Estoulle dando moi forte este Nadal ás series que gravou RTVE sobre todo a comezos dos anos 80 baseadas en obras literarias ambientadas ou escritas no século XIX. Desta non oíra falar, e debe ser certo que en RTVE non lle deben ter moita consideración porque nin sequera puxeron ningún fragmento en Youtube, cousa que si fixeron co resto de series producidas por eles.
"O maiorazgo de Labraz" foi dirixida, guionizada e producida en 1983 por Pío Caro Baroja, sobriño de Pío Baroja, que escribira en 1903 a novela na que está baseada. Esa novela forma parte dunha das tetraloxías do escritor, chamada "A terra vasca". No seu elenco podemos destacar a Joaquín Hinojosa, Luis Suárez, Virginia Mataix, Kiti Mánver, Beatriz Elorrieta, Yolanda Farr, Mario Pardo, Alfredo Mayo, Jack Taylor e Francisco Algora. Non son actores nin actrices moi coñecidos (creo que nin antes nin agora), se cadra niso xa se nota que non foi unha superprodución como outras. Un dos máis importantes foi Luis Suárez, malogrado actor canario que xa vin tamén en "Cañas e barro", e que supoño que ía para estrela, pero morreu poucos anos máis tarde. Ao mellor é casualidade que nestas producións sempre facía de tipo bastante tunante.
A novela está ambientada na Álava rural no século XIX, coa conservadora sociedade española da época (daba igual que fora unha cidade ou unha aldea). Supostamente sucede na vila de Labraz (non sei se existe, pero non creo, as imaxes que eu vin xuraría que eran de Albarracín).
Unha noite chega á posada da vila unha parella a cabalo. Veñen moi cansos, pero a pesar do tempo que pasou, os máis vellos da posada recoñécenos. Son Don Ramiro e Cesárea, irmáns do maiorazgo de Labraz, Don Xoán. Tiveron que marchar hai anos do lugar polo escándalo que supuxera a súa voda. Cesárea si era irmá de Don Xoán e de Micaela, pero Don Ramiro era un neno de orixe xitana que apareceu abandonado nun bosque e que foi acollido pola familia. Anos despois casáronse e tiveron unha filla, Rosarito, que aínda vivía en Labraz, e que os seus pais deixaron alí cando marcharon da aldea, uns anos antes.
Polo tanto, a chegada deles dous de novo á aldea supón todo un acontecemento. Don Xoán, que é moi xente e é moi querido por todos, acólleos encantado, sobre todo a Cesárea, a Don Ramiro non tanto. E xa se ve por que, xa que comeza a flirtear con todas as mozas casadeiras do lugar en canto chega. Incluso coa súa irmá Micaela. Cesárea está moi delicada de saúde, e acaba morrendo, pero non queda moi claro se é unha morte inducida por Micaela e Ramiro, que se fugan inmediatamente despois de roubar unhas xoias que estaban nunha capela da familia, pero á que tiña acceso toda a aldea, que bota as xoias en falta inmediatamente.
As desgrazas non abandonan á familia porque xa só quedan Rosarito e o seu tío Xoán, que é invidente dende hai anos. As penurias económicas son moitas e vaise todo o servizo. Ademais, o cura e outros próceres da aldea esíxenlle a Xoán que pague os gastos das xoias roubadas, pero el non pode. Rosarito enferma e Marina, unha moza da posada, vaise a vivir con eles para coidala, pero na aldea todos rexouban dicindo que está amigada con Xoán. Finalmente Rosarito morre, Xoán préndelle lume ás súas propiedades e marcha da aldea a pedir polos camiños, pero algún tempo despois volve para buscar a Marina, que marcha con el. Como vedes, un dramón.
Saúdos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario