sábado, 1 de xuño de 2024

Smilla: misterio na neve

O outro día púxose a tiro, de novo, esta película. Soábame que estaba baseada nunha novela negra escandinava, que están collendo moita boa fama nos últimos tempos, e pensei que podía ser boa idea vela. O reparto tamén semellaba bastante bo, e pensei que non podía ser moi mal se moitas desas actrices e actores aceptaron participar nela. Despois de vela, descubrín que a historia tiña que ver algo ou bastante coa cultura de Groenlandia, e iso non me pareceu nada mal.

"Smilla: misterio na neve" foi dirixida en 1997 por Bille August. No elenco están Julia Ormond, Gabriel Byrne, Richard Harris, Vanessa Redgrave, Robert Loggia ou Jim Broadbent, non está nada mal para ser unha película danesa. Está baseada nunha novela dun tal Peter Hoeg (por certo, o título da novela tamén fai referencia á especial percepción da neve de Smilla). A neve é un elemento importante na película.

A min soábame que o plantexamento da historia partía de que morría un neno no centro de Copenhage, que todos opinaban que era un claro suicidio, pero que unha muller que andaba por alí cerca notaba indicios de que non era así. Esa é a segunda escena da película. A primeira escena da película está ambientada nun deserto xeado a mediados do século XIX, onde se ve a un pescador que se ve sorprendido pola onda xerada por un meteorito ao caer sobre a terra. Recoñeceredes que o comezo é impactante e intrigante: que relación pode haber entre esas dúas cousas tan aparentemente lonxanas? Pois haina.

Esa muller que opina que o rapaz non se suicidou era unha veciña del que lle tiña moito cariño, e que o coidaba en ocasións, porque os seus pais eran inuits groenlandeses que estaban habitualmente borrachos (polo visto, os inuits de Groenlandia teñen serios problemas co alcol, cousa que eu non sabía, en absoluto). A muller (obviamente, Smilla) tamén sabía que o rapaz tíñalle medo ás alturas, e non lle cadraba en absoluto que o rapaz se suicidara tirándose dende a azotea, que é a versión que defenden as autoridades. Para rematar, ela tamén naceu en Groenlandia, a súa nai era inuit (xa morreu) e o seu pai é un prestixioso médido en Copenhage, co que aínda ten contacto fluído. Por nacer en Groenlandia, ten percepcións da neve que a maioría non teñen, e iso faille ver cousas que os demais non ven.

En definitiva, que ponse a investigar pola súa conta e descubre que está pasando algo bastante estraño. O rapaz era examinado periodicamente por importantes médicos daneses, sen razón aparente, e detrás de todo iso semella estar unha potentísima empresa. Polo que parece, todo parece ter relación con aquel meteorito que caeu no século XIX, que trouxo algún microorganismo moi perigoso, e que xa provocou mortes e estrañas doenzas. A empresa quere aproveitalo enerxeticamente, pero está investigando as consecuencias que pode provocar ese microorganismo, que non están nada claras.

Saúdos.



Mad Max 3: alén da cúpula do trebón

Xa o comentei aquí algunha vez, e se analizades o meu perfil intelectual (dubido que perdades o tempo en cousa tan inútil), seguramente non entendades moi ben por que me atraen as películas da saga de "Mad Max". Crédeme: eu tampouco o entendo, pero algo deben ter. Agora xa só me falta a primeira (que probablemente será a mellor, como pasa en case todas as sagas), e creo que hai pouco sacaron outra, que non sei aínda moi ben se está en cines ou se xa non o está.

"Mad Max 3" foi dirixida en 1985 por George Miller (creador da saga) e George Ogilvie (non sei exactamente como se repartiron o traballo). Os papeis estelares son para Mel Gibson (obviamente) e para Tina Turner, que cantou algunha das cancións da banda sonora, que se converteron en éxitos do momento. O resto non me soan de nada, e semella que tiveron certa traxectoria no audiovisual de Oceanía (Australia e Nova Zelanda, obviamente), pero non moito máis alá.

Non hai moito que contar da trama nesta saga. Carreiras, pelexas e bastante salvaxismo, pero as paisaxes dos desertos australianos son unha pasada, e incluso hai un fermosísimo oasis. O Max este chega a unha estraña cidade no medio do deserto que se chama NegoCidade, unha cidade bastante tenebrosa onde todo se negocia.

Nesa cidade manda a Tía Ama, muller corrupta e que malmete para mandar aínda máis. O único que non está totalmente baixo o seu control é o Submundo, un "paraíso" subterráneo que xera o metano da merda dos cerdos que dá electricidade á NegoCidade. Alí manda o Mestre Golpeador, un ser dividido en dúas partes independentes pero moi unidas: na parte superior un anano moi intelixente, e na inferior un xigante cunha forza descomunal.

Mad Max provoca a situación para enfrontarse ao Mestre Golpeador na Cúpula do Trebón, unha semiesfera na que se enfrontas dúas persoas e da que só pode saír unha viva. Finalmente gana Max, obviamente, pero non é el quen mata ao Golpeador (o Mestre sobrevive, terá o seu papel despois). Debido a iso, ten que marchar ao exilio polo deserto.

Estando alí, dá de casualidade cun grupo de nenos que vive nun oasis, liderados por dous adolescentes. Teñen unha estraña mitoloxía que lles fai confundilo cun antigo piloto de avión que os levou ata alí, e prometeu volver por eles despois de que o seu avión se estrelara, xa que os seus resto aínda están alí cerca.

El dilles que non é o piloto que están esperando e algúns dos nenos deciden fuxir polo deserto na súa busca. El decide axudalos pero acaban chegando a NegoCidade (tampouco é que haxa moitos sitios a onde ir) e enfrontándose aos seus habitantes, entre outras cousas, cun avión dun chalado que vive por alí cerca. Finalmente eses rapaces acaban chegando ás ruínas do que fora a cidade de Sidney e establécense alí.

Saúdos.



martes, 28 de maio de 2024

A quinta de Saler

Seguimos avanzando a boa velocidade cara ao final da colección Biblioteca Galega 120, que editou a Voz de Galicia no ano 2002, cando cumpría 120 anos de vida. Nesta ocasión foi a quenda do volume 106, titulado "A quinta de Saler", novela escrita por Antón Riveiro Coello.

A novela está ambientada, e boa parte da temática xira en torno a iso, no Couto Mixto, ese territorio do sur de Ourense que historicamente estivo entre Galicia e Portugal, e que tivo un estatus xurídico e político propio. E casualmente un día destes tamén entrevistamos na radio a un historiador que está moi especializado nese tema, entre outras cousas, por ser natural dalí mesmo.

A trama está moi ben. Un editor ten unha brillante idea para publicar unha nova novela coa súa editorial. Retará a dous escritores, que non poden coñecer ao outro, a escribir capítulos alternos dunha novela, cuxo punto de partida inicial o dá el mesmo cun breve texto. Ademais, cada un dos autores, teñen que acompañar cada capítulo cun movemento no taboleiro de xadrez, xogando así unha partida virtual.

Os dous elixidos son un home e unha muller, e parte da graza do libro consiste en narrar como están intentando adiviñar cada un deles quen é o outro, polo seu estilo. Un deles está convencido de que o seu contrincante é Méndez Ferrín. Na partir final da novela, incluso están vivindo bastante cerca entre sí, ata o impactante final.

Saúdos.



martes, 21 de maio de 2024

Veladas indecentes

Como xa dixen, avanzo axiña pola colección Biblioteca Galega que A Voz de Galicia publicou no ano 2022 co gallo do seu 120 aniversario. A colección está formada por 120 volumes e en poucos días caeron dous. E nos vindeiros caerá outro máis, pero non adiantemos acontecementos. Onte lin o volume número 105, que é "Veladas indecentes" do dramaturgo Manuel Lourenzo.

É un dos persoeiros máis importantes do teatro galego, leva xa 55 anos creando obras. Pero recoñezo que eu nunca conectei ben coa súa obra. Puiden ver unhas cantas obras, longas ou breves, máis ou menos recoñezo o seu estilo, pero non me engancha en absoluto. E as tres pezas breves deste volume non cambian a miña opinión, máis ben todo o contrario.

A pesar do título xeral de "Veladas indecentes", nin sequera teño claro cal é o fío condutor das tres peciñas:
- A primeira titúlase "A velada de Londres" e é claramente a máis comprensible. Só hai tres personaxes, que son Jonathan Harker e Mina, de "Drácula" e un tal Doutor, que por momentos semella ser o propio Conde Drácula. Os seus diálogos parecen lembrar á inmortal obra de Bram Stoker.
- "Cando chega decembro", absolutamente incomprensible e si, seguramente algo indecente
- "A velada espectral de Mister Peabody", nin comprensible nin indecente. Algo así como un xornal que está investigando un suposto escándalo urbanístico, pero todo resulta moi confuso e o final é absolutamente absurdo, se é que o ten, que nin sequera iso teño claro....

Pois nada, este autor non é para min, definitivo.

Saúdos.



luns, 20 de maio de 2024

O corazón portugués

O volume número 104 da colección Biblioteca Galega que a Voz de Galicia editou no ano 2002 é a novela "O corazón portugués", escrita polo xornalista de Fene Ramón Loureiro. Como aquel ano se cumprían 120 ano da existencia dese xornal, a colección completa ten 120 volumes. E como os estou lendo por orde de numeración, xa estamos cerca de rematar. Se todo vai ben, esta mesma semana caerán os dous seguintes.

Recoñezo que non conseguín contactar coa novela. Tiña boas trazas pero non conseguín mergullarme na súa historia. A forma de escribir do autor, do que non lera nada antes, por momentos lembra a Álvaro Cunqueiro, que non é ningunha broma. Pero só é por momentos, e nos outros momentos, os personaxes que propón non acabaron de engancharme.

Está ambientada na Terra de Escandoi, que semella algún lugar entre Ferrol, Pontedeume e Mondoñedo, porque diferentes escenas teñen lugar nesas zonas. Os personaxes son actuais (algún deles ata sae a correr, vicio moi actual), e algún ten leves referencias ao pasado. Varios morreron de morte tráxica e inesperada e parece que non teñen moi claro se xa están noutro mundo ou aínda neste. Outro dos personaxes principais perdeu á súa amada e tampouco sabe que facer da súa vida. Ou sexa, que a historia tiña bos vimbios, pero non conseguín pillarlle o punto.

Saúdos.



Milladoiro: 45 anos

Onte había unha cita ineludible na Coruña. Cumpríanse 45 anos dende que Milladoiro fixera o seu primeiro concerto, no colexio dos Salesianos. A cousa parece que saíu ben, e case medio século despois, volveron para agradecer aquel impulso inicial. O concerto foi no Pazo da Ópera.

Coincidín con varios colegas, e algún deles non lembraba ter estado nunca nun concerto de Milladoiro. Saíu autenticamente marabillado, pero os que xa estivemos varias veces sabemos que é o seu nivel habitual. Por desgraza, xa non poden tocar algunhas das súas pezas, nas que destacaba a arpa, porque xa non hai ninguén no grupo que a toque. Eu considero que os seus 7-8 primeiros discos son autenticamente inigualables, e se só tocaran pezas deles, o concerto non perdería calidade, penso que máis ben a ganaría, pero vaia, tamén está moi ben así.

Dende hai máis de 10 anos teñen unha formación estable, despois dunha época con bastantes cambios. Seguen os tres fundadores que chegaron do grupo Faíscas do Xiabre, formado en Catoira a finais dos 70. Son Nando Casal, que toca gaita, clarinete e frautas, Xosé Ferreiros, que toca gaitas, frautas, algún instrumento de corda como mandolina ou bouzouki e tamén a pandeireta, e Moncho García, que toca só percusión. Harry C leva xa máis de 25 anos como violinista, e xa é o cuarto que ten o grupo, pero semella xa o máis estable. Manu Conde leva case 25 anos tocando a guitarra e o bouzouki. E o último en incorporarse foi Manuel Riveiro, que toca todo tipo de teclados, piano e acordeón.

A sorpresa para min foi que en parte do concerto estivo unha segunda violinista, que tamén cantou en varias cancións, e que se chama Ilduara. Polo visto, é Ilduara Vicente, e é a filla de Pepe Ferreirós. Non sei se vai ser unha nova incorporación do grupo ou só colaboradora puntual, tendo en conta que violinista xa teñen. En tres pezas tamén saíron o bailarín Xesús Quiroga e unha compañeira, para amenizar a escoita coa danza.

Saúdos.



Zavala

Outra cousa que non facía dende había tempo era ir á sala Mardi Gras. Xuraría que foi a primeira vez dende a pandemia. Aproveitei que andaba por cerca, despois de visitar o Museo de Belas Artes polo Día Internacional dos Museos, e alí me presentei. 

Non me desagradou o grupo Zavala. Está formado por Carla Romalde (impresionante a súa voz), Ana Lage (baixo), Elena Zas (piano), Victor Ledo (guitarra) e Carlos Castro "Kos" (bases electrónicas). Podería definirse como pop electrónico. Soan bastante frescos e cantan en galego (se non, non estaría eu alí).

Acaban de sacar a primeira parte do seu primeiro disco, titulado "Pequeno manual para grandes cambios. Teoría e Práctica". Ten unhas 13 cancións, e a segunda parte, que teñen previsto publicar a finais deste ano 2024, terá outras 13. O malo (para min) é que só o editaron en formato vinilo, polo que me pareceu entender. Pero haberá que seguirlles a pista, teñen moi boa pinta.

Saúdos.



A velada de Londres

Acabo de asistir á estrea da obra teatral "A velada de Londres", a cargo da compañía ButacaZero. O director da maioría das obras d...