Neste caso falamos de teatro televisado pola 2. No Día Mundial do Teatro de 2021, retransmitiron a gravación da representación da obra no Teatro Español de Madrid. Esta versión de "Mariana Pineda" de García Lorca, tiña como estrela á actriz Laia Marull.a
Aparte de que a min o teatro me gusta en todas as modalidades, sempre me gusta máis en directo, obviamente. Pero non hai que deixar escapar posibilidades como esta. Oíra falar da historia de Mariana Pineda, pero non sabía moi de que ía, e quería aproveitar esta obra para coñecela mellor.
O granadino García Lorca contou a comezos do século XX na obra a xesta doutra granadina, que un século antes bordou, axudou a bordar ou gardou unha bandeira liberal bordada por unhas veciñas, e como iso non lle gustou nada a Fernando VII e aos seus acólitos, morreu axustizada por esa razón. Está claro que ese reiciño debía ser un personaxe, pero en España hai bo catálogo de reis mesquiños.
Había xa tempo que tiña ganas de ver esta película. Oíra falar ben dela, e os irmáns Coen, aínda que para min non son unha garantía, porque teñen feito de todo, me incitan un pouco a curiosidade. Paseino ben véndoa, pero a principal conclusión é que é unha historia absolutamente disparatada, aínda que parece que algúns dos personaxes e anécdotas son reais.
A película é do ano 1998, e foi dirixida, producida e escrita polos irmáns Coen, repartíndose os papeis, como é habitual neles (acabo de ver na Wikipedia que hai un artigo conxunto sobre os dous, non independentes, e iso paréceme algo preocupante). A estrela absoluta é Jeff Bridges, obviamente, pero está ben acompañado por outros como John Goodman, Steve Buscemi, Julianne Moore ou John Turtullo. Moitos deles son habituais nas películas destes dous irmáns.
Xa digo que a historia é un auténtico disparate. Parte da confusión producida polo parecido entre o nome de Jeff Lebowski, rico minusválido que vive nunha mansión, cunha muller moito máis xoven e lixeira de cascos, e Jeffrey Lebovski, parado excéntrico que pasa os días fumando canutos e xogando aos bolos cos seus colegas.
A xoven muller do millonario pégase unha vida fantástica e vai xuntando débedas por todas partes, e cando uns matóns pretenden presionala para que as pague, chegan ao chabolo do parado (obviamente non estaban moi ben informados). De forma imprevisible, o parado descubre a existencia do rico que se chama igual ca el, e vai á súa mansión a reclamarlle unha compensación polos danos na súa casa, que obviamente non consegue. Pero pouco tempo despois, a muller desaparece, supostamente secuestrada, e de forma aínda máis incrible, o rico encárgalle ao parado que faga de contacto cos secuestradores. Xa vos dixen que a historia era moi delirante.
Pois diso vai a película. Aparecen varios grupos de posibles secuestradores, cada un máis patético que o anterior, os colegas do parado non son moito mellores, e van pasando cousas difícilmente explicables que levan a un final algo estraño.
Un dos detalles curiosos é o alcume co que se refiren ao excéntrico parado. En ingles chámanlle "The Dude", que non teño nin idea do que pode significar (parece que é algo así como "o tipo", ou "o tío", ou sexa, unha referencia informal a un home). En español parece que lle chamaron "El Nota" ou "El Fino". E na versión galega que vin eu na TVG2, chamábanlle o "Pixa". Outro disparate máis.
Onte fun ao primeiro concerto de música en 13 ou 14 meses, xa non lembro cal foi o anterior, antes de que nos confináramos hai máis de 1 ano. Coincidindo coa celebración dos 25 anos de CUAC FM, tocaba a mellor banda local do Concurso de Bandas e Solistas do ano 2020. E os ganadores foron Adhara & Ritman.
A cantante Adhara Caamaño e o guitarrista e tamén cantante Tito Barbeito "Ritman" lideran este proxecto. En directo están acompañados polo baixista Andrés Castro (con camiseta de CUAC FM, sei que lle gusta levala) e polo batería Arturo Kress.
Cantan en galego, está claro que con iso xa me conquistan máis facilmente. Nalgún caso as letras semellan creacións novas, pero noutros casos son adaptacións de cancións tradicionais. Non son o mellor grupo do mundo, pero bótanlle moita paixón e deféndense máis que dignamente. Polo tanto, agradoume velos no Ágora e volver a escoitar música en directo.
Nos últimos días, de forma algo menos intensa da que a min me gustaría, conseguín ler o libro de relatos "Arraianos" de Xosé Luís Méndez Ferrín. Escribiu esta obra en 1991.
Son dez relatos ambientados na Raia entre Galicia e Portugal. Como en todos os libros de relatos, hainos mellores e peores. Seguramente o que máis me gustou foi o primeiro, "Lobosandaus", que seguramente tamén é o máis longo. Pero é que mantén moi ben a tensión dramática, e vai contando a historia a través de cartas dun xeito moi interesante.
Hai outros que tamén están bastante ben, pero hai outros que me deixaron bastante indiferente, e algún non me gustou nada. Pero xa digo, iso é habitual nos libros de relatos, é moi difícil atopar unha regularidade.
Chamoume a atención que, en todos ou case todos os relatos, se fai referencia ao monte Penagache, que debe ser o monte máis alto da comarca de Celanova, cerca de Quintela de Leirado. Hai xa bastantes anos eu subín andando a este monte. Fíxome certa ilusión ver como o nomeaba o autor tantas veces, debe ser un bo punto de referencia nesa zona.
Este título tamén me soaba moito, e supoño que debín ver esta película algunha vez, pero ao final non me soaba ningunha escena, en principio. Paréceme unha historia tremendamente ambiciosa, e intentaron facer algo que apabullara ao ver os directores, elenco, produción. Non está mal, pero creo que decepciona algunhas expectativas, porque o obxectivo era, xa digo, moi ambicioso.
A película é do ano 1962. Ten varios capítulos, protagonizados case por actores diferentes, aínda que algúns personaxes, segundo envellecen, fan de punto de unión entre as partes. Porque supostamente pretende contar a historia de tres xeracións dunha mesma familia, os Prescott, dende 1830 a 1890. Unha familia que marcha da costa leste cara ao Oeste dos Estados Unidos.
Os directores que tomaron parte foron os seguintes. A maior parte foi dirixida por Henry Hathaway. Tamén interveu bastante George Marshall. E tamén fixeron partes máis pequenas John Ford e Richard Thorpe. Nada mal.
O elenco tampouco está nada mal, se lemos os nomes. Pero tamén hai que dicir que os papeis principais, no sentido de referirse aos personaxes que percorren os 50 anos de historia, caeron en actores non demasiado coñecidos, como Carroll Baker, Debbie Reynolds ou George Peppard. Pero nos secundarios, que aparecen só nunha parte, ou se cadra só nunhas poucas escenas, están xente como Henry Fonda, Karl Malden, Gregory Peck, James Stewart, John Wayne, Richard Widmark, e moitos máis.
Tiña oído falar ben desta película, pero non me soaba que a vira nunca. Vina, e efectivamente, non me soaba prácticamente nada, así que o experimento era necesario. Non está mal, pero ten graza este costume estadounidense de denunciar as eivas do seu "sistema", como dando esperanzas de que se poden corrixir, cando todo parece indicar que raramente sucede iso. A película "Brubaker" foi dirixida en 1980 por Stuart Rosenberg, suponse que para total lucimento de Robert Redford. No elenco saen algúns secundarios como Morgan Freeman ou Yaphet Kotto.
Basicamente trata de que Henry Brubaker é nomeado novo alcaide dunha prisión. Pero, sen dicirllo a ninguén, faise introducir nela disfrazado de novo recluso, porque quere comprobar como é o trato aos presos. Está así durante varias semanas, ata que decide descubrirse, e comeza a actuar a partir daquel momento.
Intenta desmontar todo o sistema de corrupción dentro e arredor do cárcere, e vai conseguindo cousas. Pero cabrea bastantes a algúns dos gardas e funcionarios, que vivían moi ben con esas corruptelas, e a algúns políticos e senadores que tamén colaboran con elas, e prefiren mirar para outro lado.
Ao final é cesado, como era previsible, pero no momento en que marcha da prisión, e cando se está presentando o novo alcaide, moito menos democrático, recibe o apoio dos presos, que xa perciben que van perder moito con este novo cambio de alcaide.
Despois de conseguir ver "Tralo corazón verde" hai uns meses, o outro día conseguín ver a súa secuela, "A xoia do Nilo". A cadea na que botaron estas dúas películas prográmaas seguidas con certa frecuencia, así que xa supoñía que non ía tardar moito en conseguilo. Non me soa que prosiga esta saga. Non son grandes películas, pero faciltan a evasión por momentos.
Foi dirixida en 1985 por Lewis Teague, e protagonizada case polos mesmos que a primeira, ou sexa, Kathleen Turner, Michael Douglas e Danny De Vito (coido que este pouco aparece nesta segunda parte). Hai algunha particularidade "case local" nesta segunda parte, como Spiros Focas facendo de dictador e Avner Eisenberg facendo de santón árabe.
A trama é simple. Despois da primeira parte, os dous protagonistas levan xa tempo navegando no seu novo iate polo mundo adiante. Pero incluso esa vida acaba resultando aburrida e están pensando en separarse, porque ademais ela non consegue inspiración para escribir a súa seguinte novela.
Nese momento aparece un dictador árabe que lle pide a ela que escriba a súa biografía. É practicamente secuestrada, aínda que de boas formas, e ao pouco tempo, ela xa percibe que o tipo non é un gobernante xusto e querido, senón un dictador implacable. Polo tanto, o obxectivo xa é loitar contra el máis que escribir a súa biografía.
O principal movemento opositor, co que entran en contacto, di que quere recuperar a "xoia do Nilo". E claro, estes tipos, cando se lles fala de xoias, póñense a mil. Pero esa xoia resulta ser un santón bastante patético que lles axuda a saír dalgúns trances coa súa excentricidade.