sábado, 1 de xuño de 2024

Smilla: misterio na neve

O outro día púxose a tiro, de novo, esta película. Soábame que estaba baseada nunha novela negra escandinava, que están collendo moita boa fama nos últimos tempos, e pensei que podía ser boa idea vela. O reparto tamén semellaba bastante bo, e pensei que non podía ser moi mal se moitas desas actrices e actores aceptaron participar nela. Despois de vela, descubrín que a historia tiña que ver algo ou bastante coa cultura de Groenlandia, e iso non me pareceu nada mal.

"Smilla: misterio na neve" foi dirixida en 1997 por Bille August. No elenco están Julia Ormond, Gabriel Byrne, Richard Harris, Vanessa Redgrave, Robert Loggia ou Jim Broadbent, non está nada mal para ser unha película danesa. Está baseada nunha novela dun tal Peter Hoeg (por certo, o título da novela tamén fai referencia á especial percepción da neve de Smilla). A neve é un elemento importante na película.

A min soábame que o plantexamento da historia partía de que morría un neno no centro de Copenhage, que todos opinaban que era un claro suicidio, pero que unha muller que andaba por alí cerca notaba indicios de que non era así. Esa é a segunda escena da película. A primeira escena da película está ambientada nun deserto xeado a mediados do século XIX, onde se ve a un pescador que se ve sorprendido pola onda xerada por un meteorito ao caer sobre a terra. Recoñeceredes que o comezo é impactante e intrigante: que relación pode haber entre esas dúas cousas tan aparentemente lonxanas? Pois haina.

Esa muller que opina que o rapaz non se suicidou era unha veciña del que lle tiña moito cariño, e que o coidaba en ocasións, porque os seus pais eran inuits groenlandeses que estaban habitualmente borrachos (polo visto, os inuits de Groenlandia teñen serios problemas co alcol, cousa que eu non sabía, en absoluto). A muller (obviamente, Smilla) tamén sabía que o rapaz tíñalle medo ás alturas, e non lle cadraba en absoluto que o rapaz se suicidara tirándose dende a azotea, que é a versión que defenden as autoridades. Para rematar, ela tamén naceu en Groenlandia, a súa nai era inuit (xa morreu) e o seu pai é un prestixioso médido en Copenhage, co que aínda ten contacto fluído. Por nacer en Groenlandia, ten percepcións da neve que a maioría non teñen, e iso faille ver cousas que os demais non ven.

En definitiva, que ponse a investigar pola súa conta e descubre que está pasando algo bastante estraño. O rapaz era examinado periodicamente por importantes médicos daneses, sen razón aparente, e detrás de todo iso semella estar unha potentísima empresa. Polo que parece, todo parece ter relación con aquel meteorito que caeu no século XIX, que trouxo algún microorganismo moi perigoso, e que xa provocou mortes e estrañas doenzas. A empresa quere aproveitalo enerxeticamente, pero está investigando as consecuencias que pode provocar ese microorganismo, que non están nada claras.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...