Como xa teño dito aquí nalgunhas ocasións, Sherlock Holmes é un personaxe que me fascina (sospeito que non debo ser a única persoa no mundo). Hai moitos anos vin na televisión películas en branco e negro sobre o personaxe que me gustaron moito. Agora que en Youtube están dispoñibles aqueles clásicos dos anos 40, estoume poñendo a velos, coa agravante de que ademais son películas bastante breves, que duran pouco máis de unha hora. Pero se me está derrubando un pouco o mito, porque agora estanme parecendo algo mediocres. Pero coñecéndome, sospeito que as verei todas, porque non son moitas, unhas quince.
"Sherlock Holmes desafía á morte" foi dirixida en 1943 por Roy William Neill (que dirixiu case todas as desta saga). Está baseada no relato "O ritual dos Musgrave" (un dos 56 que Arthur Conan Doyle escribiu deste personaxe) pero coa temática algo actualizada á época. Obviamente, de Sherlock Holmes fai Basil Rathbone e de Watson fai Nigel Bruce. De Inspector Lestrade fai Dennis Hoey (outro clásico) e foi a segunda das tres películas da saga na que participou a actriz Hillary Brooke. A verdade é que unhas semanas despois de vela case non lembraba nada dela, e tiven que ver de novo algúns fragmentos para lembrar vagamente a trama.
Durante a Segunda Guerra Mundial, os propietarios da mansión Musgrave, un lugar bastante tenebroso, ceden gratuitamente o edificio como hospital para militares que queren curarse do estrés postraumático da guerra. Alí son atendidos polo doutor Watson. Como non podía ser doutro xeito, comezan a producirse mortes en moi estrañas circunstancias, comezando pola do propietario da mansión, e Watson avisa a Holmes para que bote unha man. Acaba descubríndose un complot para eliminar a todas as persoas que están alí e para poder facer uso dun documento antigo que se atopa alí e que faría moi rica á persoa que o posuíra.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario