Agora que estou atopando máis películas do magnífico director Ernst Lubitsch en Youtube, estou disfrutando delas. Xuraría que desta oín falar, pero creo que non a vira. Non me gustou tanto como outras deste autor, pero sempre resultan simpáticas e os diálogos están moi pulidos. En canto ao título, en toda América (saxona e hispana) puxeron o de "O ceo pode esperar", pero en España quixeron innovar. Certo é que o "demo dixo non", pero iso non se sabe ata o final da película, así que desvelalo no título non semella unha táctica moi intelixente.
"O ceo pode agardar" foi dirixida en 1943 por Ernst Lubitsch, con guión de Samson Raphaelson. No elenco podemos destacar a Gene Tierney (que na época tiña fama de ser a muller máis fermosa da historia do cine), Don Ameche, Charles Coburn, Marjorie Main, Laird Cregar, Spring Byington, Allyn Joslyn, Eugene Pallette, Signe Hasso e Louis Calhern.
A película comeza co ancián Henry Van Cleve chegando ao Inferno, onde é recibido polo Demo. Henry está máis que convencido que fixo méritos máis que sobrados para estar alí, pero o Demo ten un estricto control de calidade, e non estaba moi enterado do seu caso (así que tan malo non debía ser), así que acepta ouvir a súa historia. E diso trata a película. Como os españois da época xa a cagaron traducindo o título, xa saberedes que finalmente o Demo lle propón que vaia ao Ceo, a ver se alí teñen sitio para el.
Parece que o tipo sempre foi un mal bicho dende pequeno, aínda que houbo momentos non que estivo a piques de deixar esa vida. Estaba sempre de xolda, flirteando con mulleres, sen nada serio, ata que un día, por casualidade, coñece a unha fermosísima muller chamada Martha, da que namora perdidamente, pero pérdelle a pista. Ata que unhas horas máis tarde descubre que vai casar co seu curmán Albert, un repipi avogado insoportable. Henry e Martha fuxen xuntos o día que ían anunciar o compromiso de Albert e Martha, e casan inmediatamente.
Durante uns anos son felices e teñen un fillo chamado Jackie, que semella seguir os pasos do pai, polo menos ás veces. Pero Henry volve ás andadas e segue flirteando. Martha ameaza con deixalo nun determinado momento e volver á casa familiar en Kansas, pero finalmente volve xunto a Henry, animada por Hugo, avó de Henry, que tamén era boa peza. Despois de moitas aventuras parecidas, Henry morre con 70 anos, e o resto xa o sabedes.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario