sábado, 23 de decembro de 2023

O gabinete do Doutor Caligari

Pois como vos dicía, últimamente entroume o vicio de ver películas de cine mudo, moitas alemás dos anos 20, cando Alemaña acababa de perder a I Guerra Mundial, pero o seu cine semellaba moi vivo e vangardista. Se o día anterior fora "Nosferatu", esta vez tocaba "O gabinete do Doutor Caligari". E mira ti por onde, que véndoa, comezaron a soarme algunhas escenas e personaxes. Revisei neste blog, que abrín no Nadal do ano 2006, e resulta que esta película xa a vin no ano 2015, no festival S8 da Coruña, con música en directo, que sempre queda mellor.

Foi dirixida en 1920 por Robert Wiene, e no elenco destacan Werner Krauss, Conrad Veidt, Friedrich Feher e Lil Dagover, por se vos soan de algo. Polo visto, é o exemplo perfecto de cine expresionista alemán.

Hai un tipo, chamado o Doutor Caligari, que ten un espectáculo nas feiras ambulantes que van ás cidades alemás. O seu número resulta moi intrigante, xa que consiste en espertar a un sonámbulo chamado Cesare que ten a capacidade para predicir o futuro. Alan, un amigo de Francis, o protagonista, pregúntalle a Cesare ata cando vivirá, e queda aterrado cando lle di que morrerá esa mesma noite, pero tampouco lle fai moito caso. Pero realmente si morre apuñalado esa mesma noite na súa cama.

Francis pide permiso para investigar esa morte xunto á súa moza, Jane, e o pai dela, un doutor. A policía concédello e observan que comeza a haber mortes e intentos de asasinato continuamente, cousa que antes non pasaba. Comezan a sospeitar que o Doutor Caligari e/ou Cesare teñen algo que ver no tema e vixílanos, pero semella que non se moven da súa carruaxe. Máis tarde descubren que o Cesare que semellaba durmir no seu ataúde realmente é un maniquí, e polo tanto, Cesare si é o asasino.

Perseguen ao Doutor Caligari e pérdenlle a pista na entrada a un manicomio. Entran alí para intentar localizalo, semellan ter moita axuda do persoal, pero parece que non poden axudarlles demasiado. Ata que chega o Director, e cren que é o Doutor Caligari, pero algo disfrazado.

Aí comeza a parte final da película, na que non está claro quen está sano e quen está tolo, na que todos pasan polos dous papeis, e ao final semella que é o Director do manicomio quen vai intentar sanar a Francis.

Saúdos.



Pensa Nao

"Pensa Nao" foi publicada a finais do século anterior e ganou o Premio Xerais, e significou un fito importante porque era o emerxer dun novo autor que prometía moito e que utilizaba unha lingua moi rica que sorprendeu. Eu lina hai unhas semanas porque é o volume 102 da colección Biblioteca Galega 120 que A Voz de Galicia editou a comezos deste século da man de Tucho Calvo.

O autor é Anxo Angueira, que estivo moi activo naquel cambio de século e milenio, pero agora non o está tanto, as súas novidades son moi espazadas no tempo. Dende hai anos, é o presidente da Fundación Rosalía de Castro, que axudou a dinamizar moito, e non debe ter moito tempo para dedicarse á literatura, supoño.

Unha das cousas que máis me gustou da novela, flipade, é que está ambientada no concello de Dodro, un dos moitos que hai no país dos que non se sabe case nada. Mirando agora acabo de ver que algúns topónimos do concello son moi famosos por estar relacionados co mundo rosaliano, como Lestrobe e Laíño. Para os que non o saibades, está na desembocadura do río Ulla, en fronte de Pontecesures e Valga.

En canto á liña temporal, está ambientada no final da II República e o comezo do golpe de estado militar. Fálase das liortas entre os agraristas máis progresistas, algúns deles que volveron da emigración americana con novas ideas de modernización e mecanización, e os máis tradicionais e conservadores. O ambiente moi caldeado da época e o lugar acaba nas primeiras venganzas dos falanxistas e os intentos dos progresistas de defenderse ou fuxir.

E si, a lingua utilizada, con dialectalismos da zona, non é doada de seguir.

Saúdos.



Nosferatu

Hai unhas semanas pasou algo ben curioso. Por algunha razón descoñecida, o meu router deixou de xerar as dúas wifis habituais, e iso imposibilitou que eu puidera acceder na Smart TV a todos os contidos que non chegan polo cable de R. Levaba tempo sen usar esa capacidade, pero verme privado dela temporalmente fíxome valorala máis. Á mañá seguinte conseguín resolver o problema técnico, e propúxenme facer máis uso desa potencialidade, por se acaso, para non arrepentirme máis adiante. E decidín que ía seguir vendo máis películas en Youtube de libre acceso, e sobre todo clásicos en branco e negro, que é o que máis hai. E hai tempo xa que quería ver "Nosferatu".

"Nosferatu" é unha película alemá de cine mudo do ano 1922, dirixida por Friedrich Wilhelm Murnau. Os nomes dos actores e actrices resúltanme absolutamente descoñecidos, simplemente vou poñer a Max Schreck, que fai o papel de Nosferatu. A historia está claramente baseada no "Drácula" de Bram Stoker, pero a viúva do autor non lles deu permiso para facela, así que intentaron ocultar esa relación, pero o caso é que os estudios onde se rodou entraron en quebra polas demandas e non rodaron ningunha película máis.

A historia está ambientada na cidade ficticia de Wisborg. Alí, unha inmobiliaria recibe a petición dun tal Conde Orlok para mercar unha casa. O xefe da inmobiliaria, que é seguidor dese "escuro" Conde, alégrase moito, e pídelle a un dos seus axudantes, Thomas Hutter (similar ao Harker da novela orixinal), que vaia a Transilvania para pechar o acordo.

Thomas vai para alá, a pesar de que á súa muller, que algo xa se cheira, non lle gusta nada a idea. Cando se está achegando ao castelo do Conde Orlok, xa hai indicios de que á xente do lugar non lles gusta nada o castelo nin o conde, e por algo será. Chega ao castelo, onde non está máis que o Conde, non ve a ningún dos seus axudantes, e xa percibe que o tipo é bastante sinistro. O conde asina encantado o contrato en canto ve unha foto da fermosa muller de Hutter, Ellen.

Thomas volve por terra a Wisborg, e o conde Orlok vai en barco, metido nun cadaleito e acompañado con outros cadaleitos con terra de Transilvania chea de ratas. O barco chega a Wisborg con todos os tripulantes mortos, xa que foron caendo pola peste provocada polas ratas. O Conde báixase do barco cun ataúde cheo de ratas que provocan a peste na cidade.

Thomas vendeulle unha casa en ruínas que estaba en fronte da súa, e dende alí o conde espía á muller de Thomas, e consegue posuíla unha noite. Pero é tan feliz que esquece o paso do tempo, e coa chegada da mañá e da luz solar, esváese. Xa non chegan a tempo de salvar a Ellen, que foi quen si salvou á súa cidade ao provocar a morte do conde Orlok.

Saúdos.



venres, 22 de decembro de 2023

39 escalóns

Alfred Hitchcock é sempre unha garantía, e dende que souben que podía ver libremente en Youtube películas antigas do seu período británico como "39 escalóns", tiven a intención de facelo. Creo que a vin hai moitos anos, pero non lembraba absolutamente nada, así que foi un exercicio moi placenteiro.

Foi dirixida por Alfred Hitchcock en 1935 (nada menos) e os dous protagonistas principais son Robert Donat e Madeleine Carroll, que triunfaron só naquela época e que non deron o salto a Hollywood, así que pouca fama acadaron, polo que parece. O resto do elenco, pois aínda menos, porque non me soa nin o primeiro.

Aínda que a película non é moi longa, pasan moitísimas cousas, a un ritmo endiañado, como lle gustaba ao director. O eixo principal da película é que hai un grupo de espías chamado "39 escalóns" que está intentando sacar secretos militares do Reino Unido, pero ninguén sabe exactamente como o pretenden facer nin que documentos son. E por suposto ninguén sabe quen son os espías.

Un tipo normal, que non ten nada que ver co tema, está un día nun teatro vendo a exhibición dun tal "Señor Memoria", que pode responder a calquera pregunta que lle faga o público. Por algunha estraña razón, hai un disparo, todo o público fuxe do teatro, e o tipo normal atópase cunha muller á que non coñece de nada, que lle di que a están perseguindo polo tema deses documentos secretos.

Lévaa á casa, e alí é asasinada. Fuxe da súa casa e vaise a Escocia, a un sitio que ela lle marcara nun mapa, onde estaba unha persoa que lle podía axudar. Tras moitos avatares, chega alí, á casa de campo dun respectable profesor, pero resulta que era o xefe dos espías. Dano por morto e consegue escapar de novo.

Atópase cunha muller que o delatara no tren que o levaba a Escocia, e ela desconfía, pero agora, por diferentes cousas que suceden, acaba descubrindo que el si estaba contando a verdade. Volven a Londres e levan á policía xusto detrás deles. A película remata nun teatro onde volve actuar o "Señor Memoria", e o tipo decátase que ese señor leva memorizados os documentos que os espías queren sacar do país.

Saúdos.



O evanxeo segundo San Mateo

O CGAI (creo que agora prefiren chamalo a Filmoteca de Galicia) era un lugar ao que eu ía de cando en vez antes da pandemia, e no que disfrutaba moito. Se non me engano, a última vez que fora caeu a finais de 2019, para ver unha exitosa película mexicana titulada "Roma".

Despois chegou a pandemia, as restricións, intentei ir algunha vez e cheguei a tempo, pero como había menos prazas, en canto as enchían, xa pechaban as portas. Despois estiveron meses de obras para mellorar a sala de proxecións. Penso que antes non estaba mal, pero agora estará mellor claro. Conseguín ir o outro día e non me pareceu percibir grandes cambios, só que baixou un pouco a capacidade da sala. Antes pasaba algo das 100 butacas e agora anda en torno ás 90.

E debutei con algo que me interesaba bastante, un ciclo sobre Pier Paolo Passolini. É un autor do que teño oído falar ben e nun horario que me cadraba ben botaban "O evanxeo segundo San Mateo". A min non me desagradan as películas de temática bíblica e tiña moita curiosidade por saber que fixera un ateo e comunista como Passolini.

A película está baseada no evanxeo de San Mateo porque dise que é o máis concreto dos catro que existen. Tamén lin que na película se nota a perspectiva marxista de Passolini, pero eu agora mesmo non sería capaz de percibir onde está. Pareceume unha película bíblica bastante convencional, e de feito, tanto naquel momento (no ano 1964), como recentemente, o xornal L'Observattore Romano, que é o oficial do Vaticano, dixo que era a mellor película da vida de Xesucristo. Así que a min hai algo que non me cadra demasiado. Aparte do feito de que a mensaxe de Xesucristo é bastante marxista de por si, pero hai moita xente que non quere entendelo, alá eles coas súas contradicións.

En canto á ficha técnica, non me vou parar demasiado. A película é do ano 1964, está claro quen a dirixiu, o elenco era principalmente italiano (obviamente), pero o dato máis estraño é que Xesucristo foi intepretado por un rapaz español de 19 anos anos chamado Enrique Irazoqui. Este rapaz era fillo de español e de italiana, pero parece que a voz que se escoita na película non é a del, senón a do actor e director italiano Enrico Maria Salerno. Irazoqui, aparte deste papel estelar no cine (poñendo a cara, basicamente), foi un árbitro de xadrez cunha certa traxectoria. Ou sexa, todo un personaxe. Por último, dicir que o produtor tiña previsto rodar en Terra Santa, pero finalmente o descartaron, e rodaron en diferentes lugares do sur de Italia, como a vila de Matera, auténticamente flipante como Xerusalén bíblico.

Saúdos.



Culturgal 2023

Despois da pandemia, no ano 2022 xa puiden ir por fin ao Culturgal, que para min é un dos mellores días do ano, pero non foi nas condicións que a min me gusta. Por razóns que non veñen ao caso, tiven que ir o domingo (o último dos tres días que dura o evento). Non puiden ir tranquilamente en tren, senón que tiven que ir no coche. E aínda que iso tivo as súas cousas boas, outras non o foron tanto. Este ano 2023, por fin, si puiden ir en tren o sábado, pasar alí o día, ver a mogollón de colegas, e enterarme dalgunhas cousas ben interesantes.

Algúns dos colegas aos que vexo, como por exemplo os de O Zoco GZ, teñen alí o seu stand, e poden comparar unhas edicións con outras, que se hai máis xente, que se está mellor organizado, etc. A min a cabeza non me dá para tanto, eles están alí tres días e eu estou só 5-6 horas, e vou pensando noutras cousas diferentes ás que pensan eles. Pero vaia, certa capacidade de análise teño, e algunhas cousas si as percibo.

Por exemplo, nos últimos anos desapareceron por completo as distribuidoras musicais, e é curioso, porque a música galega non está nin moito menos no seu peor momento. Por outra banda, os stands eran este ano moito máis bonitos e agradables de ver. Eran de madeira e non de material prefabricado, como antes, e resultaban máis abertos e moito máis vistosos.

En definitiva, que seguiremos indo un ano tras outro, porque a cultura galega interésame e é un dos mellores escaparates para enterarse das novidades e proxectos emerxentes.

Saúdos.



26 Memorial Ibán Toxeiro: Quéroche un conto

Hai un mes, aproximadamente, como case todos os meses de novembro, tivo lugar unha nova edición do Memorial de Teatro Amador Ibán Toxeiro, neste caso a edición número 26. Celebrouse no Teatro Rosalía de Castro, organizada pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

Actuaron Quico Cadaval, que como sempre estivo fantástico (aínda que só lle deron uns poucos minutos), Carmen Conde, que estivo ben pero a teño visto mellor (son cousas que pasan), e o grupo de teatro da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, con diferentes escenas protagonizadas polos seus integrantes. O fío desta ocasión era a narración oral, por iso o título da gala esta vez era "Quéroche un conto".

A gala foi presentada por Sabela Hermida, dirixida por Manuela Varela, a directora do grupo de teatro da A.C. Alexandre Bóveda, e foi un recordatorio continuo de Ibán Toxeiro (coma sempre) e de Lino Braxe (tristemente desaparecido hai tres anos por estas datas). O premio que antes se chamaba Ibán Toxeiro e agora se chama Lino Braxe foille entregado a Francisco Peña, histórico presidente da A.C. Alexandre Bóveda dende 1996 a 2007, que puxo en marcha este memorial cando Ibán Toxeiro, incipiente actor do grupo de teatro, morreu inesperadamente na xuventude.

Aquí podedes ver o vídeo de toda a gala deste ano.

Saúdos.



A velada de Londres

Acabo de asistir á estrea da obra teatral "A velada de Londres", a cargo da compañía ButacaZero. O director da maioría das obras d...