domingo, 15 de xuño de 2025

Ágora Son 2025

Dende hai xa uns cantos anos, celébrase por maio no Ágora da Coruña un concerto do Día das Letras Galegas, para os que só se pode conseguir entrada se sacas libros en galego das bibliotecas da cidade. Eu nunca o fago, porque nin sequera son socio, pero teño varios colegas que si o fan e que habitualmente pensan en min para que os acompañe, cousa que hai que agradecerlles. Por suposto, os concertos son de música galega e en galego, faltaría máis.

Este ano tocou concerto de Xosé Lois Romero e Aliboria, cousa que sempre é un inmenso pracer, xa había varios anos que non os veía tocar. Todo foi segundo o previsto, pero recoñezo que o que máis me sorprendeu foi unha versión de "La leyenda del tiempo", baseada nun poema de Federico García Lorca, música de Ricardo Pachón, e cuxa versión orixinal popularizou Camarón de la Isla. Non lles quedou nada mal, como podedes ver no seguinte vídeo.

Saúdos.



Sherlock Holmes desafía á morte

Como xa teño dito aquí nalgunhas ocasións, Sherlock Holmes é un personaxe que me fascina (sospeito que non debo ser a única persoa no mundo). Hai moitos anos vin na televisión películas en branco e negro sobre o personaxe que me gustaron moito. Agora que en Youtube están dispoñibles aqueles clásicos dos anos 40, estoume poñendo a velos, coa agravante de que ademais son películas bastante breves, que duran pouco máis de unha hora. Pero se me está derrubando un pouco o mito, porque agora estanme parecendo algo mediocres. Pero coñecéndome, sospeito que as verei todas, porque non son moitas, unhas quince.

"Sherlock Holmes desafía á morte" foi dirixida en 1943 por Roy William Neill (que dirixiu case todas as desta saga). Está baseada no relato "O ritual dos Musgrave" (un dos 56 que Arthur Conan Doyle escribiu deste personaxe) pero coa temática algo actualizada á época. Obviamente, de Sherlock Holmes fai Basil Rathbone e de Watson fai Nigel Bruce. De Inspector Lestrade fai Dennis Hoey (outro clásico) e foi a segunda das tres películas da saga na que participou a actriz Hillary Brooke. A verdade é que unhas semanas despois de vela case non lembraba nada dela, e tiven que ver de novo algúns fragmentos para lembrar vagamente a trama.

Durante a Segunda Guerra Mundial, os propietarios da mansión Musgrave, un lugar bastante tenebroso, ceden gratuitamente o edificio como hospital para militares que queren curarse do estrés postraumático da guerra. Alí son atendidos polo doutor Watson. Como non podía ser doutro xeito, comezan a producirse mortes en moi estrañas circunstancias, comezando pola do propietario da mansión, e Watson avisa a Holmes para que bote unha man. Acaba descubríndose un complot para eliminar a todas as persoas que están alí e para poder facer uso dun documento antigo que se atopa alí e que faría moi rica á  persoa que o posuíra.

Saúdos.



sábado, 31 de maio de 2025

O longo e cálido verán

O outro día botaban esta película no espazo de cine clásico da 2. Dubidei se xa a vira ou non, porque sospeitaba que estaba ambientada no caluroso sur de Estados Unidos (non me equivocaba), pero creo que debía confundila con algunha das películas baseadas en obras de Tennessee Williams. Efectivamente, despois de vela, podo dicir que non me soaba de nada. A tradución do título orixinal en España e Venezuela foi tremendamente fiel, pero foi en Uruguai onde decidiron innovar e titulárona "Noite longa e febril".

"O longo e cálido verán" foi dirixida en 1958 por Martin Ritt e tivo un elenco moi destacado, formado nos principais papeis por Paul Newman, Joanne Woodward, Anthony Franciosa, Orson Welles, Lee Remick e Angela Lansbury. Por momentos, tiven a sensación de que case era Orson Welles o actor principal. Polo visto, o guión está baseado nalgunha novela e nalgúns contos de William Faulkner.

Ben Quick é un tipo con non moi boa prensa nun pobo, do que é expulsado (aínda que non hai ningún tipo de proba) por ser o principal sospeitoso da queima dun graneiro, que naquel lugar é o feito máis deplorable que pode suceder. El tampouco protesta demasiado (supoño que xa intúe que ninguén lle vai facer caso, porque non parece caer demasiado ben), e polo que nos enteramos despois, parece que o seu pai, que se chamaba exactamente igual que el, tamén tiña esa fama de pirómano, así que el prosegue co estigma familiar que os persegue.

Así que se despraza a outro pobo cercano, e cando chega alí, a todos lles soa o nome e a fama que o precede, pero axiña consegue traballo (ou algo parecido), mercándolle un anaco de terra ao rico máis poderoso da comarca, Will Varner, que o domina todo na contorna. Pero o propio Varner xa lle ameaza dicindo que, en canto se produza o máis mínimo incidente, será expulsado tamén polo poder que acumula naquela zona.

Pero resulta que Ben e Will van coñecéndose e levándose mellor, e a situación dá un xiro radical, porque Will o contrata para unha das principais tendas que tiña na vila, poñéndose á par de Jody, o fillo de Will, que semella bastante vividor e bastante pouco traballador e eficiente. E claro, iso na familia non gusta nada. Por se non chegara con iso, a outra filla de Will, Clara, non traga a Ben, ao principio, pero despois isto tamén dá un xiro total, e comezan a achegarse moito.

Como vedes, a película trata do terremoto que provoca a chegada á vila dun estranxeiro de fama controvertida, que comeza a encaixar no lugar moito mellor do que estaba previsto.

Saúdos.



sábado, 24 de maio de 2025

As desterradas

Xa leva varios meses de xira polo país esta obra, da que oín falar moi ben, e tiña ganas de vela. Ademais, esta montaxe é da compañía Producións Teatrais Excéntricas, e iso é garantía de éxito case total. O Teatro Rosalía de Castro da Coruña estaba case cheo. Tristemente, esta representación tivo lugar exactamente o mesmo día que morreu Piti Sanz, músico que estaba moi unido a esta compañía.

A autora da obra é Carme Varela, e a dirección é de Quico Cadaval. No elenco están catro actrices que fan sempre de monxas, Belén Constenla, Patricia Vázquez, Rebeca Montero e Rocío González, por outra banda está Melania Cruz, que nalgún momento fai de monxa pero case sempre fai de aldeá, e remata en Víctor Mosqueira, que fai un cantos papeis diferentes nos que apenas fala, como aldeán, romeiro, músico...

A historia está ambientada no mosteiro bieito feminino de San Salvador de Albeos, que acolle as reliquias de San Paio, que era daquela zona. Nos séculos XV e XVI, os mosteiros bieitos de Galicia estaban enfrontados á coroa de Castela. E a raíña Xoana decretou mediante unha carta que as monxas debían deixar ese mosteiro e marchar para o de Antealtares en Compostela, onde xa estiveran varias veces, aínda que elas alí considerábanse "desterradas". Acatan a orde (non todas) con resignación, despois de resistirse todo o que puideron.

Saúdos.



Fargo

Estes días ando con bastantes ganas de ver cine, e en Amazon atopeime con "Fargo", un dos primeiros éxitos dos irmáns Coen, que fixeron hai case trinta anos, e animeime. Non vin moitas películas desta xente, pero parece que teñen un estilo bastante particular rodando historias. Polo que parece, sobre todo vin cintas que fixeron nos seus primeiros anos de carreira, como "Arizona Baby", "Morte entre as flores" ou "O gran Lebowski".

"Fargo" foi dirixida en 1996 polos irmáns Coen (parece que Joel máis ben dirixe e Ethan máis ben produce, e guionizan xuntos). Os protagonistas principais son Frances McDormand e William Macy nos papeis principais, con secundarios memorables como Steve Buscemi, Peter Stormare, Harve Presnell e Steve Reevis. Ao comezo da película din que a historia está baseada en feitos reais, pero semella que non era certo en absoluto, senón que o puxeron para intentar condicionar ao público.

A historia está ambientada en Minnesota. Un vendedor de coches ten débedas, pero ten a sorte de estar casado coa filla dun empresario moi rico. Para intentar pagar as débedas, ocórreselle o absurdo plan de contratar a un par de delincuentes para que secuestren á súa muller, e despois repartir o rescate con eles. Pero resulta que, en paralelo, preséntalle ao seu sogro e ao socio del unha idea de negocio que pode funcionar e deciden axudarlle a levala adiante. Polo tanto, o secuestro xa non é necesario, e intenta paralo, pero non chega a tempo para impedilo.

Por outra banda, os dous delincuentes contratados resultan ser bastante salvaxes, e matan as tres persoas que foron testemuñas nun control de estradas da policía que non puideron esquivar. A xefa da policía do afastado lugar onde suceden esas mortes, que non parece moi espabilada, comeza a investigar, pero ao final si resulta ser bastante espabilada (pero toda a xente desa zona semella que non) e resolve o caso.

Saúdos.



Rebeca

Hai pouco botaron esta mítica película no espazo de cine clásico da 2, e en condicións normais a vería alí, pero houbo algo que mo impediu, que agora non lembro que puido ser, e como está dispoñible en Youtube, boteille un novo visionado, que ben o merece. Xa a vira hai moitos anos, e lembraba que estaba moi ben e a trama xeral, pero non os detalles. Unha das cousas que máis me chama a atención desta película (non sei se na novela orixinal de Daphne du Maurier sucede) é que a protagonista principal non ten nome, ou polo menos, non se coñece en ningún momento. Fascinante, porque non desaparece da pantalla en case ningún momento.

"Rebeca" foi dirixida en 1940 por Alfred Hitchcock, sendo a súa primeira película en Estados Unidos. Estivo nominada a moitos Oscars, pero só levou dous, entre eles o de Mellor Película, que foi a única vez que este director o conseguiu (e mira que fixo méritos para máis). No elenco destacan, obviamente, Joan Fontaine e Laurence Olivier, e entre os moitos secundarios destaca poderosamente Judith Anderson facendo de ama de chaves.

A trama é coñecida. Unha modesta e humilde señorita de compañía dunha señora insoportable coñece en Montecarlo a un lord inglés chamado Max De Winter. De feito, a que estaba obsesionada con trabar amizade con el é a súa xefa, pero o lord namora da súa criada e decide casar con ela inmediatamente. Algo xa se comentaba de que o lord estaba recuperándose da morte da súa anterior esposa en tráxicas circunstancias.

Chegan a Manderley, a mansión inglesa na que vive o lord, e dende o primeiro momento, todo o todos fanlle patente que a memoria da anterior esposa, Rebecca De Winter (obviamente, non aparece en ningún momento, pero case parece que si), é indeleble, e que lle vai resultar moi difícil facela esquecer e que non vai encaixar ben en ningún momento.

Polo que parece, todo o mundo a adoraba, especialmente a ama de chaves, a lúgubre señora Danvers, pero a nova esposa vai sabendo que, por exemplo, Max De Winter non tiña unha boa relación con ela e que, en parte, tivo algo ou moito que ver coa morte da súa muller, que pasaba tempadas soa nunha casiña na praia, co seu amante.

Saúdos.



martes, 20 de maio de 2025

O cebo

Hai unhas semanas cruceime na televisión con algo bastante raro. Supostamente estaban emitindo o programa "Versión española" da 2, na que botan películas españolas. Pero o que estaban proxectando non tiña en absoluto a pinta de ser unha película española. Polo visto, era esta coprodución hispano-xermano-suíza. De feito, o seu título orixinal está en alemán, e significaría algo así como "Sucedeu a plena luz do día". Todos os actores eran alemáns ou suízos agás unha, María Rosa Salgado, que foi unha certa estrela da época, pero pouco despois deixou a profesión ao casarse cun famoso toureiro (ejem...).

"O cebo" foi dirixida por Ladislao Vajda en 1958. Aparte da española María Rosa Salgado, o resto do elenco é xermano-suízo, destacando o papel de Heinz Rühmann, e tamén o de Gert Frobe (que fixo de Goldfinger na famosa película de James Bond).

A historia non está mal. Nun bosque cercano a unha vila suíza aparece morta unha nena de 8 anos. Descúbrea un vendedor ambulante, que como non ten moi boa fama na zona, é acusado inmediatamente do asasinato. El intenta defenderse, pero case ninguén lle cre, e acabo aforcándose na cadea.

O único que lle tiña algo de fe era o comisario xefe da zona, pero mira ti por onde, vai deixar de selo, porque marcha para Xordania cun contrato de cinco anos para organizar a policía daquel país. Pero cando xa está montado no avión para Xordania, ve algo que lle dá unha boa pista para localizar ao asasino, que el segue pensando que non foi o vendedor ambulante.

Intenta volver ao seu antigo posto, pero non llo permiten, así que comeza a investigar pola súa conta. Instálase na zona na que el cre que vive o asasino, porque ve conexión con asasinatos anteriores. Merca unha pequena gasolineira, queda a vivir alí e contrata a unha muller solteira que ten unha filla moi parecida á nena asasinada.

E dun xeito máis ou menos discreto, convértea nun "cebo humano" para o asasino, que efectivamente, vive por alí, pasa pola estrada na que está esa gasolineira, e acaba picando, con final feliz para todos.

Saúdos.



A velada de Londres

Acabo de asistir á estrea da obra teatral "A velada de Londres", a cargo da compañía ButacaZero. O director da maioría das obras d...