sábado, 1 de xuño de 2024

Mad Max 3: alén da cúpula do trebón

Xa o comentei aquí algunha vez, e se analizades o meu perfil intelectual (dubido que perdades o tempo en cousa tan inútil), seguramente non entendades moi ben por que me atraen as películas da saga de "Mad Max". Crédeme: eu tampouco o entendo, pero algo deben ter. Agora xa só me falta a primeira (que probablemente será a mellor, como pasa en case todas as sagas), e creo que hai pouco sacaron outra, que non sei aínda moi ben se está en cines ou se xa non o está.

"Mad Max 3" foi dirixida en 1985 por George Miller (creador da saga) e George Ogilvie (non sei exactamente como se repartiron o traballo). Os papeis estelares son para Mel Gibson (obviamente) e para Tina Turner, que cantou algunha das cancións da banda sonora, que se converteron en éxitos do momento. O resto non me soan de nada, e semella que tiveron certa traxectoria no audiovisual de Oceanía (Australia e Nova Zelanda, obviamente), pero non moito máis alá.

Non hai moito que contar da trama nesta saga. Carreiras, pelexas e bastante salvaxismo, pero as paisaxes dos desertos australianos son unha pasada, e incluso hai un fermosísimo oasis. O Max este chega a unha estraña cidade no medio do deserto que se chama NegoCidade, unha cidade bastante tenebrosa onde todo se negocia.

Nesa cidade manda a Tía Ama, muller corrupta e que malmete para mandar aínda máis. O único que non está totalmente baixo o seu control é o Submundo, un "paraíso" subterráneo que xera o metano da merda dos cerdos que dá electricidade á NegoCidade. Alí manda o Mestre Golpeador, un ser dividido en dúas partes independentes pero moi unidas: na parte superior un anano moi intelixente, e na inferior un xigante cunha forza descomunal.

Mad Max provoca a situación para enfrontarse ao Mestre Golpeador na Cúpula do Trebón, unha semiesfera na que se enfrontas dúas persoas e da que só pode saír unha viva. Finalmente gana Max, obviamente, pero non é el quen mata ao Golpeador (o Mestre sobrevive, terá o seu papel despois). Debido a iso, ten que marchar ao exilio polo deserto.

Estando alí, dá de casualidade cun grupo de nenos que vive nun oasis, liderados por dous adolescentes. Teñen unha estraña mitoloxía que lles fai confundilo cun antigo piloto de avión que os levou ata alí, e prometeu volver por eles despois de que o seu avión se estrelara, xa que os seus resto aínda están alí cerca.

El dilles que non é o piloto que están esperando e algúns dos nenos deciden fuxir polo deserto na súa busca. El decide axudalos pero acaban chegando a NegoCidade (tampouco é que haxa moitos sitios a onde ir) e enfrontándose aos seus habitantes, entre outras cousas, cun avión dun chalado que vive por alí cerca. Finalmente eses rapaces acaban chegando ás ruínas do que fora a cidade de Sidney e establécense alí.

Saúdos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O xabaril branco

Seguimos avanzando na Biblioteca Galega 120 da Voz de Galicia, e chegamos ao volume 109 da colección. Eu xuraría que este xa o lin hai anos,...