Hai unhas semanas cruceime na televisión con algo bastante raro. Supostamente estaban emitindo o programa "Versión española" da 2, na que botan películas españolas. Pero o que estaban proxectando non tiña en absoluto a pinta de ser unha película española. Polo visto, era esta coprodución hispano-xermano-suíza. De feito, o seu título orixinal está en alemán, e significaría algo así como "Sucedeu a plena luz do día". Todos os actores eran alemáns ou suízos agás unha, María Rosa Salgado, que foi unha certa estrela da época, pero pouco despois deixou a profesión ao casarse cun famoso toureiro (ejem...).
"O cebo" foi dirixida por Ladislao Vajda en 1958. Aparte da española María Rosa Salgado, o resto do elenco é xermano-suízo, destacando o papel de Heinz Rühmann, e tamén o de Gert Frobe (que fixo de Goldfinger na famosa película de James Bond).
A historia non está mal. Nun bosque cercano a unha vila suíza aparece morta unha nena de 8 anos. Descúbrea un vendedor ambulante, que como non ten moi boa fama na zona, é acusado inmediatamente do asasinato. El intenta defenderse, pero case ninguén lle cre, e acabo aforcándose na cadea.
O único que lle tiña algo de fe era o comisario xefe da zona, pero mira ti por onde, vai deixar de selo, porque marcha para Xordania cun contrato de cinco anos para organizar a policía daquel país. Pero cando xa está montado no avión para Xordania, ve algo que lle dá unha boa pista para localizar ao asasino, que el segue pensando que non foi o vendedor ambulante.
Intenta volver ao seu antigo posto, pero non llo permiten, así que comeza a investigar pola súa conta. Instálase na zona na que el cre que vive o asasino, porque ve conexión con asasinatos anteriores. Merca unha pequena gasolineira, queda a vivir alí e contrata a unha muller solteira que ten unha filla moi parecida á nena asasinada.
E dun xeito máis ou menos discreto, convértea nun "cebo humano" para o asasino, que efectivamente, vive por alí, pasa pola estrada na que está esa gasolineira, e acaba picando, con final feliz para todos.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario