martes, 4 de xullo de 2023

Patton

Como xa dixen aquí algunha vez, o cine bélico non me agrada demasiado, o militarismo e todo iso non é da miña corda. Onte botaban de novo "Patton" no espazo de cine clásico da 2, e decidín darlle unha oportunidade. Creo que xa a botaron hai pouco, en período lectivo, e como é unha película longa, pasei de vela naquel momento, pero agora, nas vacacións estivais, xa se poden facer estes excesos. Non está mal, pero unha vez vista, xa non necesito vela máis.

"Patton" foi dirixida por Franklin Schaffner (o mesmo de "O planeta dos simios", da que falamos aquí hai pouco) en 1970. O protagonismo máis que principal obviamente é para o actor George C. Scott, e o outro que máis sae é Karl Malden, facendo do xeneral Omar Bradley, que se non me equivoco, foi tamén asesor dos guionistas, e escribiu unha obras nas que se basaron os guionistas para escribir a historia. O resto do elenco é moi extenso (e totalmente masculino, moi habitual nas películas bélicas) e, por destacar a alguén, poderíamos falar de Karl Michael Vogler facendo de Rommel, e de Michael Bates facendo de Montgomery.

Se a película é minimamente fiel á personalidade de Patton (porque diso trata a película, basicamente), hai que recoñecer que era un tipo ben peculiar, aparte de severo e salvaxe. Era un gran coñecedor da historia bélica antiga, e sabía todas as batallas dos gregos, romanos e cartaxineses. Ademais, cría na reencarnación e estaba convencido de ter sido un alto xeral cartaxinés e tamén outro de Napoleón.

Chega ao norte de África no ano 43 despois dunha operación catastrófica e comeza a remontada disciplinando ao exército estadounidense que andaba por alí, vencendo nunha batalla ao exército de Rommel (aínda que despois descubren que Rommel estaba en Berlín recuperándose dunha doenza).

Despois pasa a Sicilia, onde máis ou menos o poñen de gardián do británico Montgomery, cousa que non lle fai ningunha graza, así que sáese das ordes que recibira, vai tomando outras poboacións e chega a Messina, o punto estratéxico unhas horas antes que o inglés.

Polo seu rudo caracter e indisciplina é apartado, e o teñen en Inglaterra e nalgúns lugares de Francia facendo tempo, pero finalmente a súa incursión por Francia e chegando a Alemaña resulta crucial para ganar a guerra en Europa. Ao final atópase cos aliados rusos, que tampouco lle caen nada ben.

En definitiva, todo un personaxe e, como non podía ser menos no mundo do viril militarismo, é glosado nesta película, que fará felices a todos os amantes destas temáticas, entre os que non me atopo.

Saúdos.



luns, 3 de xullo de 2023

Os Precursores

Este ano cúmprense cen anos da morte de Manuel Murguía. Tiña ganas de ler algo del, se fora posible. Como foi principalmente historiador e a súa obra máis insigne creo que é unha monumental Historia de Galicia (que non teño), o máis asequible (e a única obra súa que teño) é "Os precursores", escrita en castelán en 1886, xusto despois da morte de Rosalía de Castro. Supostamente, neste obra faise referencia ás persoas que tiñan obra publicada en galego antes de 1863, cando Rosalía publicou "Cantares gallegos". Serviría como base para o movemento coñecido como Rexurdimento.

Pero vendo a nómina de persoeiros aos que se lle dedica un capítulo, resulta un catálogo bastante estraño. Están Rosalía e Pondal, faltaría máis, pero boto en falta a Curros. Se cadrá é porque era máis novo, naceu en 1851 e non lle deu tempo a publicar tan pronto. Cando o libro se escribiu, se cadra xa tiña publicado algunha obra célebre, pero Murguía non debeu considerar a súa importancia. Claro, estamos facendo trampa e mirando todo dende 140 anos máis tarde.

Tamén hai varios persoeiros máis dos que, todos os que sabemos algo de cultura galega, nos soarán os seus nomes, aínda que só sexan vagamente: Antolín Faraldo, Aurelio Aguirre ou Benito Vicetto.

Pero hai outros persoeiros que resultan agora totalmente descoñecidos, como Leonardo Sánchez Deus, Félix Moreno Astray, Antonio Cendón ou Serafín Avendaño. Xa non lembro moi ben a que se dedicou cada un (segundo este libro di), pero había un sacerdote, un militar que loitou na unificación de Italia (polo visto un tema candente da época), un pintor.... Nestas ocasións, dise que unha obra "envellece" mal, pero supoño que é o lóxico, é moi difícil adiviñar se no futuro algo ou alguén vai ser lembrado ou non.

Outro detalle que me chamou moito a atención foi que nunhas cantas destas biografías (algúns dos capítulos son máis ben biográficos e outros moito menos) faise referencia a Santiago de Compostela como cidade moi gris e pesada, da que todos querían fuxir, cun férreo control do obispo e do aparato eclesial, que non permitía desenvolver ideas progresistas. Non é a primeira vez que escoito algo coma iso, aínda que supoño que agora xa estará bastante superado.... ou non.

Saúdos.



Mai + Carabela

Onte tivo lugar a terceira xornada do ciclo Xullo Pop deste ano, organizado, como sempre, pola Deputación da Coruña no Teatro Colón. O anterior artigo deste blog foi para falar do primeiro concerto deste ciclo, o de Lucía Aldao presentado "Pava 2". Salteime o segundo, onde actuaba "O portughés", que polo visto é un dos iniciadores do trap en galego. Como é un xénero que non me interesa en absoluto, decidín descansar.

Esta terceira xornada constaba dun concerto dobre. Primeiro actuaba Mai, o novo proxecto "en solitario" de Iseo Agilda, que participa en moitos grupos galegos, dos que seguramente destaca Sacha na horta e Blues do país. E o segundo concerto era de Carabela, un novo grupo de Noia.

Eu xa lera algo sobre Mai, e xa soaba a marcianada sideral, pero finalmente, acaba resultando bastante agradable. A posta en escea é bastante curioso, cun aro ateigado de vexetación que sube e baixa varias veces no concerto, arroupando á cantante. Ao final, mercamos o disco e Iseo púxonos unha dedicatoria. Toda a temática do disco ten que ver cun certo panteísmo e nova relación coa natureza, polo que me pareceu entender. O grupo está formado pola cantante, un violonchelista, unha corista que tamén toca a pandeireta, un percusionista e un teclista.

Despois dunha media hora de parón para desenchufar os instrumentos do primeiro grupo e enchufar os do segundo, tocou o grupo noiés Carabela, que pretende facer unha mestura de pop e electrónica, pero a min pareceume que caía moito máis no segundo que no primeiro. Recoñezo que non me gustou demasiado a súa proposta e que marchei cando levaban 3 ou 4 cancións, porque non conxeniaba en absoluto co que eles facían. Teñen unha cantante, un teclista, un baixista e outro compoñente que se encarga da guitarra e das programacións. O meu problema con estes grupos de música electrónica é que eu recoñezo ser xa un tipo chapado á antigua, e gústame bastante que a música que escoito no concerto se produza alí nese intre, e non me gusta tanto que vaia pregravada (aínda que cada vez acepto máis proporción disto). Nunha das primeiras cancións que tocaron, case todo o que se escoitaba comezou a soar cando o programador tocou un botón ou un pedal (non me fixei no que fixo exactamente, pero foi un escándalo, estaban en silencio e un segundo despois parecía que había unha orquesta, e a inmensa maioría do que soaba non saía dos músicos que estaban no escenario). Nun determinado momento, unha pandeireta que estaba sendo tocada non se escoitaba en absoluto, cando se tocaba a guitarra, ou non se notaba, ou era totalmente estridente... Non sei, a miña experiencia co grupo foi breve pero o desencontro foi total.

Saúdos.






domingo, 2 de xullo de 2023

Lucía Aldao

Lucía Aldao é unha poeta e cantautora coruñesa de xa longa traxectoria. Foi coñecida inicialmente pola parella poética que formaba e segue formando coa poeta María Lado. Xa hai algún tempo que non as vexo actuar, pero vinas moitas veces, e é unha das cousas máis divertidas e amenas que vin nun escenario. Sen contar o feito de que recitan moi ben e que resulta moi interesante o que din, as presentacións das cancións son dos espectáculos máis motivadores que me atopei. E por separado son o mesmo, pero cando se xuntan, vólvese un auténtico volcán.

Cando Lucía Aldao actúa como cantautora "en solitario" (ou sexa, sen María Lado ao seu carón), o espectáculo cambia algo pero non tanto, porque as letras das cancións-poemas seguen sendo moi interesantes, e as súas alocucións entre canción e canción seguen sendo dun nivel galáctico.

Sacou o ano pasado un EP con cinco cancións titulado "Pava", e a finais de 2022 sacou outro EP con outras catro, titulado "Pava 2". Vaia, para un clásico coma min, resulta imposible non pensar en que os dous EP xuntos dan lugar a un disco dos de toda a vida. Hai esquemas mentais imposibles de cambiar, que lle imos facer.

En directo toca acompañado por un grupo de tres músicos. A batería tócaa unha amiga súa chamada Analis (ou algo así), a guitarra tócaa outro amigo seu chamado David (creo) e o baixo tócao un novo colega vigués chamado Diego (ou algo así). Digo todo isto con tanta incerteza porque non lembro os seus nomes con seguridade, e non me pareceu ver en Internet esa información. Na web creada para falar destes discos non se menciona a banda en directo. Incluso falan de María Lado, pero non deses músicos. O máis curioso é que ela toca diante e os tres músicos están semi-ocultos detrás dun telón semi-transparente. Explicaron o outro día, no concerto que eu vin, que o facían así por petición da propia banda, porque así se fixaban máis en Lucía, e menos neles e na súa estética.

Por certo, este concerto que vin no Teatro Colón formaba parte do ciclo "Xullo Pop", que leva varios anos organizando a Deputación da Coruña por estas datas.

Saúdos.



Leilía

Este magnífico grupo de cantantes e pandereteiras que naceu en 1989, está neste 2023 de xira de despedida, titulada "Vidas cantadas". Actuaron o outro día no Ágora da Coruña para despedirse da nosa cidade, e resultou un concerto moi emotivo.

Que eu saiba, sempre tivo as mesmas seis integrantes: Felisa Segade, Montse Rivera, Mercedes Rodríguez, Patricia Segade, Ana Rodríguez e Rosario Rodríguez. A metade delas estaba antes en "Cantigas e Agarimos" (ou sexa, é posible que foran as primeiras voces de Milladoiro, a comezos dos 80) e despois uníronse o resto de integrantes.

Nestes máis de 30 anos tampouco foron moi prolíficas sacando discos, porque só editaron cinco: 
1994 - Leilía
1998 - I é Verdade, I é Mentira
2003 - Madama
2005 - Son de Leilía
2011- ConSentimento

Xa vedes, levan máis de dez ano sen editar ningún disco.

Nesta última xira viñan acompañadas por un contrabaixo, un acordeón, e outro músico que normalmente tocaba guitarras, pero nalgunha ocasión tocaba a gaita.

Déixovos cun vídeo do Luar no que cantan a que me parece a súa mellor canción, un auténtico himno feminista: "Voz das amigas".

Saúdos.



Bohemian Rhapsody

Hai uns anos fixeron unha película sobre Queen, ou máis sobre Freddie Mercury (os outros compoñentes da banda parece que tiveron unha vida bastante máis gris), titulada "Bohemian rhapsody", que tivo bastante éxito, incluso parece que conseguiu varios Oscars. Botábana o outro día nunha cadea de televisión e deille unha oportunidade. Está claro que me gusta a música rock, como lle gusta a moita outra xente (vaia, agora xa non está moi claro se pasa iso mesmo entre a xuventude), pero paréceme que todas estas películas son demasiado mitificadoras, e que ensalzan cousas que non son para tanto.

Foi dirixida en 2018 por Bryan Singer e Dexter Fletcher (o primeiro foi despedido cando quedaban poucas semanas de rodaxe). O papel principal foi para Rami Malek, facendo de Freddie Mercury, e o resto dos integrantes do grupo foron Gwilym Lee como Brian May, Ben Hardy como Roger Taylor, e Joseph Mazzello como John Deacon. Outros papeis secundarios foron para Lucy Boynton, Aidan Gillen, Tom Hollander, Allen Leech, e Mike Myers.

Pois nada, vai contando a historia do grupo dende os seus inicios, cando se chamaban "Smile". Freddie Mercury e John Deacon chegan case ao mesmo tempo. A historia céntrase, como xa dicíamos, na vida de Freddie, que semella o de vida máis animada e faranduleira. Resaltan bastante a composición de canción "Bohemian rhapsody", por ser unha canción moi pouco convencional e que costou moito venderlle aos estudios, que non confiaban nunha canción tan longa, e cun estilo e letra tan incomprensible. Pero efectivamente, converteuse na súa canción máis representativa e seguramente nunha das mellores cancións da historia do rock. Debe ser difícil atopar a alguén a quen non lle guste.

Deume a impresión que outro dos focos nos que se centraron foi o Live Aid de 1985. Nesa época Freddie estaba un pouco apartado do grupo, ofrecéranlle un contrato moi xeneroso por sacar un par de discos en solitario, e parece que non estaba moi ben asesorado e non andaba en moi boas compañías. Acordou máis ou menos a tempo e pediu unha reconciliación co resto do grupo, cando viu que a magnitude dese evento ía ser moi grande, e que non participar nel sería considerado un gran fracaso. Pero chegaron a tempo e fixeron un moi bo papel nos 20 minutos que lles tocaron.

Xa non se fala máis dos seus últimos anos, aínda que na película xa se di que contraeu o sida e que supostamente lle queda pouco de vida, pero non se ve nada da súa colaboración con Monserrat Caballé para facer o himno da Olimpíada de Barcelona, á que xa non conseguiu chegar. Pois iso, moita mitomanía ao redor dun grupo e, sobre todo, do seu líder, pero a min paréceme algo oca.

Saúdos.



Ser ou non ser

Hai xa moitos anos que descubrín ao director alemán Ernst Lubitsch e quedei marabillado. Non lembro se a primeira película que vin foi esta da que vou falar aquí, ou se foi outra, pero si me deixou a sensación de que este director tiña un toque especial que había que seguir, pero a verdade é que tampouco vin moitas películas súas, só 4 ou 5. Estou vendo na Wikipedia que tampouco viviu demasiado, morreu aos 55 anos despois do seu sexto ataque ao corazón, e as películas que xa fixo nos Estados Unidos (supoño que é moito máis complicado ver as que fixo en Alemaña) non foron tantas.

"Ser ou non ser" foi dirixida en 1942 por Ernst Lubitsch. Os papeis principais foron para Jack Benny, Carole Lombard e un xovencísimo Robert Stack. As outras veces que a vin non me decatara dun detalle importantísimo, que converteu á película en moi controvertida. É unha comedia, na que se bromea con Hitler e o nazismo, e estreouse no medio da II Guerra Mundial, así que a moita xente non lle fixo demasiada graza.

O argumento é bastante retorcido, e como en todas as películas de Lubitsch, hai que estar moi atento en todo momento á historia, porque os personaxes son moi retorcidos e os diálogos son riquísimos, así que non hai que despistarse nin un segundo.

Unha compañía de teatro polaca quere representar unha obra titulada "Gestapo", sobre o nazismo, en Varsovia. Pero as autoridades consideran que non é pertinente e obrigan a que volvan a representar "Hamlet". O papel principal desa obra represéntao Josef Tura, o actor principal da compañía. A súa adorable muller María, que é a actriz principal da compañía, sabe que hai un aviador polaco que a idolatra, e dille que, se quere visitala no camerino, que vaia xusto cando o seu marido comeza o monólogo "Ser ou non ser" desa obra. O marido percibe perfectamente ese detalle, pero non sospeita que pode haber unha aventura amorosa, senón que parte do público non apreza as súas dotes actorais, porque isto sucede en varios días consecutivos, e é sempre o mesmo home. O aviador polaco está convencidísimo de que María vai deixar ao seu marido por el, pero ela non ten a máis mínima intención de facelo. Aos poucos días, Hitler invade Polonia

Pouco despois, o aviador polaco e os seus compañeiros están en Inglaterra e despiden ao suposto líder da resistencia polaca de Varsovia, que vai volver para alí de incógnito. Por un inocente comentario, o aviador sospeita que ese suposto revolucionario non é tal, e que pode ser cómplice do nazismo, feito que efectivamente sucede, e é descuberto grazas á súa información.

Ese suposto revolucionario chega a Varsovia e intenta seducir a María Tura, á que coñece pola referencia do aviador polaco. Ela finxe ter interese no tema, pero realmente o que quere é roubarlle a información que ten sobre a resistencia, porque o aviador conseguiu chegar axiña a Varsovia e avisar do que está sucedendo. A compañía de teatro converte o seu antigo auditorio nun suposto cuartel da Gestapo e convocan alí ao suposto revolucionario, que axiña detecta que aquelo é falso, pero morre nun tiroteo.

A partir deste momento, é Josef Tura quen se disfraza do suposto revolucionario, pero xa facendo dun alto cargo da Gestapo e meténdose na boca do lobo. Incluso están a piques de collelo cando lle poñen diante o cadáver da persoa á que está suplantando, pero cun moi bo truco consegue escapar. Toda a compañía consegue fuxir a Inglaterra nun avión. Incluso algún dos integrantes da compañía suplanta a Hitler.

A película remata de forma moi simpática, coa compañía representando "Hamlet" en Londres, e vendo como un home se levanta do patio de butacas xusto cando comeza o monólogo de "Ser ou non ser". Tanto o actor como o aviador polaco quedan moi contrariados nese momento.

Saúdos.



Espero chegar en breve

Aquí hai unhas cantas cousas que contar. Hai un par de anos foi a primeira edición do festival "Viñetas dende o Atlántico" que non...