos inconexos ambientados no mundo de Terraman e incluso un ensaio que explica conceptos sobre o mesmo, pero non continúa a historia da saga, como si facía esta sexta parte. Hoxe mesmo poñereime con esa quinta parte. Esta sexta parte publicouse, ao igual que a quinta, no ano 2001, once anos despois da cuarta parte (que pensaban que ía ser a última). A autora morreu en 2018, así que non creo que a ninguén lle da por continuala.
Esta parte é diferente ás anteriores, algo máis movida, e a principal novidade é que non hai 2 ou 3 protagonistas principais que acaparan case todo o foco, senón que aquí está dividido en bastantes personaxes. E, de feito, Ged, que foi o eixo da maioría dos libros anteriores, aquí apenas aparece, só no primeiro dos cinco longos capítulos. Esa é outra diferenza, normalmente eran bastante capítulos de lonxitude media (entre 10 e 20 páxinas normalmente), e nesta parte son 5 capítulos entre 40 e 50 páxinas cada un deles.
Hai dous feitos principais que acontecen durante esta parte, aparentemente independentes ao comezo, pero ao final resultan estar conectados entre sí. Por unha banda, un feiticeiro menor dunha illa, chamado Amieiro, preséntase ante Ged porque está tendo un soño recurrente moi estraño e desconcertante que non lle deixa vivir. Esto non tería maior importancia se non fora porque todas as persoas que son consultadas sobre o soño recoñecen non ter nin idea da posible causa, dálles bastante medo e todos recomendan a Amieiro que vaia falar con sabios e magos máis poderosos, porque o soño "cheira" bastante mal. Por outra banda, nas illas occidentais máis cercanas á zona onde viven os dragóns, din que cada vez teñen máis ataques daqueles, que non matan a ninguén pero provocan incendios, e ninguén sabe por que sucede iso, se levaban moito tempo de paz.
No soño de Amieiro vese un muro de pedras e dun lado están os vivos e do outro están os mortos. A muller de Amieiro, chamada Lis, xa morreu, e a el parécelle que ela quen lle está chamando, e non lle disgustaría unirse a ela, pero as últimas veces que soñou iso, aparecen moitos máis mortos que non son a súa muller, e non lle tranquiliza nada a actitude que teñen, parece como se quixeran resucitar, ou como se non estiveran ben mortos. Todo o mundo que sabe algo e a quen lle conta isto, queda bastante preocupado.
Para resolver o problema dos dragóns, convocan a Orm Irian, a única muller que se formou na Escola de Magos de Roke, e que acabou converténdose en dragón. Resulta que Tehanu tamén é irmá dela e acabará converténdose en dragón e son fillas de Kalessin, o dragón máis antigo. Orm Irian non é dos dragóns que atacan, pero está máis ou menos informada das razóns dos seus ataques, e intenta botar unha man para amañar o problema (a razón real é un tema filosófico-relixioso que é moi complicado de explicar aquí, mellor que leades os libros).
Por se non chegara con todo isto, un novo rei que se autonomeou cunha guerra civil nas illas dos kargos (de onde é orixinaria Tenar), e que van un pouco ao seu aire, envía á súa filla como posible obsequio ao novo rei Lebannen, pero ninguén ten claro se é un regalo envenenado ou outra cousa. Lebannen trátaa ben e con respecto pero pasa bastante dela. Pero finalmente esa princesa vaise facendo moi amiga de Tenar (das poucas persoas que podía falarlle na lingua karga, xa que a princesa non coñece outra), e acaba tendo un papel relevante na negociación final. E ao final parece que ao rei xa lle vai entrando polo ollo.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario