mércores, 7 de xaneiro de 2026

A barraca

E con esta rematamos a maratón de ver series históricas de Televisión Española en RTVE Play. A min soábame algo o título, pero non debín vela, eu era bastante pequeno. Aínda que non o entendo, porque "Cañas e barro" aínda é anterior e si lembro algo, pero pode ser que a repetiran nos 80.

Sempre se dixo que xéneros literarios como a novela e o teatro relatan conflitos. Se non pasa nada, non hai demasiado que contar. Existe por exemplo o mito das obras de teatro de Anton Chejov, nas que supostamente non pasa nada, pero supoño que algo pasa, menos que nas outras, pero algo pasará, digo eu. Vin as representacións dalgunhas obras de Chejov, e efectivamente, moitas cousas non pasaban. Pois nesta historia de "A barraca" pasan cousas, e hai moito conflito, practicamente non hai outra cousa.

"A barraca" foi dirixida en 1979 por Leon Klimovsky. Os principais papeis do elenco foron para Álvaro de Luna, Marisa de Leza, Victoria Abril, Juan Carlos Naya, Lola Herrera, Luis Suárez, Eduardo Fajardo, Terele Pávez, Gabriel Llopart, Fernando Hilbeck, Adrián Ortega e Miguel Ayones. Constou de 9 capítulos que se rodaron na Horta valenciá, cerca da Albufera.

Na historia hai que diferenciar claramente dúas partes: o primeiro capítulo e todos os demais. Porque o primeiro explica boa parte do que pasa despois. No primeiro capítulo vese unha barraca na que vive o Tío Barret coa súa muller e as súas catro fillas. O propietario da barraca, un usureiro de Valencia, denuncia á xustiza ao Tío Barret porque leva tempo sen pagar a contribución e vanse acumulando os intereses. A débeda xa é imposible de pagar, e vén a xustiza a desafiuzalo da barraca. En venganza, o Tío Barret vai cun fouciño a buscar ao propietario, que sempre está vagando polas hortas, e rebánalle o pescozo. Que, non está mal para o primeiro capítulo? Pero o lío vén nos seguintes.

Porque no segundo capítulo aparecen en escena un carro e un cabalo que traen a unha familia formada por un matrimonio e os seus cinco fillos, que veñen a ocupar a barraca do Tío Barret. E iso é o que non pode ser, a Horta quería moito ao tío e ninguén volverá ocupar esa barraca, polo tanto fanlle o baleiro a esa nova familia (que non parecía saber moito ou nada sobre o sucedido anteriormente). Non lles saúdan, non lles prestan nada, non falan con eles nin responden cando lles falan, moi mal rollo.

A familia intenta integrarse pero o resto de veciños pasa deles. Pero resulta que son unha familia moi currante (sobre todo o pai) e adecentan a barraca en tempo record e poñen a producir as terras abandonadas tamén nun suspiro. Así que os novos veciños, ademáis de odiados e non benvidos, agora son envexados.

No capítulo IV agreden aos cinco fillos do matrimonio, en varias accións independentes. E por se non chegara con iso, o vello cabalo que os acompañaba reventa de cansancio ante o traballo. Tampouco está mal para un só capítulo.

Como resultas do anterior, o fillo máis pequeno, que tería 3-4 anos, morre despois duns días de agonía. E incriblemente toda a Horta esquece o anterior e vólcase coa familia no velatorio e enterro do meniño. E a partires de aí, durante un breve tempo, son benvidos, acollidos, préstanlles material co que non contaban.

Ata que Batiste, o pai, ten un día a mala idea de ir á taberna a divertirse, como fan todos. E alí está Pimentó, o seu veciño e líder da Horta, que se encara con el porque paga o aluguer da barraca, e por culpa del todos teñen que facelo agora, cando levaban anos escaqueándose coa escusa de que as terras eran pouco fértiles. Pelexan e Batiste case lle rompe a cabeza a Pimentó.

Debido a iso, volven á posición inicial, ou peor. Agora Pimentó ameaza con matalo en canto teña ocasión e todos os veciños danlle de novo as costas á familia. Atópanse (non por casualidade) no monte con escopetas de caza, e os dous saen feridos, pero Pimentó acaba morrendo. Esa mesma noite, alguén lle prende lume á barraca da familia, e teñen que marchar sen nada (spoiler).

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Xoana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo

Acabo de ler este interesante libriño (ten pouco máis de 100 páxinas, e de formato pequeno, podería lerse en pouco máis de 1 hora) sobre a f...