sábado, 17 de maio de 2025

Treixadura - Camiño Longo

Dende hai xa bastantes anos, son un gran seguidor do grupo Treixadura, e creo que non me perdo ningún dos seus concertos cando se achegan por Coruña. Eu xuraría que xa levaban un mínimo de 6 ou 8 anos sen vir por aquí. Onte pola noite estiveron de novo e foi un grande éxito, coma sempre, resultan tremendamente fiables.

Non podo aseguralo, pero xuraría que era a primeira vez que viñan dende que presentaron o seu último disco, titulado "Camiño longo", publicado no ano 2022. Creo que estaba pendente da axenda cultural ou da súa web para ver cando pasarían por Coruña, pero nunca había noticias, por fin acabaron chegando. Polo que estou vendo, hai poucas cancións novas neste disco, e moitas novas versións e reinterpretacións dos éxitos de sempre.

Pois nada, como xa dicía, son moi fiables e previsibles, cando vas a un concerto sabes ao que vas, pero nunca fallan. Sobre todo ao comezo cantaron algunhas pezas que non me soaban de nada, dixeron que estarían no seu vindeiro disco, que publicarían a finais deste ano, pareceume entender. Como principal novidade no elenco, non estaba o gaiteiro Xaquín Xesteira, que foi substituído polo seu fillo Roi.

Saúdos.



domingo, 4 de maio de 2025

Papaventos

Seguimos avanzando cara ao final da colección Biblioteca Galega 120, editada pola Voz de Galicia no ano 2002, cando se cumprían 120 anos da fundación dese xornal, e baixo a dirección editorial do xornalista Tucho Calvo. Nesta ocasión tocou ler a novela "Papaventos" de Xavier Queipo, o volume 116.

Interesante novela, xa que o escritor é moi hábil na redacción, aínda que nalgunhas ocasións moi detallista en aspectos como o léxico, entre outras cousas de especies animais, xa que é biólogo, e traballou neses labores na Comunidade Europea ata hai pouco, que se xubilou, e volveu a Vigo.

A obra basicamente conta a vida de Francis, un tradutor de orixe padronesa pero que está vivindo en California dende hai tempo, e alí gánase a vida traducindo para unha editorial. Aínda que tivo algunha relación homosexual no seu pasado (e da que non garda, en absoluto, malos recordos), acaba de comezar unha relación con Rose, unha muller de orixe irlandesa da que está moi namorado.

E simultaneamente, suceden dúas cousas que semellan ter moita relación entre sí, aínda que non deberían. O seu editor dille que hai un escritor portugués chamado José Saramago, que todos os anos soa como posible Premio Nobel, e a editorial quere dar a campanada traducindo ao inglés a última novela do autor, titulada "Ensaio sobre a cegueira". E xusto ao mesmo tempo, o seu oftalmólogo diagnostícalle unha doenza dexenerativa das súas retinas que o deixará cego en, como moito, seis meses, xa que non hai cura para ela.

Polo que acabo de ler, o Nobel déronllo a Saramago no ano 1998, e esta novela é do ano 2001. Pero parece que está baseada en feitos reais, porque o verdadeiro tradutor da obra ao inglés, Giovanni Portiero, morreu nesas circunstancias.

Francis acaba volvendo a Padrón na parte final da súa vida para rematar a tradución nun ambiente de máis tranquilidade, mentres a cegueira vai avanzando. O final é tamén bastante tráxico, pero non sei se é igual ao da realidade.

Iso si: non teño nin idea da razón pola cal escolleu ese título para a novela. Nun momento polo medio, nunha escena do máis secundaria, sae un neno chinés xogando cun papavento, e Francis axúdalle a manexala mellor, porque claramente é novato. Pero nada máis.

Saúdos.



Manuela Rey is in da house

Teño a sensación de que nos últimos tempos o Centro Dramático Galego colleu de novo un certo pulo. Semella que a dirección de Fran Núñez estalle dando algo de aire fresco, e hai bastantes producións e bastante variadas. Seguro que haberá moita xente da profesión teatral que non estea de acordo, e que saben máis ca min do tema, pero tamén é certo que é un sector no que teñen bastante tendencia a estar insatisfeitos, pase o que pase.

O caso é que onte mesmo vin unha das súas últimas producións, que xa dende o título semella pouco convencional: "Manuela Rey is in da house" (supoño que o título está en inglés, pero nin iso podería asegurar). A obra non está mal, pero hai que recoñecer que estiran o chicle dun evento ou sucedido do que se sabe moi pouco, e supoño que o fan a partir de elucubracións e moita imaxinación.

O evento ou sucedido foi o descubrimento da existencia dunha actriz galega de mediados do século XIX, que morreu pouco tempo despois sendo unha estrela do mundo teatral en Portugal, pero da que non se sabe apenas nada (sobre todo dos seus primeiros anos, dos últimos xa si).

Manuela Rey naceu en Mondoñedo en 1842. Por algunha razón que se descoñece, con poucos anos (se cadra 8 ou 10) marchou dalí cunha compañía teatral. Cabe a posibilidade de que algún dos integrantes da compañía fora familiar seu, pero tampouco está nada claro.

Despois de actuar principalmente en lugares do noroeste da península ibérica, acabou chegando a Portugal con non moitos anos, menos de 20. E alí tivo sorte e pasou a formar parte do elenco estable do Teatro Nacional Dona María II, que está no centro de Lisboa. Era xa unha estrela consagrada, e consérvase algunha fotografía. Morreu a comezos de 1866, cando só tiña 23 anos.

É unha coprodución do Centro Dramático Galego, o Centro Dramático de Viana do Castelo, o Teatro Nacional Don Joao, o Teatro Nacional Dona María II e incluso o INCIPIT, que pertence ao CSIC, porque houbo traballos de arqueoloxía (documental) debidos a esta investigación. O elenco está formado por oito persoas, catro galegas e catro portuguesas.

Saúdos.



sábado, 3 de maio de 2025

Stefan Zweig: Adeus a Europa

Non é moi habitual ver cine austríaco por aquí, pero en Amazon atopei unha película sobre Stefan Zweig, que é un dos personaxes máis importantes nacidos naquel país, e que sempre me resultou bastante interesante. Os actores deben ser coñecidos no seu país, pero non fóra de alí.

"Stefan Zweig: Adeus a Europa" foi dirixida por Maria Schrader en 2016. Supoño que as persoas que hai que destacar do elenco son as que representan os papeis de Stefan Zweig e as súas dúas esposas, ou sexa, Josef Hader, Aenne Schwarz e Barbara Sukowa.

A Stefan Zweig sempre lle gustou moito viaxar, e a mediados dos anos 30, xa viu que a cousa en Europa se estaba poñendo moi fea, así que foi exiliándose en diferentes lugares, fuxindo do nazismo. Primeiro foi a París, despois a Londres, e finalmente deu o salto a Sudamérica. Na película saen visitas e estancias en diferentes lugares como Arxentina, Brasil ou Estados Unidos.

Finalmente acabaron instalándose en Petrópolis, unha cidade brasileña que se atopa cerca de Río de Janeiro, pero máis ben entre selvas tropicais. Alí teñen a amizade e cercanía de colegas alemáns que tamén viven alí, ou de escritoras como a chilena Gabriela Mistral, que era cónsul naquela cidade. Finalmente, a comezos de 1942, tanto el como a súa segunda esposa decidiron suicidarse cunha sobredose de barbitúricos, e morrer abrazados na súa cama, porque xa estaban convencidos de que o nazismo se estendería por todo o planeta.

Saúdos.



venres, 2 de maio de 2025

Un dos nosos

Esta película xa ten 35 anos e sempre oín falar bastante ben dela, así que tiña ganas de vela, pero non foi ata onte que a atopei en Netflix. É de mafiosos, que sempre é un tema que dá de sí, pero tamén é certo que tampouco aporta nada do outro mundo, hai unha certa monotonía nestas temáticas. Como curiosidade, diremos que a tradución do título orixinal sería "Bos amigos", que en Hispanoamérica se chamou "Bos rapaces" e aquí déronlle un xiro considerable. Pero vaia, que todos valen.

"Un dos nosos" foi dirixida en 1990 por Martin Scorsese. Os papeis principais foron para Ray Liotta (sabía que era un dos principais, pero non sabía que era o máis importante de todos), Robert de Niro, Joe Pesci, Paul Sorvino e Lorraine Bracco (soábame ese nome pero non lle poñía cara, resulta que décadas despois a vin con frecuencia nunha serie policíaca). Por se a alguén lle interesa, optou a Seis Oscars, pero só o levou Joe Pesci por Mellor Actor Secundario. Polo visto, o que se conta está baseado en casos reais de mafiosos de orixe italiana en Nova Iork.

A película conta máis ou menos a vida de Henry Hill, un rapaz de Brooklyn, fillo de irlandés e siciliana, que entrou en contacto coa prestixiosa mafia do seu barrio, porque se criou entre eles, e nunca tivo outro obxectivo na súa vida que non fora unirse a eles. Faise moi colega de Tommy De Vito e Jimmy Conway, tamén ten moi boa relación con Paulie Cicero, e casa con Karen Hill, con quen ten varias fillas e unha relación que fluctúa, xa que simultaneamente ten relacións con varias amantes, sen esconderse demasiado. E non ten moita máis ciencia, o típico destas temáticas, moita violencia de todo tipo, personaxes absolutamente disparatados e sen criterio, amor polos cartos, polas drogas, polo sexo... o de sempre coa mafia.

Saúdos.



xoves, 1 de maio de 2025

Sherlock Holmes na Casa do Medo

Como xa dixen non hai moito tempo neste mesmo foro, a saga de catorce películas que rodaron ese pequeno grupo de persoas nos anos 40 baseadas nos relatos da Arthur Conan Doyle sobre o marabilloso personaxe de Sherlock Holmes, é unha auténtica delicia. E ademais son breves, duran pouco máis de unha hora a maioría. Unha destas noites tiña un pequeno oco e animeime a ver outra. Esta da que imos falar hoxe, supostamente, está baseada no relato "As cinco sementes de laranxa", pero creo que só o está moi lixeiramente. A historia é totalmente diferente: a orixinal tiña que ver co Ku Klux Klan estadounidense (aínda que transcorría en Inglaterra), mentres que esta sucede nunha mansión en Escocia, sen ningún tipo de relación co KKK.

"A Casa do Medo" foi dirixida (como sempre) por Roy William Neill en 1945. Como sempre, o elenco estaba protagonizado por Basil Rathbone e Nigel Bruce. Non creo que ningún dos secundarios destaque excesivamente, agás Paul Cavanagh, que xa tiña un papel destacado na anterior película desta saga, que vin hai poucas semanas.

A estraña historia ten lugar nunha luxosa mansión que hai a carón dun acantilado en Escocia. Todo comeza cando un empregado dunha empresa aseguradora vai visitar a Holmes e Watson, porque nesa mansión están pasando cousas moi estrañas. Alí xuntáronse sete excéntricos xubilados que se autodenominan "os bos camaradas", e que van pasar xuntos os últimos anos da súa vida. Asinaron unha póliza segundo a cal, cando morra cada un deles, o seguro pagaralles unha boa cantidade a todos os demais que lle sobrevivan.

Para a empresa aseguradora, o problema é que están comezando a morrer, e non puntualmente, senón todos seguidos, e de estrañas formas. Sempre que sucede unha desas mortes, o que vai morrer recibe, diante dos outros, que están sempre sentados á mesa, un sobre cunha cantidade variable de sementes de laranxa (non cinco). Por exemplo, cando morreu o primeiro, acaba de recibir un sobre con sete pebidas, o seguinte con seis, e así sucesivamente. En todos os casos, a morte era terrible, e o cadáver quedaba nun estado difícilmente recoñecible, agás por complementos como aneis, reloxos ou similares.

Sherlock Holmes e Watson achéganse á zona e incluso acaban morando na mesma mansión. E efectivamente, van caendo un tras outro, ata sobrevivir só o último, que como é lóxico, é o principal candidato a culpable, porque así cobraría todas as pólizas das mortes de todos os demais. Pero resulta que a historia é máis retorcida. Como está en Youtube, podedes vela alí sen problema.

Saúdos.



Casa de xogos

Vin esta película hai moitos anos, probablemente nos anos 90, non creo que fora no cine, senón na televisión uns anos despois da súa rodaxe. Deixoume unha sensación fantástica. Entereime hai uns días que estaba no catálogo de Amazon Prime, e decidín revisitala. Esta segunda vez non me pareceu tan marabillosa como a primeira, entre outras cousas, porque a principal sorpresa da trama si a lembraba (máis ou menos). Pero se vós non a vistes, é altamente recomendable.

"Casa de xogos" foi a primeira película dirixida por David Mamet (que ten grande carreira tamén como escritor e dramaturgo) en 1987. As dúas persoas que máis destacan no elenco son Lindsay Crouse (daquela estaba casada co director) e Joe Mantegna. O resto de secundarios faino moi ben pero ten pouca presenza, os dous anteriores monopolizan case todas as escenas.

A trama é un tanto peculiar, e ten un xiro de guión na parte final que vos sorprenderá bastante, así que non vou desvelar apenas nada. Só direi que vai de timadores, e esas son sempre unhas historias ben interesantes, porque falan de timos moi intelixentes e retorcidos.

Margaret Ford é unha exitosa psiquiatra, que tamén acaba de triunfar vendendo moitos exemplares dun libro sobre o TOC. Pero a súa vida tampouco a satisfai demasiado, non para de traballar e apenas ten tempo para nada máis. Ten pacientes moi variados, pero un deles ameaza con quitarse a vida, porque lle debe moitos cartos a un mafioso chamado Mike Mancuso e non se ve capaz de devolverllos. 

Ela promete axudarlle de forma práctica. Para iso, vai ao local no que se move o mafioso para interceder diante del en nome do seu paciente, e alí descubre que a realidade é algo diferente. Esa noite entra en contacto co mundo dos timadores, e non lle desagrada o que ve. Pide reunirse con Mike de novo ao día seguinte, para coñecer mellor ese mundo, e poder escribir un libro sobre eles. E non vos vou contar máis, porque xa digo que, non sendo a mellor película do mundo, si é moi interesante e sorprendente.

Saúdos.



A velada de Londres

Acabo de asistir á estrea da obra teatral "A velada de Londres", a cargo da compañía ButacaZero. O director da maioría das obras d...