venres, 28 de agosto de 2026

Morte en Granada

Este verán cumpríronse 90 anos do comezo da Guerra Civil, e polo tanto, tamén do asasinato de moitas figuras artísticas e políticas da España de 1936. Non quero pensar as conmemoracións que haberá dentro de 10 anos, cando se cumpra o centenario. Como xa veríades no blog, hai unhas semanas intereseime pola figura de Federico García Lorca, grazas a unha magnífica miniserie que está accesible en RTVE Play. A raíz diso, cando vin que tamén botaban "Morte en Granada" (o título orixinal foi "A desaparición de García Lorca"), animeime a vela, pero resultou un chasco, porque desentonaba moito en calidade ao comparala con aquela serie.

"Morte en Granada" foi dirixida en 1997 por un tal Marcos Zurinaga, que non me soa de nada, e que sospeito que debe ser un director portorriqueño, xa que esta foi unha produción hispano - portorriqueña, feita en inglés con case todo o elenco de portorriqueños ou algo parecido. Os papeis principais foron para Andy García, Edward James Olmos, Esai Morales, Miguel Ferrer, Jeroen Krabbé, Marina Saura, Eusebio Lázaro, Marcela Walerstein e Giancarlo Giannini.

Todo xira en torno a Ricardo Fernández, un rapaz que descubre a García Lorca en Madrid en 1934, cando estrea "Yerma", unha obra de teatro moi polémica. El e a súa familia son de Granada, así que coinciden con García Lorca alí en 1936, cando estoupa a Guerra Civil. Ao pouco de suceder iso, a súa familia ten problemas e deciden marchar a Porto Rico.

Dezaoito anos máis tarde, en 1954, Ricardo teima en ser escritor, pero está obsesionado coa figura de Lorca, e está empeñado en escribir un libro sobre el, e decide volver a Granada para investigar a súa morte, a pesar da forte oposición do seu pai, que non ten bos recordos en absoluto do que pasou alí.

Chega alí e o primeiro que fai é visitar a un bo amigo da familia, o Coronel Aguirre, que tivo moito que ver no apresamento e desaparición de Lorca. A pesar diso, manteñen as formas e respéctanse, pero o Coronel avisa aos seus subordinados para que vixíen ao suposto escritor.

Como era previsible, o rapaz vaise metendo en problemas, porque a súa intención última é averiguar quen foi a persoa ou persoas que mataron físicamente a Lorca. España segue no medio da dictadura e Lorca segue sendo unha figura ben incómoda, así que esa investigación non se ve con bos ollos, así que recibe ameazas, malleiras, etc. En fin, que a trama vai avanzando e na última escena acaba sabendo quen foi o causante daquela morte, e non lle agrada nada o resultado final da investigación.

Como dicía, é unha ficción arredor da morte de García Lorca, feita con respecto, pero con pouca documentación ou con moitas ganas de ficcionar. E polo que parece, en Porto Rico xa non queda case nada de cultura hispana e sí moito de estadounidense (teñen todo o dereito, por suposto), que se pode apreciar en que Lorca dedica libros escribindo en inglés, e que o escritor toma notas nun caderno escribindo en inglés, sendo el español de nacemento e vivindo exiliado en Porto Rico. Non sei, pareceume un pouco patético por semellar colonizado.

Saúdos.



domingo, 23 de agosto de 2026

Shutter Island

Cruceime con esta película moitas veces en plataformas (creo que está en Netflix) e nunca amosara o máis mínimo interese nela. Pero hai pouco, de casualidade, lin nalgures que era unha película desas, que a min tanto me gustan, na que máis ben cara ao final se produce un xiro de guión que che mostra que, ata ese momento, non estabas entendendo realmente en que consistía a historia que che estaban contando. Efectivamente, así é, pero non me pareceu a máis brillante na que vin ese tipo de efecto. Cando vos conte a historia, obviamente non revelarei ese xiro de guión, para que vós tamén poidades disfrutalo, ademais a película non é moi antiga, así que seguramente hai moita xente que aínda non a vira. En calquera caso, a película tampouco me gustou demasiado.

"Shutter Island" foi dirixida en 2010 por Martin Scorsese. No elenco destacan Leonardo DiCaprio, Mark Ruffalo, Ben Kingsley, Michelle Williams, Patricia Clarkson, Max von Sydow, Emily Mortimer, Jackie Earle Haley, Ted Levine, John Carroll Lynch e Elias Koteas.

O título (en Hispanoamérica puxéronlle "A illa sinistra", que tampouco está tan mal) fai referencia a unha suposta illa (parece que non existe na realidade, ou polo menos non alí nin con ese nome) que está preto da costa de Boston, e na que hai un sinistro e lúgubre manicomio no que intentan curar, na medida do posible, a persoas con problemas psiquiátricos. Está ambientada no ano 1954 e o goberno destina a dous axentes xudiciais, un debe ser da zona e o outro vén de Seattle, na outra punta do país, para investigar a desaparición dunha paciente, algo estraño nun hospital que é case unha cárcere.

Cando chegan, parece que os médicos, enfermeiras e policías que custodian o lugar, que non son poucos, non semellan moi inclinados a botarlles unha man nas investigacións. Ademais, o lugar semella moi lúgubre e misterioso. E ademais, a súa chegada coincide cunha impoñente tormenta que sacode o lugar durante varias horas. Casualmente, a paciente desaparecida reaparece de novo unhas horas despois e sen ningún rasguño, aínda que algo alterada, polo que parece.

O personaxe principal semella tamén moi trastornado por moitas cousas. Participou na liberación do campo de concentración de Dachau, que o deixou claramente tocado. E ademais a súa muller morreu nun incendio provocado por un pirómano, que el sospeita que tamén está aloxado nese hospital, así que intenta atopalo.

Pero agora é cando sucede o xiro de guión que comentei antes, que obviamente non vou revelar. Cando vai hora e media (dura pouco máis de dúas horas), sucede algo e vese que algúns dos personaxes que estabamos vendo non son realmente eses, senón outros.

Saúdos.



sábado, 22 de agosto de 2026

Onde nacen as bestas

Aínda que eran unhas 500 páxinas, lin en poucos días (se conto de corrido, poucas horas) a novela "Onde nacen as bestas" de Pedro Feijoo. É un autor cunha calidade literaria mellorable, pero non se pode negar que resulta doado e frenético ler as súas novelas. Case sempre están cheas de mortes terribles e salvaxes, éche o que hai nestes tempos.

Como é unha novela recente, publicada a comezos de 2025, non me vou extender demasiado nin vou desvelar apenas nada. Só direi que está ambientada na zona de Laza e Verín, na provincia de Ourense, e que todo se desencadea cando comezan a aparecer cadáveres desfigurados dunha forma moi concreta, que estraña moito aos investigadores. E acaban resolvendo o caso, vaia, máis ou menos, quédalles algún fío solto ao final.

Pero o que me resultou máis relevante é que a trama ten moito que ver coa historia do mítico personaxe de Manuel Blanco Romasanta, o mítico lobishome de Allariz do século XIX. Eu oíra falar deste tema moitas veces pero apenas prestara atención. Lendo esta novela non me quedou máis remedio, e hai que recoñecer que a súa historia é absolutamente fascinante. Por se non o fixestes aínda, eu recomendaríavos que indagárades sobre a súa historia, que é para flipar. Só vos deixarei algunhas pistas que converxían na súa figura: hermafrodita (agora dise intersexual), Sacaúntos, Lobishome, cornizó do centeo, ladrón, asasino, moi intelixente, sabía ler e escribir (no Ourense de mediados do século XIX non era nada habitual, e moito menos no ámbito rural), polo visto sabía escribir igual de ben coas dúas mans, sabía escribir con varias "letras" diferentes", sabía falsificar documentos, etc. Algunhas das cousas que acabo de dicir só foron circunstancias e incluso inventadas, pero dan lugar a un personaxe non doado de igualar.

Saúdos.



xoves, 20 de agosto de 2026

Agatha e a maldición de Ishtar

Hai uns días estaba buscando algunha película breve (por falta de tempo) para ver a última hora da noite, non tiña demasiado tempo para decidir, e iso sempre leva a escollas regulares, como foi este caso. Creo que a atopei en Amazon, e pode interesar aos amantes de Agatha Christie, aínda que neste caso a protagonista é ela mesma e algunhas das cousas que pasan nela tiveron consecuencias na futura vida da autora. Como din ao comezo da aventura, a historia é unha ficción do que lle puido ter pasado nese tramo concreto da súa vida.

"Agatha e a maldición de Ishtar" foi dirixida en 2019 por un tal Sam Yates (nin el nin ningún dos actores ou actrices me soaba de nada, deben ser dun circuíto descoñecido para min). Os principais papeis da película foron para Lyndsey Marshal, Jonah Hauer-King, Stanley Townsend, Jack Deam e Katherine Kingsley.

Antes imos contextualizar a historia con algúns datos que non saen na película. A finais dos anos 20, Agatha Christie estaba pasando unha fonda crise persoal. No ano 1926 desapareceu durante 11 días con algúns indicios de amnesia. Parece que boa parte diso era culpa da mala relación co seu primeiro marido, do que se divorciou en 1928. Debido a iso, decidiu buscar novas experiencias e coñeceu a uns arqueólogos que estaban excavando en Irak, os Woolley, que tamén protagonizan a película. Ata aquí o contexto.

Chega entón ás excavacións de Irak e atopa a un tipo ferido cun "perdigonazo" na fronte e a un macaco aforcado na recepción do hotel onde se hospedan as persoas que a invitaron e todos os seus colegas. Un colega dos arqueólogos acababa de morrer uns días antes, e outra das hóspedes morre uns días despois. O marido desta segunda señora xa lle dixera que a súa muller tiña unha aventura con outro home. Como vedes, a cousa pinta fantástica. E aínda hai algunha morte máis. E detrás de todo iso, tamén paira a chegada das primeiras excavacións de petróleo a Irak, que ameazan con levarse por diante os restos arqueolóxicos.

Por certo, aquel tipo ao que lle deron un "perdigonazo" na fronte ao comezo da historia era Max Mallowan, que foi o seu segundo e último marido. Agatha sempre tivo certa atracción pola arqueoloxía, pero obviamente a partir de casarse cun arqueólogo, ese interese creceu moito máis.

Saúdos.



martes, 18 de agosto de 2026

O caso Asunta

Estiven buscando nas diferentes plataformas algunhas miniseries (é o único formato de serie que soporto ultimamente) e atopei esta. Nunca foi un tema que me interesase demasiado, se cadra polo morbo ao seu arredor. Teño moi claro que en Santiago de Compostela foi unha auténtica conmoción. Ademais, teño entendido que a de Compostela é en certa medida unha sociedade bastante clasista, e Rosario Porto formaba parte da clase máis alta, e iso tamén debeu facer que a reacción da xente fora tan furibunda contra ela. E parece que Alfonso Basterra só podía ter o nivel de vida que desexaba se seguía coa súa muller, así que a cousa se complicaba. Buf, moitas variables xuntas e todas moi chungas.

"O caso Asunta" foi dirixida en 2024 con Carlos Sedes e Jacobo Martínez. No elenco destacan Candela Peña, Tristán Ulloa, Javier Gutiérrez, María León, Carlos Blanco, Francesc Orella, Ricardo de Barreiro e Iris Wu. Chamoume a atención que agás os tres protagonistas principais, pais e nena, todos os demais teñen nomes de ficción. Especialmente chamativa é a imaxe que presentar do xuíz, que na realidade foi Xosé Antonio Vázquez Taín, xuíz estrela e moi mediático, que non sae moi ben parado, e ao que non lle gustou nada a serie, polo visto. Unha das cousas que se insinúa del e que facía filtracións aos medios de comunicación, sobre todo apoiar as súas teses na instrución, e parece que é bastante habitual nel, aínda que non lle guste aceptalo.

Non penso que faga falta contar demasiado da historia, é bastante coñecida. Aínda que xa dixen que non puxera eu demasiado interese, obviamente nesta ocasión entereime de moitas cousas que descoñecía. Durante toda a miniserie (e na realidade semella que foi exactamente igual), todos os indicios apuntaban claramente a Rosario Porto, a nai, que semellaba unha persoa desequilibrada mentalmente e que era incapaz de levar unha casa e unha familia. E co pai nada está claro, porque semella esconder e calar moitas cousas, e que a relación coa nena e coa nai era moi peculiar, xa que uns meses antes descubriu a aventura da súa muller con outro home ao espiarlle o correo electrónico. E parece haber probas claras de que levaba uns meses dopando con pastillas á súa filla. Na serie tamén se insinúa que para os dous pais, pero especialmente para a nai, xa resultaba moi complicado soportar os caprichos da filla pre-adolescente, e que o "capricho" de ter unha filla xa fora saciado e xa lles sobraba.

Saúdos.



O conde de Montecristo

Versións audiovisuais de "O conde de Montecristo" hai moitísimas, está baseada nunha novela de máis de 1000 páxinas de Alexandre Dumas que dá moito xogo, polo visto. Atopei en RTVE Play unha miniserie de 8 capítulos e boteille o dente. En múltiples ocasións vira algunha destas obras ao comezo ou polo medio, pero nunca puidera vela completa, e tíñalle moitas ganas, porque tiña pintaza de ser unha historia moi interesante. E así foi.

"O conde de Montecristo" é unha miniserie de 8 capítulos de 2024 dirixida por Bille August. O papel central é para Sam Claflin, ao que eu non coñecía de nada. O único actor coñecido (para min) é Jeremy Irons, que fai do Abate Faría, personaxe esencial pero que só aparece no segundo capítulo. O resto do elenco nos seus papeis máis importantes está formado por Mikkel Boe Følsgaard, Ana Girardot, Blake Ritson, Karla-Simone Spence, Lino Guanciale, Michele Riondino, Gabriella Pession, Harry Taurasi, Poppy Corby-Tuech, Nicolas Maupas, Amaryllis August, Jason Barnett, Nicholas Farrell e John Ioannou, Foi unha produción franco-italiana.

Supoño que xa coñecedes bastante a historia, así que non me vou extender demasiado. Edmundo Dantés é un xoven mariño marsellés que cae en desgraza a comezos do século XIX. Fai un magnífico traballo salvando ao seu barco de naufragar e por esa razón o capitán o nomea o seu sucesor, xa que o capitán morre na travesía que os trae dende Exipto. Iso non lle fai ningunha graza a Danglars, un tipo encargado da carga do buque, que creía ter méritos para ser o novo capitán. Ademais, Fernando, un catalán amigo de Mercedes, a moza de Edmundo (Mercedes tamén é catalá), tiña xa intención de casar con ela porque deran por mortos a Edmundo e toda a súa tripulación, así que a súa volta tampouco lle gusta demasiado. Escriben unha carta anónima acusando a Edmundo de ser correo de bonapartistas. E por se non chegara con todo iso, cando é detido para corroborar a acusación, o xefe de policía, Villefort, descubre que o bonapartista de París que era correo de Napoleón é o seu propio pai, do que está separado por razóns políticas.

Entre os tres entón dase unha conspiración pola cal Edmundo remata cautivo no Castelo de If, unha fortaleza inexpugnable na costa de Marsella, na que pasa uns quince anos. Ao pouco tempo de estar alí, dinlle á familia que se suicidou na súa cela, así que todos xa o dan por morto. Durante a súa última fase alí coñece ao seu compañeiro que está na cela adxacente, o Abate Faría, un tipo moi sabio que lle transmite moitos coñecementos, e xuntos cavan un túnel para fuxir. Aínda que o traballo avanza bastante ben, ao final consegue fuxir dun xeito bastante peculiar e circunstancial, que non vou revelar aquí, por se alguén aínda non coñece a historia.

Ao fuxir, fai amizade en Marsella cun mariñeiro italiano, Jacobo, que estará con el nos anos seguintes. Unha das cousas que lle ensinou o Abate Faría no castelo foi un mapa dun suposto tesouro que se atopaba na illa de Montecristo, na cercana costa italiana. Efectivamente, atópao e a partires dese intre, pode vivir cun nivel de vida elevadísimo. E dedica todo o seu tempo e esforzo en afundir aos seus tres inimigos. Non en matalos, senón en provocar a súa caída ou cadea, xa que os tres se trasladaron a París e disfrutan de grandes posicións. Finalmente Mercedes e Fernando casaron.

Polo que acabo de ler, hai algunhas sutiles diferencias entre esta miniserie e a novela orixinal, pero non teñen unha grande relevancia na historia.

Saúdos.



O león en inverno

O outro día púxenme a buscar algunha película interesante en Netflix (normalmente non hai demasiadas) e atopei unha de cine histórico que non pega nada co catálogo desa plataforma. O título soábame bastante pero creo que non a vira nunca. Despois do visionado, creo que podo aseguralo. E resultou moi interesante, e aínda o é máis investigar sobre o contexto histórico real no que está ambientada. O "león" do título parece ser o rei Enrique II (que era todo un personaxe) e está ambientada no inverno, concretamente no Nadal, aínda que non me pareceu ver neve en ningures, e seguramente tería lóxica que aparecera, pero vaia, é un detalle irrelevante.

"O león en inverno" foi dirixida en 1968 por un tal Anthony Harvey, do que nunca oíra falar. Os papeis principais do elenco son sete, o resto de personaxes son totalmente secundarios e apenas aparecen. Foron interpretados por Peter O'Toole, Katharine Hepburn, Anthony Hopkins, Timothy Dalton, Nigel Terry, John Castle e Jane Merrow.

O rei de Inglaterra, Enrique II, convoca en Chinon (un castelo francés) no Nadal de 1183 á súa Corte para decidir a cal dos seus fillos lle deixará o trono, porque xa se vai facendo algo maior, ten uns 50 anos. Hai algunha mención ao Rei Lear porque é unha historia tradicional británica, aínda faltaban varios séculos para que Shakespeare escribira unha famosa obra de teatro sobre o tema. Agora ben, como é relativamente doado, podemos indicar perfectamente quen era toda a Corte que estaba convocada, porque a película está baseada nunha obra de teatro de James Goldman (que tamén fixo o guión), e ten toda a pinta de ser unha obra de teatro:

- Enrique II: o ambicioso e enérxico rei, que meteu na cadea á súa ambiciosa e astuta esposa, vive coa súa amante Alois, que é unha das moitas que tivo, e que ten como fillo favorito a Xoán, o pequeno que vive con el e que debe andar polos 18 anos.

- Leonor de Aquitania: a esposa de Enrique II, que leva uns dez anos no cárcere por decisión do seu esposo, e á que só deixan saír en ocasións especiais coma esta. Parece odiar a Enrique pero aínda amalo por momentos, o seu fillo favorito é Ricardo, o maior.

- Ricardo: o maior dos fillos varóns que lle quedan a Enrique II (parece que tivo varios antes, pero xa non viven), foi despois coñecido como Ricardo Corazón de León. Enrique tamén recoñece que é o mellor dotado para ser rei, pero teme moito a súa ambición. Nalgún momento insinúase que puido ser homosexual, pero parece que non hai ningunha evidencia histórica de que fora así.

- Godofredo: despois coñecido como Godofredo II de Bretaña. Como vedes, nin o pai nin a nai se decantan por el, sempre é o esquecido. Na película preséntano como un tipo calculador e moi falso.

- Xoán: despois coñecido como Xoán Sen Terra (este e Ricardo deberían soarvos da historia de Robin Hood, personaxe de ficción). Era ambicioso e quería ser o sucesor do seu pai, pero parece que tiña moi poucas luces, seguramente por iso Enrique o prefería.

- Filipe II de Francia: Foi tamén convidado a esta Corte en Chinon, porque estaba cerca e porque varios dos asuntos lle tocaban moi de cerca. Para comezar, a amante de Enrique II e probablemente futura raíña de Inglaterra era a súa irmá Alois. Por outra banda, nalgún momento insinúase que puido ter unha relación sentimental con Ricardo. Tamén estaba en xogo un tratado cos ingleses polo que estaba en xogo a propiedade dunha vila importante.

- Alois: amante de Enrique II, irmán de Filipe de Francia, e ofrecida como esposa a Ricardo e Xoán se acaban sendo designados como sucesores de Enrique II (aínda que ía seguir sendo a amante de Enrique). Na película está a piques de ser casada con Ricardo, xa están diante do cura e todo.

E despois de todo este lío, e pasar varios días negociando e conspirando todos contra todos, o pai meter na cadea aos fillos, e estar estes a piques de matalo, a cousa remata marchando cada un para a súa casa sen resolver nada. As familias reais están cheas de vagos.

Saúdos.



A velada de Londres

Acabo de asistir á estrea da obra teatral "A velada de Londres", a cargo da compañía ButacaZero. O director da maioría das obras d...