xoves, 25 de marzo de 2021

Brubaker

Tiña oído falar ben desta película, pero non me soaba que a vira nunca. Vina, e efectivamente, non me soaba prácticamente nada, así que o experimento era necesario. Non está mal, pero ten graza este costume estadounidense de denunciar as eivas do seu "sistema", como dando esperanzas de que se poden corrixir, cando todo parece indicar que raramente sucede iso. A película "Brubaker" foi dirixida en 1980 por Stuart Rosenberg, suponse que para total lucimento de Robert Redford. No elenco saen algúns secundarios como Morgan Freeman ou Yaphet Kotto.

Basicamente trata de que Henry Brubaker é nomeado novo alcaide dunha prisión. Pero, sen dicirllo a ninguén, faise introducir nela disfrazado de novo recluso, porque quere comprobar como é o trato aos presos. Está así durante varias semanas, ata que decide descubrirse, e comeza a actuar a partir daquel momento.

Intenta desmontar todo o sistema de corrupción dentro e arredor do cárcere, e vai conseguindo cousas. Pero cabrea bastantes a algúns dos gardas e funcionarios, que vivían moi ben con esas corruptelas, e a algúns políticos e senadores que tamén colaboran con elas, e prefiren mirar para outro lado.

Ao final é cesado, como era previsible, pero no momento en que marcha da prisión, e cando se está presentando o novo alcaide, moito menos democrático, recibe o apoio dos presos, que xa perciben que van perder moito con este novo cambio de alcaide.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...